maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 16 de octubre de 2021

David Foster Wallace nas profundidades da tristeza infinda, texto anónimo felizmente recuperado por Raúl Dans.


Velaquí a crónica publicada en Faro da Cultura, suplemento cultural do Faro de Vigo, sobre un texto que nos presentou Raúl Dans, escrito por un dramaturgo que se quitou a vida na contorna da cidade d'A Coruña despois de volver de Dallas, e logo de cumprir unha estraña misión de carácter literario vinculada con David Foster Wallace ou iso cabe supoñer. 


DFW nas profundidades da tristeza infinda

Un texto editado por Raúl Dans

Manuel F. Vieites

O texto que presentamos, publicado por Laiovento, admite lecturas varias e presenta cuestións diversas. Das primeiras debe dar conta quen nel se debruce, coa súa visión e vivencias, e das segundas adoitamos ocuparnos os que nos dedicamos a esta lea de comentar traballos alleos, que tanto encirrou e aproveitou Eugène Ionesco. O texto aparece asinado por Raúl Dans, e xa na contra capa se afirma que se trata dun reto dramatúrxico audaz, entre o relato biográfico e o delirio posmoderno, baixo a etiqueta de “non ficción”. A cuestión do delirio pode ter que ver coas iniciais no título (DFW), que remiten ao nome dun novelista norteamericano dos más polémicos nos últimos anos, o malogrado David Foster Wallace, que practicaba, sobre todo con títulos como Infinite Jest (1986), unha sorte de meta-modernismo, segundo referiu Trefor M. Williamson nun traballo sobre o concepto de hipertexto, que xa Otero Pedrayo mostrou en Rosalía (1959). O da posmodernidade vai por outros camiños. 

Outra das cuestións ten que ver coa reconstrución da biografía como modo dramático de composición (biodrama), que neste caso adquire convencións da peza documental. Por aí temos catro niveis de análise, estando os dous primeiros centrados nas historias de vida do defunto DFW e do seu amigo, o tamén novelista Jonathan Frazen, mentres que o terceiro nivel relanza a relación de amizade e competición que mantiñan eles dous. Por iso a Actriz afirma que se trata dunha obra de non ficción pois todo canto se narra sucedeu, ben que debamos considerar aquilo que Louis Trolle Hjelmslev definiu como “substancia do contido”. 

Logo está Raúl Dans, ao haber no texto un xogo incesante de autorías, pois a (re)construción biográfica é cousa dun escritor que se presenta como “verdadeiro autor desta obra” (VEDO), e que corresponde ao que temos denominado dramaturgo empírico. Mais será o dramaturgo implícito, dando voz e palabra, quen faga dicir que o texto que nos chega é un manuscrito que o dramaturgo empírico deixou enriba da súa mesa de traballo antes de suicidarse. Documento que quere ser espectáculo, polo que ese dramaturgo implícito tamén actuará como dramaturxista ficticio para deseñalo, e así ocorre que a madeixa narrativa da peza vaise desenfiando grazas á presentación de dous actores e unha actriz que van prestando voz aos personaxes invocados, incluíndo ao propio Verdadeiro Autor e a súa muller. Será Raúl Dans un deses actores?

Outra cuestión lévanos aos fenómenos de (contra)transferencia que agroman, de forma manifesta e latente, na ideación narrativa e na súa concreción. Interesan especialmente os que se vinculan coa relación entre DFW e máis ese Verdadeiro Autor, pois este acaba por impregnarse ata limites (in)sospeitados da personalidade do primeiro, como se comproba na mesma ideación da peza. Tal semella que o tal DFM se chega a converter para o VEDO en espello e obsesión. Como editor do guión, Dans achega a bibliografía usada por VEDO, que nos informa do labor de documentación para enfrontar o reto dramatúrxico xa referido. Cabería pensar mesmo na relación que puidera ter Dans con ese dramaturgo, que se quita a vida seguindo o exemplo de DFM, e se foi el quen situou no adral do volume unha frase inquietante de Michel de Montaigne. En todo caso, hai que agradecerlle a edición do manuscrito. 

O texto vai trocando o foco aos poucos, pois da mirada primeira que se ocupa do acontecido en 2008 en Claremont, California, e dos antecedentes que provocan o fatal desenlace na vida de DFW, pasamos á ollada que se deita sobre unha casa dunha aldea próxima a unha cidade, aquí en Galicia, pouco tempo despois de que o VEDO volva de Austin, Texas, a onde viaxa coa intención de cumprir unha importante misión no Harry Ransom Center. Un texto no que habita o desacougo, o desconcerto, o desánimo, a desesperanza, e unha soidade infinda. Magnífico. 

Fama volat

O Verdadeiro Autor, de volta de Austin, no avión, formula unha pregunta relevante. Pódese escribir despois de Joyce, Beckett ou Pynchon? Ou despois de Borges, Cortázar, Barth, Pinter, Caryl Churchill, Anne Sexton ou Sylvia Plath, engadimos nós? Todo depende de querer e saber ser donos das nosas esperanzas, desexos e anhelos, que tanto acaban por dicir de nós, de dicirnos sobre nós mesmos. Así, un dos actores comentará que o texto que presentamos foi escrito por un autor inxustamente ignorado, razón pola que sente a necesidade de recuperalo. Velaí unha queixa persistente no campo literario, que ten que ver coa necesidade de recoñecemento, presenza, titular, compaña ou cariño, que acompañou ao DFW toda a súa vida.

Hai anos compartín avión Madrid-Vigo cun mozo galego que logo souben é un importante científico que investiga tratamentos contra o cancro nos Estados Unidos. Na viaxe falou con quen sentaba ao seu lado de moitas horas de traballo no laboratorio, noites sen durmir, experimentos de meses ou anos, vivir sempre lonxe da familia..., pero tiña un soño, irrenunciable. En Peinador, unha multitude berraba entolecida coa chegada dos integrantes dun equipo de fútbol. El abriuse camiño como puido por unha mareira de mans con libretas e bolígrafos, ignorado e anónimo. Disque dicía Laozi: “quen sabe contentarse co que ten...”.  

miércoles, 6 de octubre de 2021

Lembrando a Alfonso Sastre, dramaturgo, dos máis importantes de todo o século XX en España

 


Hai uns días publicabamos no Faro da Cultura, que edita o xornal Faro de Vigo, unha crónica sobre Alfonso Sastre, que agora reproducimos. Acompañamos o escrito cunha fotografía da primeira función de Escuadra hacia la muerte, unha peza moi famosa do autor, estreada en 1953.

Lembranza de Alfonso Sastre Salvador, dramaturgo

 

Manuel F. Vieites

 

Na magnífica Historia del teatro español (Gredos, 2003) que coordinou Javier Huerta Calvo, Alfonso Sastre ocupa un lugar menor, comparado con outros enxeños da escrita dramática, como Benavente, Valle Inclán, Unamuno, García Lorca, Gómez de la Serna, Arniches ou Buero Vallejo. Sabemos que as escollas obedecen a cuestións de canon, pero velaí unha mostra de que Sastre segue sendo un autor incómodo, tamén pola natureza da súa escrita, obxecto central non obstante da historia literaria. 

Unha escrita que deriva do compromiso vital de quen vive en primeira liña os horrores da Guerra Civil e as duras condicións de vida dos primeiros anos de ditadura. Por iso a súa obra é profundamente política e ideolóxica, pero non esquezamos que todas as obras son políticas e mostran unha ideoloxía concreta, en tanto a polis se pensa e organiza con ideas sobre a maneira de negociar ou impoñer a convivencia en común. En efecto, pois ideoloxía significa “logos” ou ciencia das ideas. Algo que adoitan obviar os que menosprezan as achegas literarias de Sastre criticando que estean preñadas de ideoloxía. A Iliada tamén o está, coma Ulysses de James Joyce.

Sastre tamén dedicou tempo e paixón ao ensaio, quer en xornais e revistas especializadas, quer en volumes de teoría dramática, sendo neste campo un dos autores máis prolíficos en todo o século XX. A el debemos títulos como Drama y sociedad (1956), Anatomía del realismo (1965), La revolución y la crítica de la cultura(1970), Prolegómenos a un teatro del porvenir (1992), El drama y sus lenguajes (2000), fundamentais en historiografía dramática ou teatral. O último volume, que se xesta na Semana de Filosofía de Pontevedra en 1996, contén reflexións relevantes sobre formación teatral e fala escénica que aínda hoxe están por resolver.

Desde moi novo participou en varias iniciativas para transformar o teatro español, sendo a primeira o denominado Grupo de Arte Novo, creado en 1945. Ao mesmo tempo inicia unha xeira longa de colaboracións en semanarios como La Hora, nos que mostra a necesidade dun teatro máis atento á realidade social e á renovación artística. Nese semanario publica en 1950, en compaña de José María de Quinto, o manifesto do Teatro de Axitación Social, movemento que terá continuidade no Grupo de Teatro Realista, cos mesmos animadores. Alá por 1960 alenta desde as páxinas de Primer Acto unha polémica sobre a función do artista na sociedade franquista, dominada pola represión e a censura, e o rol do teatro. Na mesma participan Buero Vallejo e Alfonso Paso, un dos fundadores do Grupo de Arte Novo, que arelaban transformar o teatro desde o propio sistema, en tanto Sastre advertía dos perigos de ser devorado polo sistema e a necesidade de confrontalo.

Logo das súas primeiras pezas, Uranio 235 (1946) ou Cargamento de sueños (1948), marcadas por unha pulsión experimental descoñecida na dramática española ou europea da época, inicia unha longa etapa de escrita realista, en diálogo crítico con autores tan relevantes como Valle-Inclán ou Brecht, ou teóricos como Luckács. Virán despois un feixe de textos dos que abrollan poderosas metáforas dunha realidade sórdida, que mostraban con especial crueza a condición humana e os efectos do exercicio do poder. E así temos Escuadra hacia la muerte (1953), El pan de todos (1953), La mordaza (1954), Guillermo Tell tiene los ojos tristes (1955), Muerte en el barrio (1955) ou En la red (1959), textos escritos lonxe dunha mirada binaria asentada en antinomías. Unha liña que afonda no que denomina traxedia complexa, con textos como La sangre y la ceniza(1965) ou La taberna fantástica (1966), que se estrea en 1985, cun notable éxito de crítica e público, polo que lle outorgan o Premio Nacional de Teatro nese mesmo ano.  

Na hora do seu pasamento cómpre recuperar o legado enorme dun escritor e pensador fundamental nas letras hispanas, para alén dos xuízos que mereza a súa traxectoria no escenario político, pois esa é outra historia. Sastre é, coma Valle, un dramaturgo excepcional. Como mostra, Asalto nocturno, unha peza do 1959. 

Sastre editor

No haber de Sastre tamén debemos situar o seu labor divulgador doutras voces, que desenvolve desde a editorial Hiru, creada con Eva Forest en 1989, e na que se publican textos fundamentais da creación dramática máis contemporánea, normalmente traídos ao castelán por persoas de recoñecida solvencia no campo da tradución literaria. Na actualidade o catálogo da editorial supón un punto de referencia para nos achegar á autores e autoras especialmente relevantes no campo teatral. 

Ademais de publicar autoría peninsular, con obras de Jesús Campos, Joan Brossa, Roberto Vidal Bolaño, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Helder Costa, ou a dramática enteira de Fernando Pessoa, Hiru editou pezas de Karl Krauss, Pier Paolo Pasolini, Heiner Müller, Peter Weiss, Darío Fo, Thomas Bernhard, Werner Schwab, Friedrich Dürrenmatt, Howard Zinn, Bernard-Marie Koltès, Tankred Dorst, David Mamet, Georg Büchner, Harold Pinter, Daniel Berrigan ou Peter Handke. Unha selección da mellor literatura dramática occidental, que agradeceremos sempre.