maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 10 de septiembre de 2021

11 de setembro de 2001, en Nova York con Xoán González Millán, no Graduate Center da CUNY


Un 8 de setembro de 2001 cheguei a Nova York, a impartir un curso de posgrado no Graduate Center da College University of New York (CUNY), convidado por Xoán González Millán, quen estivera no Tribunal da miña tese de doutoramento, que eu defendera meses atrás daquel mesmo ano na Universidade de Santiago de Compostela, con dirección de Antón Costa.

O día 11 pasou o que pasou. Souben do atentado pois ao chegar ao Graduate Center contra as 8.00 da mañá chamei á casa e desde Galicia unha filla miña xa me contou o asunto. Baixei á rúa, xusto case dediante do Empire State, e contra o sur xa abrollaba a traxedia. 

Pouco despois e na compaña dunha miña tía que vivía daquela en Nova York, en Maspeth, e traballaba ben cerca do Empire State, fomos desas persoas que cruzamos andando o Queensboro Bridge, camiño de Queens. 

Velaí un máis dos moitos motivos polos que teño tan presente a Xoán na miña memoria, pois compartimos aqueles días tan terribles en todos os sentidos. Sempre que vai chegando o 11 de setembro non podo evitar lembrar aqueles días tan impactantes. 

Pero ademais Xoán foi e segue a ser un dos máis lúcidos intelectuais que tivemos en Galicia, e unha figura fundamental na renovación radical dos estudos culturais e literarios de Galicia. Un referente en todos os sentidos. Unha persoa magnífica, xenerosa e moi alegre, que tamén sigo botando en falta todos os días que traballo en cousas de literatura. Unha perda que segue sendo irreparable. 

Pois un ano despois, en novembro de 2002, Xoán e a súa dona, Esperanza Caneda, falecían nun accidente de tráfico. 

Seguimos lamentando a súa perda. Seguen na nosa memoria. Un ano máis, e os que veñan, sempre. 




No hay comentarios: