maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 14 de agosto de 2021

Lembranza de Francisco Pillado Mayor

 



Lembranza de Francisco Pillado

 

Manuel F. Vieites

 

Resulta difícil e complexo calibrar de forma precisa as achegas inxentes que Francisco Pillado Mayor fixo ao teatro galego, desde aqueles primeiros sesenta en que participa na creación do grupo de teatro da Asociación Cultural O Facho. Iniciativa fundamental á que seguirán outras como a Escola Dramática Galega ou a Compañía Luís Seoane.

 

Pancho foi un dos máis activos axentes do noso malpocado sistema teatral, pois teatro tamén é o mundo da edición dramática ou teatral, na que cómpre destacar aquela primeira revista para o teatro noso, Don Saturio(1980-1982), dirixida por Celestino Ledo e na que Pancho Pillado exercía de coordinador, ou despois Casahamlet (1991-2012), na que asume dirección e coordinación. Xusto nese eido van destacar os Cadernos da Escola Dramática Galega, aqueles magníficos fascículos, que comezan xeira en 1978, onde van publicar os seus primeiros traballos unha manchea de autoras e autores novos naquela altura, de Lino Braxe a Luisa Villalta ou Inma António, para alén doutros moitos traballos vinculados coa historiografía teatral ou a educación teatral.

 

Nese mesmo eido da edición, temos as súas iniciativas en Castrodouro ou Sotelo Blanco, e fundamentalmente a xeira ininterrompida de Edicións Laiovento, unha aventura tan necesaria, alentada contra ventos e mareiras, sen axudas nin apoios, e que sempre mantivo abertas as portas á publicación de ensaio teatral ou literatura dramática, quer desde a produción propia quer desde a tradución. 

 

E logo ensaios tan importantes como algúns que asina con Manuel Lourenzo (O teatro galegoAntoloxía do teatro galegoDicionário do teatro galego) e outros por conta propia, como os magníficos estudos que dedica a Manuel Lugrís Freire ou Luís Seoane. E as traducións, que foron moitas, traendo á nosa lingua autores como Michael de Ghelderode, Samuel Beckett, Eugène Ionesco, Jean Genet ou Molière.

 

E “all for nothing”, que diría Hamlet. Ou si, por algo, polo teatro, pola cultura, polo país. Pois Pancho nin era, nin se tiña por, nin quixo ser, un profesional do noso teatro, nin exercía unha profesión (profesor, investigador, creador...) vinculada co campo. Era un AMADOR, no sentido máis amplo e máis pleno na palabra. Un amador do teatro, da cultura, do país. Por iso as súas achegas e o seu compromiso teñen aínda máis valor, pois sempre foron gratis et amore, o que dá conta da súa xenerosidade inmensa. 

 

Eu tiven a sorte e o privilexio de tratalo, e houbo un tempo en que nos viamos con moita frecuencia, na cafetería do Hotel Maxi, de Santa Cruz.

 

Algo haberá que facer para renderlle a homenaxe que sempre mereceu, e que si lle fixeron en Ribadavia en 2012 por man de Roberto Pascual Rodríguez, director da MIT. Algo haberá que pensar.

No hay comentarios: