maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 8 de agosto de 2021

Jaume Melendres, La teoría dramática. Un viaje a través del pensamiento teatral. Un libro para aprender.

 


La teoría dramática. Un viaje a través del pensamiento teatral

 

de Jaume Melendres

 

por Manuel F. Vieites

 

Na Asociación de Directores de Escena, e dentro da serie Teoría y Práctica del Teatro, volume 45, vimos de editar un magnífico estudo de Jaume Melendres, que fora publicado en 2006 en catalán desde o Institut del Teatre. Esta versión en castelán, que conta co patrocinio e a coedición do propio Institut, foi realizada por Aitana Galán, directora de escena, que presenta un traballo magnífico, pensando na complexidade dun libro con máis de seiscentas corenta páxinas, e un índice de textos e autoras e autores realmente voluminoso, así como as notas a rodapé.

Melendres exerce como profesor na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut, desde o ano 1973 ata 2009, ano do seu falecemento, o que supón un total de 36 anos impartindo docencia en materias como Teoría dramática ou Interpretación, e máis recentemente en Dirección de actores, disciplina sobre a que publica o volume La dirección de los actores. Diccionario mínimo (2000), tamén coa Asociación de Directores de Escena, traducido ao catalán en 2008. Hai quen afirma que a súa carreira como dramaturgo, tradutor, director de escena ou dramaturxista tería sido moito máis prolífica (sendo mesmo así moi rica) de non terse dedicado en corpo e alma á docencia. Unha dedicación da que dan boa conta eses dous volumes que en boa medida supoñen unha sorte de “ramo” co que culminar unha traxectoria excelente. Nesa dirección é un exemplo a seguir pois Melendres mostra ben as claras que un docente debe ser unha persoa que cun coñecemento pleno (teórico, práctico, histórico, metodolóxico, empírico, conceptual) das materias ou disciplinas que explica, e a ser posible asentado nunha sólida experiencia nas mesmas, tamén no eido da investigación.

A primeira impresión que nos chega na lectura destes dous volumes, e máis especialmente do que presentamos, é a sólida formación do autor, e as moitas lecturas sumadas ao longo dos días, dos meses e dos anos. Unha solvencia lectora que se mostra e demostra na selección dos moitos títulos dos que se serve para construír o seu discurso. E non é fácil saber moverse nesa mareira de títulos que enchen andeis de bibliotecas relativos á temática que nos ocupa. Nesa dirección nas notas a rodapé vai construíndo unha bibliografía notable e dispar que invita a moitas viaxes polo pensamento e o coñecemento. Con Melendres saberemos de autores e autoras pouco coñecidos, a veces incluso invisibles para a maioría. Un exemplo: August Wilhelm Schlegel, un relevante tratadista en teoría dramática.  

Trasládanos Melendres un pensamento e un coñecer que non só se relaciona coa teoría dramática (e por tanto relativa á literatura dramática) senón coa teoría teatral (e por tanto relativa ao espectáculo escénico e teatral). Aproveita entón a polisemia do termo “teatral”, que en España ou en Cataluña serve para designalo todo, pero tamén o feito de que sexa un concepto máis inclusivo, pois en efecto no teatro acaban por acollerse diferentes manifestacións artísticas que contribúen a crear o que neses espazos se pode ver ou imos ver: un espectáculo no que hai palabra, dramaturxia da acción, construción de espazos e indumentaria, iluminación..., un mundo en suma. E sobre o pensamento que se foi debullando para construír ese mundo tamén se artella este volume que supón unha sorte de “summa” ou compendio xeral do saber teatral e dramático. Velaí, como mostra, a Summa Theologiae na que Tomás de Aquino traballa ata 1274. Un volume similar na ideación e desenvolvemento é o que Marvin Carlson publica en 1985, versión ultima de 1993, co título de Theories of the Theatre.

Esta obra magna de Melendres consta de varias partes ben diferenciadas, que en boa medida configuran, de seu, varios libros, con algún apéndice, e una presentación moi aclaratoria (en tres apartados). Aquí e onde se establecen os principios desde os que se imaxinou e elaborou o conxunto e algunhas claves para a lectura. E aí xa nos queda clara a diferenza que hai entre a súa proposta e a de Carlson, pois se este xera un relato histórico brillante, vibrante e incuestionable sobre o decorrer do pensamento relativo a texto e espectáculo (and being so, theatre and drama), Melendres fai o mesmo pero atendendo aos problemas que encontran as persoas que desde diferentes posicións e profesións se confrontan a diario coa práctica escénica. Unha diferenza substantiva. A modo de exemplo, as consideracións arredor do concepto de acción.  

A seguir unha “Cronoloxía” das teorías que se suceden co pasar dos séculos, construída en forma de táboa a catro columnas, que dan conta de ano, e para cada ano mostrando teoría formulada, feitos teatrais e escénicos, e aportacións científicas e técnicas (de habelas ou habelos: teorías, achegas ou feitos). Comeza a relación no ano 536 antes da nosa era, con Tespis e Pitágoras, e remata en 1990, con Bergman, Brook, Kantor, Stein ou co telescopio espacial Hubble. Son en total 180 páxinas cheas de datos que invitan sobre todo a unha lectura horizontal, para ver como todo se relaciona con todo, pois as artes escénicas tamén se contaminan coa filosofía ou coa ciencia. Velaí a idea de superposición, que tanto ten que ver co ser e o non ser do actor, e por aí temos o libro magnífico de Luis de Tavira (El espectáculo invisible. Paradojas sobre el arte de la actuación, ADE, 1999). 

Logo veñen tres longos capítulos dedicados aos que podemos considerar axentes creadores do que acontece na escena. O libro do dramaturgo, da escrita dramática e da dramaturxia (pp. 223-368), o libro do actor e da interpretación (pp. 369-501), e o libro do director e da dirección escénica e de actores e actrices (pp. 503-598). Libros nos que se van debullando problemas e solucións teóricas e prácticas, e teorizacións e formulacións vinculadas con esas tres áreas de coñecemento e ámbitos profesionais. Libros que presentan todos eles unha fondura, un rigor e unha claridade encomiables escritos ademais cunha vontade educativa manifesta, mesmo para provocar no lector preguntas e xerar dúbidas razoables que esixen enfrontar a lectura cun pensamento crítico propio. Nesa dirección o volume no seu conxunto é unha verdadeira marabilla, pois o autor ofrece, con enorme xenerosidade, aquilo que propón no subtítulo, unha longa viaxe polas diferentes teorías e prácticas do teatro que se veñen documentando nas tradicións culturais occidental e oriental, con todas as varianzas que presenta cada unha delas, na sincronía e na diacronía. Unha viaxe longa e pracenteira que obriga a camiñar cara diante, cara atrás, tomar notas, consultar aquí e acolá, e realizar outras moitas operacións para seguir o fío con autonomía e mirada propia.  

Alguén podería pensar que estamos ante unha sorte de manual de estudo ou de clase, confeccionado cos apuntamentos que un profesor vai facendo no seu día a día e que co andar dos anos se xuntan no dito manual. É posible, e de ser así un desexaría que todos os profesores de arte dramática en todas as escolas do Estado fixesen o mesmo e coa mesma fondura, rigor e sabedoría. Pois neste conxunto de libros hai moita sabedoría, en todos os sentidos e as formas do vocábulo “saber”. 

Remata cun conxunto de teses e antíteses sobre a esencia do teatro, os modelos artísticos, a dramaturxia, o actor e o director (pp.59-607), que poden dar xogo a interesantes debates asentados na argumentación, para defender e cuestionar o que alí se di, nun sentido e no outro. Un exercicio que se pode ampliar, en función da vontade e do interese do profesorado por promover o espírito crítico propio e no seu alumando, e sobre todo para axudar a construír, con liberdade e coñecemento, a autonomía que cada quen debe ter nos planos persoal e artístico.

Pois en efecto, o volume, escrito por un profesor ben notable, para moitos dos seus alumnos e alumnas extraordinario, ten unhas aplicacións educativas evidentes, a tal punto de que debería ser lectura obrigatoria para alumnado e profesorado das ESAD de todo o Estado, pero tamén noutras escolas e facultades onde se fala de teatro, e igualmente para as persoas que exercen moitas profesións vinculadas directa ou indirectamente co teatral e co dramático, pois amais de todo o dito o volume é unha fonte indispensable de cultura e de capital teatral. Procure quen quixera un nome no índice e vaia ás páxinas que se indican para ver a maneira en que se consideran asuntos e problemáticas.  

O volume inclúe, como vimos de dicir, un índice onomástico (pp. 611-645), que dá conta do recorrido realizado polo autor, pero tamén dos nomes que maior tratamento reciben, por este ou por aquel motivo. Sempre é aconsellable mirar os índices con detemento para situar aos autores e autoras, para saber dos seus referentes, pois as presencias ou as ausencias adoitan ser significativas, e informan de moitas cousas, tamén das ideoloxías, sendo ideoloxía o logos das ideas (o saber pois). No caso que nos ocupa e considerando a feitura deste sensacional estudo, non sorprende que Stanislavski, con Aristóteles, Brecht, Shakespeare, Diderot ou Meyerhold, figure entre os nomes máis citados. Melendres coñece ben a tradición que se conforma desde Diderot e que se vai desenvolvendo ao longo dos séculos XIX e XX, para articular un pensamento científico, teórico e máis empírico, artístico e máis estético, arredor da interpretación ou da dirección de actores, disciplina esta última que el mesmo contribúe a construír, como tamén fará participando moi activamente no equipo que deseña a carreira en dirección escénica e dramaturxia e os plans de estudos primeiros, os do RD754/1992. Non pode pois renunciar a un mestre tan importante e tan transcendental, aínda que só desde o coñecemento se pode entender e practicar o respecto. Dana parami, din en sánscrito, pero tamén prajna parami

Fronte á esa actitude de análise construtiva, e mesmo crítica, das achegas dos grandes mestres, que fai unha persoa que con todas as letras se pode considerar tamén un mestre, e dos grandes, sorprende a frivolidade con que outras voces, ben menos informadas e formadas, consideran as achegas de Stanislavski, mesmo anunciando a súa morte intelectual, a súa caducidade. Non deixa de ser curioso que mentres estas voces últimas, adobiadas cunha preocupante inepcia que tanto eco pode ter en persoas igualmente dispostas a facer tabula rasa para mellor pasear supostas imposturas, outras, como a de Jerzy Grotowski, sinalen que a súa investigación comeza onde Stanislavski viu interrompidos os seus traballos cando morre, ou recoñezan o seu maxisterio incontestable no seu proxecto artístico e formativo, como é o caso do director Anatoly Vasíliev. Máis recentemente un director de escena polaco formado en Polonia, e coñecedor de primeira man das ensinanzas do mestre ruso, que chegan a ese país de fontes primarias e non desde a reconversión norteamericana, trasladaba esa mesma idea: a radical importancia e actualidade de Konstantin Stanislavski. Falo de Jaroslav Bielski, e do seu libro Acciones concomitantes. Un método para la actuación teatral, editado pola Asociación de Directores de Escena en 2020. Tamén aquí, no respecto debido, Melendres nos dá un exemplo.

Ora ben, o libro está escrito con moita ironía, tal vez porque nos queira dicir que o coñecemento é sempre provisional, e coa vontade clara de provocar ao lector, de incomodalo, de violentalo, de cuestionarlle a súa visión das cousas, xustamente para sacalo da zona de confort e mobilizalo, para que a lectura sexa unha descuberta e non un simple acto de debullar palabras, liñas ou páxinas co correr da mirada. Por iso cabe dicir que non estamos ante un libro doado de ler, pero por iso mesmo temos diante nosa un libro que hai que ler, pois como escribía o vello poeta da vella cidade, da viaxe que nos propón o querido Jaume sairemos máis ricos en saber e en vida, en experiencias, en coñecemento, e volvendo ao libro que nos quere levar de viaxe, cabe convidar, tamén co querido Konstantinos: “con avidez aprende de sus sabios”.

Tiven a enorme sorte de coñecer a Jaume en 1999 cando en Vigo organizamos un Congreso Internacional de Estudos Teatrais (as actas foron publicadas no número 1 do Anuario Galego de Estudos Teatrais, volume dispoñible na WEB do Consello da Cultura Galega), e desde aquela souben da súa sabedoría e da súa humildade. Tiven ocasión de tratalo en encontros, seminarios e congresos organizados pola Asociación de Directores de Escena, de manter con el conversas que sempre iluminaban, pois despois de falar con el un abandonaba a escena de cada parladoiro cunha sensación dupla, sabendo máis pero sabendo tamén todo canto a un lle queda por saber canto se emprende a aventura do coñecemento. Socrates? Seguramente.

E por todo iso é unha honra, un privilexio e un deber presentar este libro dun mestre imperecedoiro. Grazas, querido amigo Jaume por tantas e tantas leccións.   

No hay comentarios: