maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 3 de julio de 2021

Xosé Manuel Pazos no teatro galego

 


Xosé Manuel Pazos no teatro galego

Manuel F. Vieites


[Volvemos activar este blog, lembrando un amigo moi querido, nunha semana moi especial na súa necesaria lembranza. Un exemplo para todos e todas. E seguiremos semana a semana.]

Nestes días que en Cangas se lembra a figura de Xosé Manuel Pazos, reproducimos un texto publicado no seu día en Faro da Cultura, suplemento de Faro de Vigo. O deseño que acompaña é debido ao escultor Álvaro de la Vega, que colaborou como escenógrafo con Teatro de Ningures nos seus dous primeiros espectáculos. Neste caso trátase dun deseño para unha versión breve de A lección de Ionesco, na que Xosé Manuel Pazos interpretaba ao Profesor. 

Mestre de profesión, que inicia na vila de Lubián, onde se fala galego, coma noutros lugares da vella Seabra, e que tanto promoveu facendo alí escola, sendo aínda mozo participa na creación de grupos de teatro como Matamoura (1976) ou Mua (1981), en Cangas, onde desenvolve funcións diversas, amais de traballos necesarios na montaxe e recollida de aparello escénico. Nesas dúas denominacións (sendo Mua troula ou foliada) abrollan inquedanzas que o acompañan ao longo dos seus días, coma o cariño pola lingua e pola colleita léxica, ou a teima en recuperar fitos e feitos dunha vila moi marcada pola invasión turca de 1617. Lembremos a súa implicación, con Camilo Camaño, Henrique Harguindey e outras persoas, na peripecia para reconstruír a Capela do Hospital, que hoxe reloce na Alameda Nova. Igualmente lembramos un traballo magnífico sobre teatro e festas populares que titulou O entrudio e outras festas de inverno en Lubián (1985).

Con Matamoura e Mua, Pazos inicia unha longa traxectoria como actor ou director, que terá continuidade en Teatro de Ningures, compañía que axudou a crear e que tanto aloumiñou nos anos primeiros, coa complicidade de Casilda García, Pepa Barreiro, Antón Lamapereira... Como facedor de versións e arranxos textuais que constitúen a cerna literaria do espectáculo teatral, niso que chaman dramaturxia, realizou traballos memorables, coma o que conforma coa novela de Suso de Toro, Tic-Tac, e co que Ningures creará un excelente espectáculo homónimo en 1995, dirixido por Etelvino Vázquez. Nas súas traducións, e moitas fixo, sempre abrolla unha dramaturxia, pois tiña moita sabedoría para adaptar os textos aos contextos, moi especialmente na recreación de rexistros lingüísticos precisos. Como mostra dese quefacer, a tradución magnífica de Exercicios de estilo, de Queneau, que partilla con Henrique Harguindey, e publica Xerais en 1995. 

En 1996 promove desde Teatro de Ningures unha coprodución co Centro Dramático de Viana do Castelo para a escenificación de Terra de Lobos, interesante espectáculo que contou coa dramaturxia de Antonio Torrado a partir dun relato de Méndez Ferrín (en Arraianos) e dirección de José Martins. Daquela iniciativa deriva a creación dun foro de análise e debate de políticas teatrais que o Pazos potencia como Concelleiro de Cultura en Cangas. Aqueles encontros, que se chamaron TeatraGAL, xuntaron moitas xentes de teatro de Galicia e Portugal en Cangas e Viana, e permitiron introducir en Galicia debates sobre necesidades urxentes do teatro noso como unha escola superior de teatro ou as compañías residentes, aínda por facer. Na creación desa escola, hoxe a ESAD de Galicia, Pazos colaborou de forma moi activa, pois sendo deputado trasladou esa necesidade ao Parlamento autonómico, cando Celso Currás Fernández era o Conselleiro de Educación, quen finalmente asina o decreto de creación un dous de xuño de 2005. 

Unha das iniciativas máis destacadas a prol do teatro e da súa memoria foi a creación do Fondo Teatral María Casares na Biblioteca Pública de Cangas, na que participa activamente, pois contou con doazóns procedentes de Teatro de Ningures e da Revista Galega de Teatro, para a que tamén traduciu pezas e escribiu todo tipo de crónicas, recensións ou críticas. Velaí unha iniciativa ben relevante, se pensamos no cariño con que se coida o patrimonio teatral en todo o mundo, e que en Galicia semella non existir para as castes que gobernan. Así, cabo da praia da Rodeira temos un marco para a investigación teatral, un dos moi poucos do país. Pois obras son amores, e non palabras vacuas, banais, luídas. Grazas, amigo da alma, por tanto. 

María Soliño

Gañamos un político honesto, exemplar e cabal, a costa da literatura, pois Xosé Manuel Pazos foi abandonando unha das súas paixóns primeiras, a creación dramática e poética, co seu retorno último á escena política. Con todo, en 1990 viu cumprido un desexo moi querido, a escenificación dun texto seu dedicado a recuperar a historia de María Soliño, motivo literario que el conforma e que presenta Teatro de Ningures, con dirección de Etelvino Vázquez e con Casilda García no rol principal. O texto, exemplo de drama documental, foi publicado pola Revista Galega de Teatro en 1998.

Tamén é autor da recreación dramática doutro acontecer tráxico, O desembarco dos turcos, feito histórico que será causa de moitas desgrazas, entre elas os padecementos todos de María Soliño. Desde 2009, data da estrea con Teatro de Ningures, o texto foi obxecto de novas revisións e varias montaxes escénicas, as últimas co nome de A defensa da vila, onde se inclúe a paixón e morte da muller que tan ben cantou Celso Emilio, e na que participa moita veciñanza. Un evento que pode e debe converterse nun fito cultural en toda Galicia polo seu valor histórico e polo seu capital simbólico; ocasión para lembrar por sempre a un home de ben, bo e xeneroso. 


No hay comentarios: