maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 18 de julio de 2021

Tres deberes en materia teatral para o goberno galego, para gobernar por acción e non por omisión


Un Premio e tres peticións para a mellora do teatro galego

 

Manuel F. Vieites

 

O pasado día 16 de xullo estivemos en Ribadavia para recoller o Premio de Honra da Mostra Internacional de Teatro, que se lle concedeu a Laura Tato Fontaíña e a quen escribe a presente nota. Para este último é unha honra o que se lle concedese tal premio, e máis compartido cunha profesora que tanto ten feito por reconstruír a historia do teatro galego, con estudos sistemáticos e inaugurais, por recuperar a obra dramática de autores como Luís Manteiga ou Xaime Quintanilla, amais de diversos traballos de recuperación da historia de vida de tantas mulleres vinculadas co teatro galego.

 

Para quen escribe esta nota tamén cómpre, xa a título persoal, agradecer ao Concello de Ribadavia o Premio, e máis concretamente o que o Director da Mostra, Roberto Pascual, fixese a proposta. Unha persoa pola que sinto un enorme cariño, pero tamén respecto e admiración polo seu traballo en tantas frontes. Porque amais dos méritos obxectivos que un poida ter para recibir o tal premio, hai outras cuestións, máis subxectivas, que un non pode esquecer e que obrigan a que o agradecemento deba ser aínda maior, moito maior. Grazas Roberto pola xenerosidade e polo sentido último da túa proposta.

 

A persoa que subscribe, cando falou para agradecer o premio fixo tres peticións que tamén paga a pena facer públicas. 

 

1. Lembrando que a acta que recolle a concesión do Premio facía referencia á importancia da investigación teatral, manifestou a necesidade de que Galicia conte cunha Lei Galega das Artes Escénicas, para darlle ao sistema escénico galego a estrutura e os recursos que permitan a súa sustentabilidade e o seu pleno desenvolvemento, e prestar así o servicio público de acceso á cultura nas mellores condicións posibles. 

 

2. Tamén manifestou a necesidade de que esa Lei se desenvolva en diferentes direccións, de partida a través dun Plan Estratéxico para as Artes Escénicas que permita artellar accións concretas orientadas á mellora das condicións en que se presta ese servizo, tan precarias e deficitarias na actualidade. 

 

3. E demandou que nese Plan Estratéxico se contemple unha liña de acción orientada á promoción da investigación escénica, considerando todas as posibilidades que cabería imaxinar, moi especialmente a orientada a promover innovación na creación, para facer do trinomio I+i+C un signo distintivo. Pois se Galicia conta, por exemplo, con investigadores tan destacados como Ángel Carracedo ou Laura Sánchez Piñón no eido da Xenética, o mesmo se podería dicir no eido dese I+i+C escénico a pouco que as administracións se implicasen. Galicia conta xa con vimbios suficientes para ir facendo ese paxe, pero cómpren recursos.

 

Rematamos a nosa intervención lembrando que as artes escénicas tamén xeran riqueza, benestar, desenvolvemento económico e imaxe de país. Os exemplos están á vista de quen os queira ler, e o caso do Festival de Edimburgo pode ser un bo exemplo. Aínda que na hora en que se dixeron tales palabras había un pouco de nordesía no adro da Igrexa de Santo Domingos de Ribadavia, e ao mellor non chegaron aos ouvidos de quen tiñan que chegar, dos que gobernan por omisión e non por acción. Velaí un mal endémico que padecemos en Galicia, os gobernos por omisión, os gobernantes que visten o cargo sen apenas facer nada polo progreso das xentes. En efecto, pois Quod Salmantica non dat, indumenta El Porte Inglés non praestat 

No hay comentarios: