maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




lunes, 12 de julio de 2021

Lembrando a Celso Parada, trinta anos despois da estrea de Misterio Cómico

 


Celso Parada, o actor que aloumiñaba teatros

Manuel F. Vieites

Onte, domingo día 11 de xullo de 2021, estivemos en Quintela, Moaña, máis concretamente no Centro Sociocultural Daniel Castelao, convidados por Isabel Ávila, para celebrar o trinta aniversario da estrea do espectáculo Misterio Cómico, que se presentaba no mesmo lugar un 12 de xullo de 1991. Unha proposta que supoñía a plena consolidación da compañía Teatro do Morcego, integrada pola propia Isabel e Celso Parada, e a consagración deste último como actor. O espectáculo contou coa dirección de Júlio Cardoso, autor e director en Seiva Trupe, do Porto. Actor e director obtiveron o Premio Compostela en cadansúa categoría polo espectáculo. O texto, de Darío Fo, xa fora presentado en 1984 por esta última compañía, na súa versión portuguesa e dirección de Julio Castronuovo, e tendo no propio Cardoso o monologuista único que a peza demanda.

En Moaña puidemos ver unha magnífica reconstrución da gravación orixinal feita no mesmo día da estrea absoluta, e salientaba Isabel Ávila que, habendo outras versións mellores tecnicamente e incluso máis afinadas no traballo do actor, pagaba a pena recuperar aquela primeira gravación pois recollía a vertixe, a emoción e as peripecias múltiples dese inicio de partida que levou o espectáculo a moitas vilas galegas, figurando entre os máis representados na nosa historia teatral pasada e presente.

Foi un acto magnífico, en todos os sentidos, moi especialmente pola posibilidade de volver ver un traballo que, coa perspectiva dos trinta anos transcorridos, invita a múltiples reflexións, todas elas pertinentes. Aínda que a máis relevante quizais sexa a vinculada cos estilos interpretativos, e cos paradigmas en que os estilos se poden situar. Tamén sinalaba Isabel que ao mellor pagaba a pena analizar a xénese e desenvolvemento do proxecto Misterio cómico, moi especialmente nos seus encontros cos públicos e coa crítica, e o modo en que o espectáculo foi madurecendo desde ese estado inicial que onte contemplamos. 

Tamén pagaría a pena analizar a xénese e o desenvolvemento da compañía, en todas as súas etapas e iniciativas, e cos seus espectáculos, como aquel Club da calceta, que Celso dirixe en 2008, a partir dun texto de María Reimóndez. Por aí abrolla un campo de investigación moi substantivo pois o estudo das compañías é unha maneira de reconstruír e inventariar a historia integral do teatro e dos teatros, pero tamén de recuperar patrimonio material e inmaterial. Tarefa urxente para a que cómpren recursos humanos e materiais. 

No caso Teatro do Morcego, hai aspectos diversos de interese, pero seguramente o ámbito central sexa o relativo á traxectoria de Celso Parada como actor, desde aquel magnífico Pai Ubú que facía no espectáculo Ubú rei, presentado en 1988 por Teatro de Ningures e dirección de Etelvino Vázquez, ata traballos como O lazariño de Tormes, no que de novo oficiaba diante do público sen máis aquel que o seu corpo acendido e a súa palabra liberada. Da análise dos seus traballos como actor pódense extraer moitas ensinanzas de proveito para o traballo na escena, mesmo contrastando técnicas e recursos, estilos e paradigmas, como os que se poden documentar noutro dos seus espectáculos máis notables, Os patios da memoria, con dirección de Bernardo Galli, integrante da compañía El Galpón de Montevideo. 

Dicía Júlio Cardoso, nas palabras que dirixiu ao público convocado para a celebración, que Celso Parada, ademais dun grande actor era un home bo. Sen dúbida, e da súa calidade humana tamén dá boa conta o seu traballo teatral, feito cun compromiso innegociable co teatro e coa escena. Un exemplo no que as novas xeracións de actrices e actores ao mellor deberían mirarse. 

Eu destacaría algo máis. Celso era inmensamente feliz na escena, esta constituía para el o seu hábitat natural. Celso gozaba facendo teatro, e no teatro realizábase plenamente como artista, pero tamén como persoa. Xogando, sen máis.

Grazas amigo, polo que nos deches e polo que nos deixas, e ogallá alguén, máis cedo que tarde, se ocupe de recuperar os patios todos das túas memorias todas na escena e para a escena. Un bico e un abrazo forte, meu querido amigo Parada.   

No hay comentarios: