maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 23 de julio de 2021

Ata sempre, compañeiras e compañeiros da Área de Teoría e Historia da Educación. Facultade de Educación e Traballo Social. Universidade de Vigo.



Fin dun ciclo docente inesquecible na Universidade de Vigo (2010-2021).

Manuel F. Vieites

O día 22 estivemos en Pereiro de Aguiar, nun xantar co que as compañeiras e os compañeiros da Área de Teoría e Historia da Educación, Facultade de Educación e Traballo de Ourense, agasallaron aos dous profesores asociados que finalizamos a nosa andaina na Universidade de Vigo. Eu un deles. 

Unha institución, a UVigo á que lle estou particularmente agradecido pois nos anos en que me acolleu (1997-2001, e 2010-2021) puiden contar con medios e recursos para desenvolver plenamente o meu labor investigador, e cos que non se conta canto se traballa de forma independente, por libre, na periferia, ou en centros educativos no que non se potencia o traballo investigador, tan importante para o progreso da sociedade e da propia educación. 

Bo será agradecer o xantar, pero tamén deixar constancia do orgullo de ter formado parte da Área, e do moito, moito, moito..., que nos alimentou dar clases na Facultade nos últimos once anos e do felices que fomos nesa actividade, a pé de aula e co xiz na man. 

No meu caso, tamén supuxo un reencontro pleno coa Pedagoxía, especialmente relevante, pois retomei algunhas investigacións que estaban medio esmorecidas cando non abandonadas. En especial volvín atoparme coa Pedagoxía Teatral, o que moito me axudou noutras actividades docentes, pero sobre todo volveu situarme no punto de partida da miña actividade no campo teatral, cando en 1980 comecei a facer teatro escolar no Instituto de Formación Profesional Fernando Blanco de Cee, ou teatro comunitario na Universidade Popular de Corcubión en 1981. Unha maneira, magnífica de pechar un ciclo vital, que agora continuará en varios traballos de investigación en curso centrados na teoría e a historia da educación teatral.

Grazas tamén aos compañeiros e compañeiras da Facultade e ao persoal de administración e servizos de toda a UVIgo, pola magnífica acollida e polo trato recibido en todos estes anos, magníficos e inesquecibles.

Grazas finalmente a todas as alumnas e alumnos con quen tiven o privilexio de compartir aula nestes anos, nos estudos de grao e posgrao. Foi unha honra traballar con todas e todos vós.    


No hay comentarios: