maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




martes, 20 de julio de 2021

32 metros cadrados. Unha peza de Esther F. Carrodeguas

Retrato de parella en pandemia

Manuel F. Vieites

(Crónica publicada en Faro da Cultura, sumplemento cultural de Faro de Vigo)


Este novo texto de Esther F. Carrodeguas, que publica Positivas, e que Butaca Cero converteu en espectáculo, con dirección de Xabier Castiñeira, pode entenderse como mestura entre comedia de situación e de personaxe. A situación aparece configurada polo espazo, pois todo, ou case todo, transcorre nos trinta e dous metros cadrados dun ático (seguramente faiado reconvertido por propietario sen escrúpulos), nos que habita unha parella que quer vivir fóra do común, pero reproduce pautas e maneiras das xentes que habitamos un espazo compartido cheo de clixés, estereotipos, frases feitas, ideas preconcibidas e moito andar ao rego (inda que non o pareza). Dous modelos de composición dramática que se desenvolven en Grecia (Herodas) e Roma (Terencio ou Plauto), que recollen ou exploran autores como Shakespeare, Aphra Behn,  Molière ou Feijoo de Araújo, e que terá influencia certa no agromar da “sitcom”. 

O título da peza, 32m2, define con precisión o marco das peripecias que vive unha parella, Mar e Xan, durante os meses peores da pandemia e do confinamento estrito que padecemos hai pouco máis dun ano. Non se podía saír da casa, os supermercados esgotaban as existencias de papel hixiénico e produtos varios de desinfección, as xentes mercaban cousas por internet e saían ás fiestras e balcóns a aplaudir o desempeño das traballadoras e traballadores da sanidade, algúns partidos aproveitaban para armar tixoladas e manifestacións contra o goberno, escoitabamos as explicacións dun tal Illa e dun tal Simón (falta que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira se poñan ao choio, para facer un espectáculo ben bo), e o teletraballo e a teledocencia mostraban o tamaño real da fenda dixital, moito maior do que se pensaba. Un tempo en que o país, as súas xentes e, sobre todo, a clase política viviron una auditoría xeral da que tanto poderíamos aprender, se fose este un verbo que soubésemos conxugar. E non sabemos. 

Mar e Xan son dous galegos, coma os máis, pois exemplifican formas de entender a existencia que moitas persoas poderían identificar, mesmo coas que se identificar, pois se un semella pousón e miñaxoias a outra afírmase como engule-mundos e botaporela. Unha parella (im)perfecta, como todas, unida por unha cinta elástica, unha flor de plástico e rutinas simbióticas, que mira como a vida pasa, instalada nunha posición ben cómoda: cuestionar todo o que se poña por diante e mesmo o que nin se pon por diante. Pouco sabemos das súas profesións, se é que as teñen, aínda que Mar fai algún comentario laboral pois debe madrugar, nin das súas afeccións, máis alá dunha posición militante contra a televisión e o goberno. Ela dirá canto bota de menos o bar, e puidera ser que a mellor maneira de cualificar a parella fose co sintagma “carne de bar”, mesmo de bar alternativo e contra-hexemónico, que tamén houbo. Lembro O’Lionardo, na Coruña. 

Máis que dous personaxes, no texto operan, dialogan e confrontan dous estereotipos, dous patróns recoñecibles de conduta, pois as formas de vida cotiá que recrean reflicten moitas das pautas que podemos observar na nosa esfera máis inmediata, tamén na propia. Os dous, por exemplo, repiten moito as cousas, como se fosen parvos ou non ouvisen ben, pero abonda ver un “reality show” dos que se fan en España, para comprobar que certos tipos de conduta compulsiva, obsesiva e ritualizada xa forman parte da nosa idiosincrasia. Ora ben, a indeterminación que tan ben caracteriza o texto tamén xera un alto nivel de entropía (trazo da dramática posmoderna, así como a fractalidade), con consecuencias dispares en función de lectoras e lectores, o que pode ser efecto secundario do desenfoque xeral.  

Xan e Mar pasan polas diferentes fases que unha situación de pandemia pode provocar nas persoas, tanto no plano individual como na relación co outro, fases que coñecemos ben por vividas e padecidas, desde a euforia inicial ata a claustrofobia dos últimos días. E polo medio, mesmo sen querelo, van asomando as moitas traxedias que se foron acumulando naquel confinamento terrible que vivimos a partir de marzo de 2020. Unha delas, a morte da tía Conchita. Coa outra remata a peza, para mostrar indefensións que non sempre se saben nin poden levar coa aparente enteireza que a parella quere construír para mellor superar o infortunio. Pois sempre pode haber un banco agardando por nós ao cabo da rúa. 

Balbordos

Na contracapa do volume atopamos un texto de Alain Badiou (Eloxio do teatro) onde o filósofo francés explica que o teatro, nun período de confusión, debe amosar a confusión como confusión. Unha afirmación tallante que, como todas, cómpre poñer en corentena. Máis aínda cando autores como Alfonso Sastre (El drama y sus lenguajes) insisten unha e outra vez na claridade da textura e da “parlatura”, formulando como exemplo o que cabe definir como paradoxo do borracho, sempre cunha fala inintelixible que cómpre facer intelixible. Hai anos no exame de selectividade de lingua inglesa puxeron un texto tan críptico e escuro, que non entendía nin o seu propio autor, e a pouco que se profundara na súa esexese, aumentaba a dimensión do desatino. 

Non é tal o caso desta peza que comentamos, pero ao mellor na mesma hai varios puntos de fuga, polo que as liñas abertas nas diferentes escenas, ao ser moitas, acaban reviradas, sen dirección e descontroladas, o que provoca certas interferencias e ruídos na recepción formal do conxunto, xerando confusión. Pois unha cousa é a marfallada vital que se queira transmitir e outra o barullo pragmático, que deixa algúns cabos sen agulla. Porén, estamos ante un retrato colectivo que paga a pena ler de vagar, e se lle cadra tamén se pode mirar o espectáculo (se é que aínda está en cartel). Dúas opcións moi recomendables.

NOTA: esta é unha recensión dun texto dramático. A foto que a acompaña si que é do espectáculo homónimo. 

No hay comentarios: