maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 4 de agosto de 2019

Celso Parada na memoria

Vimos de saber do pasamento de Celso Parada, e na súa lembranza reproducimos un texto publicado recentemente en Faro da Cultura, suplemento cultural de Faro de Vigo.


Teatro do Morcego

Memoria e patrimonio do teatro noso

Manuel F. Vieites

Con motivo do arranque da 36 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que contou como pregoeiro ao actor e director Quico Cadaval, tamén se inaugurou, na sala de acollida do Auditorio Municipal da vila, a exposición titulada “30 anos de luz na cova dos morcegos”, que recolle unha parte da historia da compañía Teatro do Morcego, creada en 1989 por Isabel Ávila e Celso Parada, en Moaña. Será Celso Parada, actor, director, tradutor, produtor, empresario de sala, e mesmo adaptador e dramaturgo, quen ao longo destes anos dinamice a traxectoria dunha das compañías fundamentais na historia do teatro galego actual. 

Pero vaiamos aos inicios. Hai uns anos a prestixiosa investigadora teatral Lyn Gardner falaba dos heroes descoñecidos do teatro británico actual, destacando o traballo que ao longo de todo o século XX viñan facendo tantas profesoras e profesores, de lingua ou tamén de expresión dramática, na hora de dar pulo á traxectoria primeira dun número importante de actores, actrices ou dramaturgas. Poñía como exemplo o caso daquela profesora que estivo detrás da peza The Arbor, escrita por Andrea Dunbar aos quince anos e que en 1980 se estreaba no Royal Court, con dirección de Max Sttaford-Clark. Unha autora que pronto poderemos ler en galego.

Pois ben, unha das primeiras facetas que debemos subliñar na traxectoria de Celso Parada (como tamén na de Pedro Pablo Riobó, na de Antón Lamapereira ou na de Xosé Vázquez Pintor, e todos na mesma bisbarra), é esa súa labor como animador do teatro comunitario ou do teatro escolar, pois unha das súas primeiras achegas á escena vai ser Momo, adaptación da peza de Michael Ende, que realiza co grupo de teatro do IES María Soliño, ben que antes xa promovera diversas actividades e propostas desde o Ateneo de Moaña ou no actual IES de Marín. Con eles e cos seus grupos moitas mozas e mozos se foron achegando á escena, e non poucos acabaron sendo profesionais.

Tras colaborar como director con Teatro de Ningures, para quen dirixe Ácido Sulfúrico (1987), e con quen actúa en Ubú Rei (1988), en 1989 crea Teatro do Morcego, a compañía coa que en 1990 presenta un espectáculo moi lembrado polo público galego. Falamos de Misterio Cómico, versión galega do Misterio Bufo de Darío Fo, un monólogo que interpretaba Celso con dirección do actor portugués Júlio Cardoso, que recibiría varios Premios Compostela e coa que realizaría unhas 300 funcións por toda Galicia. Un chanzo importante na traxectoria dun profesor de lingua e literatura que, despois de tan favorable acollida ao seu traballo teatral, pon unha longa paréntese na súa actividade docente para explorar todas as posibilidades de buscar espectáculos e fórmulas que permitisen encher as salas e os auditorios sen perder en ningún momento unha marcada vontade crítica en relación aos asuntos do presente e unha aposta por criterios mínimos de calidade. 

A Mostra recolle aspectos diversos dos 31 espectáculos realizados en todos estes anos, nos que teñen traballado persoas de especial relevancia nos máis diversos oficios teatrais, que o teatro tamén se fai escribindo, deseñando carteis e programas, armando escenografías ou elaborando indumentarias. Trebellos, documentos e materiais ben variados que forman parte dun patrimonio material e inmaterial que acubillan as compañías para manter a súa historia e a do propio teatro, e que algún día habería que situar nun Museo das Artes Escénicas par o seu mantemento e posta en valor.

Son moitos os espectáculos cos que Celso Parada quixo facer do teatro cousa para as xentes todas, tamén para as do común, e coas xentes todas. E por iso ao mellor paga a pena lembrar aquel espectáculo titulado O club da calceta, que crea en 2008 a partir dunha novela homónima de María Reimóndez, e no que puidemos ver en escena a Estíbaliz Espinosa, Susanas Dans, Laura Ponte, Maxo Barjas, Elina Luaces, Luísa Merelas, Imma Antonio. Todo un luxo, o mesmo que estes 30 anos. Parabéns.

O Morcego

Para crear a súa compañía, Celso Parada, na compaña indispensable de Isabel Ávila, escolleu un nome moi significativo para o teatro galego, pois tal era a denominación dunha agrupación teatral que Castelao contempla en París en 1921, La Chauve-Souris. O Teatro do Morcego tiña sido fundado en Moscova en 1909 por Nikita Balieff e Nikolai Tarasov, moi vinculados ao Teatro de Arte creado nesa mesma cidade por Konstantín Stanislavski e Vladimir Ivanovich Nemirovich-Danchenko, compañía á que en diversas ocasións axudaron economicamente.

O tal Balieff, que participara como actor en diversos espectáculos do Teatro de Arte, mais como actor secundario e en papeis cativos, crea O Morcego para poder desenvolver unha forma escénica asentada en modos moi diversos de facer, en especial desde as parodias dos espectáculos que se ofrecían nos grandes teatros de Moscova, e na que el representaba o rol de animador e mestre de cerimonias. Cando os teatros pechaban, todo Moscova acudía a ver as animadas funcións do tal Nikita, que logo triunfaría en París, Londres e Nova York. Teño para min que a traxectoria do actor Celso Parada, tan inmenso en tantos aspectos, non deixa de ser unha homenaxe a aquel actor que tanto marabillou ao Castelao no Théâtre Fémina de París. Grazas.