Martes de Carnaval?
no Centro Dramático Galego
Esperpento chocalleiro
Manuel F. Vieites
Desde Faro da Cultura
Na imaxe, Caretos de
Podence, Portugal
En Introducción al
pensamiento complejo (1996), Edgar Morin, na súa proposta dun paradigma
científico capaz de enfrontar a complexidade e a configuración sistémica da
realidade, explicaba que non só o obxecto debe serlle acaído á ciencia senón
que a ciencia debe ser acaída ao obxecto que estuda. Ese principio básico en
epistemoloxía tamén se pode aplicar á creación escénica, pois se o texto ou
pretexto debe serlle acaído á directora de escena, tamén a directora de escena
debe ser acaída ao texto ou pretexto. E entre estes dous últimos conceptos, básicos
na ciencia teatral, hai unha gran diferenza.
Hai directoras
especialmente habilidosas para tomar como pretexto O Incal de Moebius e
Jodorowsky e facer del un espectáculo máxico, mesmo psicomáxico ou
psicotrópico. Con autores coma William Shakespeare, Harold Pinter ou Ramón María
del Valle Inclán a cousa cambia, pois ao poder inmenso das imaxes (coma ese
travelling fantástico que inicia Águila de blasón), hai que sumar o
poder aínda maior das palabras, que en don Ramón (coma en Otero Pedrayo) teñen
un valor taumatúrxico, constrúen realidades, mundos e universos, pero tamén
serven para facer cousas cos demais, como explicara J. L. Austin en How to
Do Things with Words (1962), pois as palabras son primeiro que nada
interacción. Non hai tantos anos que viamos como un coñecido director catalán
convertía Ricardo III en Ricardo o do terceiro, un mal arremedo
de calquera dos capítulos da serie La que se avecina. Deconstrución
baleira, insulsa.
Hai ademais a teima de
actualizar os clásicos, como se fose estritamente necesario que a acción
transcorra no momento actual, cos referentes actuais, como se os espectadores
non fosen quen de viaxar a outros tempos. En ocasións os resultados son magníficos
como acontecía con El sueño de una noche de verano de Ur Teatro, con
dirección de Helena Pimenta. Pero para facelo así son necesarios conceptos tan
importantes como dramaturxia, significación, composición, recepción, dirección…,
amais dun delongado proceso de esexese e hermenéutica textual. Conceptos que
remiten a disciplinas que cómpre coñecer e non intuír. Claro que nos tempos da
posverdade e da posciencia, o coñecemento é algo prescindible e así pasa o que
pasa.
Este espectáculo do Centro
Dramático Galego, con dirección de Marta Pazos, no que se intúen dous textos de
Valle, As galas do defunto e A filla do capitán, parte de dúas
ideas motrices. No primeiro prevalece a visión dun espectáculo en clave de
concerto, idea desenvolvida por grupos tal que Tuxedomoon, Devo ou The
Residentes, en que a interpretación musical se converte en presentación escénica,
pois na escena tamén hai creadores que executan as máis diversas accións. Sobre
eses presupostos construíron La Fura dels Baus un dos seus mellores espectáculos,
Accions (1984), que combinaba momentos de indicible dureza con outros de
extrema tenrura e sempre acompañados dunha poderosa banda sonora, moi debedora
dos experimentos de Throbbing Gristle, pero non por iso menos relevante.
Comezos da cleptomanía escénica, que tamén se chama colaxe.
O segundo parte da idea do “tableau
vivant”, coa que tanto traballaran as vangardas históricas e as actuais. Do
texto derivan tres ou catro imaxes coas que se configuran as situacións base
que conforman o núcleo do espectáculo, e todo o demais son transicións,
apoiadas en elementos plásticos e sonoros. De feito a imaxe coa que remata As
galas do defunto xa anticipa o modelo de composición de A filla do capitán,
onde certamente hai algúns exercicios de composición meritorios como a escena
da partida de cartas ou a do café. O problema con Valle é que a textura da súa
obra é dunha complexidade extrema, e no caso do titulado A filla do capitán,
estamos ante unha peza na que anticipa o que vai ser a nova obxectividade ou o
teatro épico, que se manifesta na obra inmensa de Georg Grosz ou Bertolt
Brecht, cun uso moi axeitado do que este último denominará “gestus”, para
mostrar como a realidade se constrúe socialmente mediante o conflito de forzas
en pugna pola dominación e a hexemonía.
E quedamos sen oír a Valle
en galego, pois o texto nin se oía nin se entendía as máis das veces. Magoa.
Don Ramón María del Valle-Inclán merecía e merece moito máis que un simple
arremedo de plástica escénica. Teatro PoP.
E o público?
Karl Popper en Conjeturas
y refutaciones (1983) pedía aos investigadores que asumisen os riscos que
fosen precisos na formulación de hipóteses e teorías, para despois sometelas a
un proceso permanente de falsación, pois é así como avanza a ciencia. Dado que
na escenificación dun texto sempre se traballa con variables, como ben explicou
Xavier Fábregas en Introducció al llenguatge teatral (1973), sempre se
parte dun xogo permanente entre variables dependentes e variables independentes,
polo que a creación escénica nunca deixa de ser un experimento. Entón, se
decidimos que Hamlet é vixiante nas praias de Samil, hai que axustar todo o
demais (ou non). Por iso é tan difícil xogar aos experimentos con Valle ou
Pinter.
Pois ben,
no caso do teatro o responsable dese proceso de falsación adoita ser o público,
pois agás en casos de pura anomía artística, os espectáculos teatrais tentan
establecer un diálogo co espectador, ese ao que as xentes de teatro urxen, e
con razón, para que vaian ver os seus traballos. Por iso, hai xa bastantes
anos, Jose Sanchis Sinisterra insistía na necesidade de que cada espectáculo
construíse con precisión a dramaturxia da súa recepción, en especial cando se
procuran efectos non habituais, coma no caso de Richard Foreman. Cando iso non
acontece a persoa que vén comigo ao teatro insiste en xogar ao Lucas, mentres
percibo nela os efectos demoledores do paradoxo de Barthes. Pero diso falaremos
outro día, porque, certamente, habería que analizar de qué falamos ao falar de
esperpento en relación a este Martes de Carnaval. Grazas Tito, pola
cordura e a valentía.