Dorotea Bárcena
Icona do teatro noso
Manuel F. Vieites
Desde Faro da Cultura
Coincidindo coa festa do
Día Mundial do Teatro, o pasado 27 de marzo tivo lugar na Escola Superior de
Arte Dramática de Galicia un acto en lembranza de Dorotea Bárcena, quen foi
mestra, actriz, directora de escena, empresaria teatral e autora dramática. Un
acto emotivo e sinxelo no que participaron María Xosé Porteiro, Laura Ponte e
Mariana Carballal, tres mulleres que nalgún momento da súa existencia foron
parte moi importante da mesma, como tamén o fora durante un tempo Cruz González
Comesaña, actriz de Vigo igualmente, que nos deixou en 1989. Tres compañeiras e
amigas que en dúas horas escasas debullaron aspectos substantivos da historia
persoal e artística de Adoración Sánchez Bárcena, nada en Oviedo en 1944. A súa
traxectoria na escena serve par analizar polo miúdo o desenvolvemento do teatro
galego nestes últimos sesenta anos, desde aquela altura, a mediados dos
sesenta, en que un fato de mozas e mozos en toda España quixo facer teatro
dunha forma diferente, pero tamén facer do teatro profesión, nun primeiro
momento como compromiso cívico e político, e nun segundo momento como medio de
vida, no sentido máis amplo da palabra.
Dori, así chamada polas
amigas e amigos, comezou a facer teatro no Hogar Social de Vigo, nunha cidade
onde a finais dos anos sesenta comezaban a agromar iniciativas coma o Teatro
Popular Galego ou o Teatro Popular Cope, sen esquecer a máis veterana formación
do Teatro de Cámara da Asociación da Prensa. Durante un tempo compaxinou o seu traballo de mestra no Colexio dos
Padres Xesuítas cunha vida teatral moi activa e comprometida, tanto que en 1970
promove a creación da compañía Esperpento Teatro Joven, que inicia a súa
peripecia escénica no coñecido como Mesón de Pepe, no Calvario, onde xa temos
unha sorte de andaina inicial no microteatro de hoxe. Un dos primeiros traballos
daquel grupo será o espectáculo Las
bicicletas, a partir dun texto magnífico dun autor especialmente relevante
naqueles tempos, Antonio Martínez Ballesteros, que ela dirixe en 1972. Desa
maneira Esperpento marcaba a súa posición en relación a un dos conflitos máis
substantivos da época: a loita contra a ditadura e polas liberdades.
Aquel grupo de teatro,
Esperpento, promoveu unha das iniciativas
culturais máis notables dos primeiros setenta, como foi a posta en
marcha das Jornadas de Teatro de Vigo, que subían o pano en 1972 e que durante
uns poucos anos permitiu traer á cidade espectáculos de compañías tan
importantes como Aquelarre, Caterva, Els Comediants, Esperpento (Sevilla),
Ditirambo, Els Joglars, Els Joglars, Gangarilla, Teatro de la Ribera, o Pequeño
Teatro de Valencia, pero tamén as voces de Xavier Fábregas, Pepe Monleón, José
Luis Gómez, Miguel Bilbatúa ou Lauro Olmo. Malia que os sectores nacionalistas
non dubidaron en considerar as Jornadas un acto de colonialismo cultural, a
presenza en Vigo de todos aqueles grupos, que representaban o mellor do teatro
independente español, tamén contribuíu, aínda que nunca se queira recoñecer, na
construcción unha escena galega que infelizmente carecía doutros referentes
propios que non fosen o vello teatro rexionalista ou as farsas das festas cíclicas,
coma as do Entroido. Poucos anos
despois, na cidade de Porto comezaba o Festival de Teatro de Expresión Ibérica
(FITEI), que nacía con idénticos presupostos: apoiar o diálogo cultural e
promover a renovación da escena.
Entre 1974 e 1978, e
desde Madrid, participa na creación da compañía La Picota, coa que realiza
traballos de dirección e interpretación, nun colectivo co que promove espectáculos
como La Orgía, Retrato de dama pudriéndose ou El
señor Galíndez, traballos moi notables creados con textos de Enrique
Buenaventura, Luis Riaza e Eduardo Paulovsky, respectivamente. Volvería a
Galicia en 1978, para crear as compañías Teatro da Mari-Gaila, Teatro do Atlántico,
e, finalmente, Teatro da Lúa, co que desenvolve plenamente a súa autoría dramática,
con textos tan importantes como Mullieribus
ou Sigrid era só una boneca rota.
Unha vida plenamente dedicada ao teatro, unha peripecia artística aínda por
reconstruír e describir. Por iso Dorotea Bárcena é unha icona do teatro noso, aínda
por anosar.
As tres Erres
Respecto, recoñecemento
e reparación. Velaí tres liñas de traballo cada vez máis necesarias, en tempos
nos que o pasado semella algo ao que xa non paga a pena prestar atención, moi
doado de ignorar, cando non de falsear. Nestes días pasados unha parte das
xentes de teatro de Madrid asistía atónito a un acto deplorable. No centro
cultural coñecido como Las Naves del Matadero, alguén decidiu retirar a placa
que daba nome a unha das salas, e con esa placa desaparecía o nome de Max Aub,
autor de una importante obra literaria, na que destacan numerosos títulos dramáticos.
Unha acción que un sector da posmodernidade madrileña (e mesmo galega)
consideraba como unha necesaria ruptura coas estruturas canónicas anquilosadas
que deturpan a creatividade dos creadores novos e que mesmo son a causa do seu
exilio artístico: Rodrigo García, Angélica Lidell, La Ribot... Afortunadamente
ningunha desas luminarias, que o son para gozo dunha nova burguesía que devora
entolecida as súas supostas imposturas, tivo que sufrir a brutal peripecia
vital de Max. Por iso invocamos o necesario respecto.
Dori tamén merece ese
acto asentado nesas tres erres, pois en 1977 sufriu un fatídico accidente de
automóbil que afectou gravemente a súa existencia, porque a vida nese día
negro, torcéuselle para sempre. A nós corresponde enderezala un pouco, sequera
sexa por respecto, e por iso non queremos deixar de lembrar que a cidade de
Vigo aínda lle debe a Dori un acto de recoñecemento, que da reparación, cando
menos da artística, somos outros os que nos debemos ocupar.