maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 5 de marzo de 2017

Oleanna, de David Mamet, en lingua galega

Oleanna

por David Mamet

Manuel F. Vieites








A editorial Galaxia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do seu responsable Valentín García Gómez, presentaba, a finais do ano pasado, un texto de David Mamet, Oleanna, que se pode considerar, ao menos no canon dramático dos Estados Unidos de América, unha das pezas máis notables, sorprendentes e polémicas en todo o século vinte. O seu impacto, por razóns que se dirán, foi similar nos países de expresión inglesa, polo feito de que o mundo dramático que recrea mostra modos de vida e problemáticas comúns a todos eles.
Oleanna chega aos escenarios en maio de 1992 en Cambridge, Massachusetts, con dirección do propio Mamet, nunha produción do American Repertory Theatre , a compañía profesional creada en 1980 en Harvard University por Robert Sanford Brustein, quen contra 1966 xa fora o responsable da posta en marcha da Yale Repertoy Theatre, outra compañía profesional doutra importante universidade sita en Boston. Son feitos que poñen de relevo a transcendencia que a educación artística superior ten no sistema universitario dos Estados Unidos de América. Todo un exemplo a imitar onda nós, retardados en tantas cousas.
Nese mesmo ano, en outubro, o mesmo espectáculo chega ao Orpheum Theatre de Nova York, unha sala de 300 butacas abeirada ao que se coñece como Off-Broadway, que suma un conxunto de teatros que, sen deixar de acoller espectáculos dramático-musicais que tantas vexes se transfiren a Broadway (con teatros de maior capacidade en todos os sentidos), deciden a principios dos anos cincuenta apostar pola literatura dramática máis contemporánea, do país e do exterior. Coa chegada a Nova York do espectáculo, comeza unha polémica que aumenta cando en 1993 o Royal Court Theatre de Londres, sempre tan atento ás novas tendencias na escrita, produce unha nova escenificación de Oleanna con dirección de Harold Pinter.
Poucos anos antes, en 1991, no Senado dos Estados Unidos de América tiña lugar unha longa audiencia coa finalidade de proceder ao nomeamento de Clarence Thomas (un xuíz conservador en extremo) como membro da Corte Suprema, proposto polo presidente George H. W. Bush, igualmente conservador. A audiencia alongouse toda vez que unha muller, Anita Hill, acusou naquela altura ao xuíz Thomas de acoso sexual, pois Anita traballara con el como secretaria. Un longo proceso que mostraba as eivas dun sistema político e xudicial que tantas e tantas veces condena a morrer persoas inocentes, sen sequera mostrar arrepentimento como aconsella a Biblia, libro cabeceiro de tantos. O linchamento ao que foi sometida Anita Hill por atreverse a denunciar un poderoso segue a ser un fito na longa loita pola igualdade de xénero e pola dignidade de todas as persoas.
De forma inmediata Oleanna pasou a ser considerada pola crítica e polo propia público espectador como unha recreación daquela controversia sobre o acoso sexual. E por primeira vez na historia, unha problemática tan importante e tan presente en empresas ou en institucións como as universidades, e nas relacións cotiás entre as persoas, se convertía en tema de debate nacional, e comezaba a ter a consideración de delito. Velaí a importancia daquela primeira denuncia de Anita Hill, pois con ela unha práctica tan habitual coma o acoso sexual inundaba os medios de comunicación, para consternación dos hipócritas e vergoña dos falsarios. Velaí tamén a importancia histórica de Oleanna, para alén dos moitos merecementos que posúe como texto dramático, e que tanto gabou Harold Pinter. Por iso, para alén dos usos escénicos da peza, Oleanna é un texto moi presente en centros de ensino nos que serve de escusa para analizar en profundidade un dos males que padecen tantas sociedades: considerar ao outro un simple obxecto para o goce propio. As cifras sobre acoso sexual nas sociedades occidentais, quer no traballo quer no espazo escolar, arrepían, e, mentres tal cousa acontece, unha parte importante da sociedade mira para outro lado, como adoitan facer os cómplices. Como en España, como en Galicia.

No ensino

Pero en Oleanna temos moito máis que unha situación conflitiva entre unha alumna, Carol, e un profesor, John, pois recrea o que cabería considerar como os efectos dunha mala educación, que se volve mala cando o profesorado non cumpre adecuadamente as súas funcións, entre as que está a de poñer todos os medios necesarios para que os alumnos aprendan e sobre todo aprendan a aprender. Mesmo sen querelo, seguramente, Mamet constrúe en Oleanna unha dura crítica a un sistema educativo asentado nunha retórica profesoral que presta moi pouca atención ao alumnado e ás súas circunstancias, especialmente a aquel alumnado que, procedente das clases menos favorecidas, reclama o dereito a ter un soño, a ter un título, a ser coma os demais, á unha educación para todas e todos.

Un sector da crítica, especialmente do feminismo máis radical e por tanto máis tradicional e conservador, atacou duramente a peza e ao seu autor. No primeiro caso por ter creado un personaxe, Carol, con pouco atractivo aparente no plano intelectual, e no segundo pola suposta misoxinia dun autor, que, malia ser un conservador declarado e convencido, en moitas das súas pezas, mostra un retrato realmente aterrador da sociedade norteamericana, como acontece en Sexual Perversity in Chicago (1974) ou GlenGarry Glen Ross (1983). Mamet mostra o que hai, o que somos, non o que debería ser ou haber ou o que deberiamos ser, e por iso as súas pezas carecen do dogmatismo que pode abrollar por veces en obras como Writing in restaurants (1977) ou en Verdadero y falso. Herejía y sentido común para el actor (Alba Editorial, 2011). Pasen e lean. 

No hay comentarios: