maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 11 de febrero de 2017

A resaca, segundo Il Maquinario. Un manual de reposición emocional en clave post

Resaca
Un espectáculo de Il Maquinario
Manuel F. Vieites
O vocábulo resaca refire un movemento das ondas que, pola súa forza, rebeira o fondo do mar e por veces fai que moitos dos tesouros que agocha acaben varados nas praias. Tamén pode ser unha sorte de purga coa que o mar remove areas e pedras na procura de todas aquelas cousas que lle son alleas, para poñelas ao alcance da vista e das mans dos humanos, tantas veces causantes de agresións ao medio. En certa medida, este espectáculo de Il Maquinario, Resaca, con dirección de Tito Asorey e textos de autoría moi diversa aparellados pola man de Ana Carreira, acaba por mostrar un movemento similar na conciencia das persoas que integran unha compañía de teatro que mentres preparan o próximo espectáculo parece que perden un ser moi querido, unha moza de nome Alex. A fenda emocional que provoca fai que en todas elas agromen imaxes, palabras, lembranzas, preguntas, mesmo que a memoria se converta nesa maquinaria imperfecta que fai que algunhas cousas emerxan con desmesura mentres parece querer privarnos doutras. Abrolla o enigma Alex, e con ela un novo espectáculo.
E cabe pensar entón en Kurt Swichtters, quen fixo do colaxe unha ferramenta privilexiada para mostrar que a realidade é coma un farrapo feito de moitos remendos pero cheo de bastantes ocos. Porque esa é, en definitiva, a maneira en que se constrúe a trama desta montaxe (á maneira de Sergei Eisenstein), na que se van sumando remendos feitos de memoria para armar o espectáculo que finalmente temos, sobre o pano dun espectáculo que non foi, máis persiste. Así, a pretendida reflexión colectiva sobre o amor convértese nun epitafio lúdico, emocionado, e por veces distante, pola amiga que se foi, e que cómpre explicar, recuperar, manter, acariñar, ou exorcizar. Aínda que tamén é posible que Alex non sexa máis que un enredo que fornece a posibilidade para cismar na existencia compartida dos presentes e dos ausentes, de todas e todos nós.
Velaí o paradigma do teatro documento e do verbatim theater, desenvolvemento recente que procura utilizar materiais auténticos, tirados da realidade que se quere reconstruír, das persoas ás que se quere poñer voz ou devolver a palabra, para que a súa queixa, protesta, ou delirio místico, se poida escoitar. E como mostra desa tendencia temos aquel texto enorme, A State Affair, que Robin Soans reconstruíu en Bradford coa compañía Out of Joint, escenificado polo mestre Max Strafford-Clark como homenaxe a Andrea Dunbar, unha das máis grandes dramaturgas da literatura dramática de expresión inglesa. Un texto cunha dificultade extrema na súa presentación escénica, imposible para neófitos ou lagartas asolladas.
Tamén en Resaca a palabra clave é reconstrución, quer das lembranzas que de Alex teñen os seus amigos, quer do proceso que a propia Alex iniciara para reconstruír a historia dos seus e que nos chega a través de vellos cadernos, como aquel co que unha súa aboa enfrontaba a dureza da vida e que mostra a importancia dos números na vida das persoas, cando os números chegan para subsistir ou abondan para morrer. Nesa reconstrución do pasado familiar agroma a vertente política do espectáculo, pois falar de nós, de galegos e galegas implica certamente falar de submisión, opresión, emigración, guerras, racionamento, cláusulas chan, preferentes, letras pequenas, contratos, desafiuzamentos, miseria e dor. Como exemplo, esas historias de aboas, de nais, de pais, na súa paixón, nada mística nin teresiana, por subsistir.
Unha historia fragmentada e fragmentaria, coma en Brecht, con certas emersións políticas, pois os riscos que enfronta e asume a compañía no espectáculo non derivan da substancia da expresión, do mecanismo formal para a enunciación escénica, senón da substancia do contido (que dirá Louis Hjelmslev), incorporando imaxes, palabras e frases, que a veces se repiten de forma insistente para mostrar as razóns dunha submisión aceptada, validada e lexitimada polos submisos cando non son quen de se rebelar fronte ás hipocrisías e mentiras dos poderosos, dos políticos, dos palimpsestos, e por aí chegamos a Gramsci. Non se quere seguir o vello consello de calar para evitar problemas cos que non admiten e penalizan o disenso sendo donos dun poder absoluto, e por iso Resaca é un espectáculo valente, non tanto no plano formal canto no desexo de recuperar a historia de Alex e dos seus, que vén sendo, insistimos, a historia de todos nós, os galegos e as galegas que nada temos que ver con aqueles para os que o home sen ollos que irrompe en Resaca construíu un slogan falsario. Magoa que a pulsión formal asolage a mirada política e converta o conxunto nun fermoso e requintado brinquedo.
Alex reloaded
O público intúe que o espectáculo está a piques de rematar cando o actor Fran Lareu colle a súa trompeta e finalmente é quen de volver sacar dela as notas de Il Silenzio, a melancólica melodía que compuxera en 1965 o italiano Nini Rosso, e que Fran fóra incapaz de facer soar no enterro de seu avó, o que tocaba o saxofón e tiña no neto acompañante e cómplice de aventuras musicais. Pois o espectáculo como tal ben puidera ser unha sorte de ritual colectivo de purificación asentado na reconstrución de lembranzas, emocións ou sentimentos, e por iso tal vez se escoite unha e outra vez Obladi Oblada, a cantiga dos Beatles que conta a historia de Desmond e Molly. Unha maneira de se despedir dunha amiga seguramente imaxinaria, de desfacer a casa, de baleirar cuartos e armarios, para deixar que entre a luz. Unha purga, que tamén iso pode o teatro, como quería Antonin Artaud, a pesar de que xamais fose quen de lograr os espectáculos pestíferos que soñou cas dos Tarahumara.

Para os espectadores que acceden ao Auditorio de Ourense, espazo que acolleu a estrea do espectáculo, quizais non pase desapercibida a figura dun home esgazado (escultura de Álvaro de la Vega) que parece mirar dous marcos abertos situados a escasos metros, que tal vez sexan portas da percepción e da memoria, ou ao mellor un mecanismo para encadrar a realidade que se quere mirar. Unha fermosa metáfora para describir a maneira en que os integrantes de Il Maquinario procuran na memoria de Alex a súa propia, mentres nos convidan a facer o mesmo coa nosa, coas nosas. Pois o mellor teatro, como explicara o noso Rafael Dieste en La vieja piel del mundo (1936), non deixa de ser unha loita por reconstruír a memoria, e con ela a historia, e por iso mesmo unha posibilidade para preguntar, cuestionar, revelar e revelarse.

No hay comentarios: