maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 18 de diciembre de 2016

Panamericana, de A Panadaría. Para explicar a esencia do teatro. Nada que ver co posteatro, cos plásticos do pop (do pp vaia)


Panamericana

Unha comedia para tempos avoltos

Manuel F. Vieites

Publicado en Faro da Cultura, Faro de Vigo

Cando Areta Bolado sae ao escenario baleiro, e sitúa, confirma e recoñece o público coa mirada e co xesto, e cando despois inicia unha demostración de cómo bater palmas, de xeito que o público a poida acompañar, está establecendo a convención xeral do espectáculo. A ficción non vén dada, é algo que se vai ir construíndo coa complicidade e coa colaboración da audiencia, e co traballo de tres actrices que non ocultan o feito de selo, nin se agochan detrás do personaxe, pois en todo momento se insiste en facer aparecer e romper a convención. Brecht? Non, en todo caso outros creadores escénicos que xogan o mesmo xogo, desde Tricicle ata Golden Apple Quartet.

O espectáculo, segundo declara a propia Areta Bolado, nace das peticións dos espectadores do primeiro espectáculo feio por A panadería, Pan! Pan!, expresadas nunhas follas cubertas e recollidas ao final de cada función, e que agora serven para ir conformando fábula e trama, como se dun ensaio se tratase. Para atender as peticións do público, o espectáculo toma a forma dun programa de televisión, Corasón aniquilao, que ofrece unha canle moi famosa de Panamérica, o pais natal da cantante e artista Miranda Celia del Río, que farta da presión da fama decide retirarse un tempo a un pequeno país desta beira do Atlántico, de nome Provincia e que ben podería ser a mesma Galicia.

Cando chega a Provincia, Miranda vai vivir diferentes situacións nas que se deixa sentir unha aceda crítica aos moitos e moi diversos problemas que padecen os seus habitantes, sexa por mor da privatización da sanidade, pola burocracia que afecta a realización de calquera trámite administrativo (peregrinación burocrática), ou polas moitas falcatruadas que se cometen desde o sector financeiro, o mesmo que recibiu unha inxente cantidade de diñeiro mediante obrigada suscripción popular en forma de recortes e supresións en dereitos e servizos, e que xa anunciou que non pensa devolver, tamén porque ninguén lle reclama a débeda contraída. Os xogos de maxia incorporados á partitura escénica contribúen a aumentar esa sensación de bochorno ante a indecencia dos calotes.

O formato elixido pola compañía, a comedia bufa, aumenta máis se cabe a dimensión paródica da realidade dun país no que certamente non habitan os unicornios, como cabería deducir da propaganda institucional. A imaxe da Presidenta de Provincia, de nome Norma ou Susana, cun trapo de neno no colo, é un símbolo poderoso da manipulación emocional da cidadanía. E para símbolos, ou metáforas, velaí a festa da pataca, unha visión irónica dun país dedicado en exclusiva a facer da festa gastronómica un sinal de identidade, esquecendo que a identidade tamén se configura con outras formas de saber e de facer.

Sen dúbida un dos maiores valores deste espectáculo, como xa acontecía con Pan! Pan!, é o magnifico traballo interpretativo de Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, que entran e saen do personaxe coa mesma naturalidade coa que crean os efectos sonoros necesarios e da forma máis sinxela posible, utilizando o corpo como ferramenta expresiva, co que tamén xorden todo tipo de situacións e xogos escénicos nun escenario totalmente baleiro, tan só apoiadas na iluminación de Montse Piñeiro. Unha forma de facer moi asentada nas técnicas de improvisación e de transformación, tan propias dalgunhas tradicións escénicas nas que unha actriz para crear o mundo non precisa doutra cousa que non sexa a súa imaxinación e a complicidade sempre necesaria do público.

Coma sempre, o espectáculo está trufado de cantigas orixinais de Ailén Kendelman e cantadas a capella, mais neste caso destaca en especial o traballo realizado para dar vida a Miranda del Río, por medio nun magnífico monicreque elaborado por Iria Roibas Esteve cheo de forza expresiva. En suma, un traballo notable para seguir pensando que o teatro segue a ter moitas razóns para ser.
  
O guiso tropical

Para quen pense ou diga que o espectáculo resulta un tanto atrapallado, considerando a sucesión de situacións, ou o periplo de Miranda Celia del Río polas terras de Provincia, sempre cabe apelar ao feito de que se trata dunha proposta creada a partir das peticións dos espectadores, sendo todas elas moi dispares e algunhas certamente desatinadas, en ocasións incompatibles ou demasiado abstractas (pois Areta Bolado leu unhas cantas). É así como o espectáculo adquire a forma dun guiso, pero feito cunha manchea de saborosos produtos tropicais que non sempre se prestan a unha boa maridanza.

Por iso se fai ás veces tan necesaria a figura dun “chef”, que se estamos falando de teatro é tanto como dicir director ou directora de escena, pois é quen pode ofrecer esa mirada externa tan necesaria para poder combinar adecuadamente os ingredientes e garantir que o guiso non acabe sendo un desaguisado. Non é este o caso, felizmente, pero o espectáculo seguramente gañaría moito coa consideración da dirección de escena como unha das disciplinas fundamentais na creación teatral. E afortunadamente hai onde escoller.

No hay comentarios: