-->
Medea,
segundo Lucio Anneo Séneca
Manuel F. Vieites
Publicado en Faro da Cultura, Faro de Vigo
Segundo a mitoloxía recreada por
poetas como Eumelo ou Píndaro, pero atendendo tamén aos primeiros tratados de
historia como os debidos a Pausanias, Hesíodo ou Apolonio de Rodas, a Cólquida
era un reino situado contra a costa sueste do Mar Negro, e tiña por veciño o
reino de Iberia, situado este no interior desa franxa das feras terras que
separan o dito mar daquel que chaman Caspio. Neses territorios todos reinaba
Aetes, en tempos anteriores á guerra de Troia, que investigacións recentes
queren situar contra o ano 1200 AC. Era neto de titáns e dunha ninfa oceánica,
e fillo de Helios, e por tanto descendente directo dos deuses. Este rei tiña
unha filla de nome Medea, quen fora instruída nas artes da maxia pola súa tía
Circe, que era sacerdotisa da deusa Hécate, coñecedora do poder das palabras,
das plantas e das herbas e considerada deusa dos mortos e das meigas. Unha
figura similar á da Santa Morte mexicana, que seguramente teña antecedentes no
deus Mictlanteuctli, señor dos mortos
en náhuatl, lingua que aínda fala máis dun millón de persoas.
A historia de Medea, unha das
heroínas clásicas con maior atractivo na creación artística, vai unida á de
Xasón, herdeiro do reino de Iolco en Tesalia e do que fora desposuído polo seu
tío Pelias. Cando quere recuperar o trono, Pelias proponlle unha proba, a de
recuperar o Vélaro de Ouro, a pel dun carneiro alado e áureo na que Frixo
partira voando desde aquelas terras en dirección ao Cáucaso moitos anos atrás.
Así comeza a viaxe dos Argonautas, ou mariñeiros do Argo, un dos relatos épicos
máis importantes da tradición grega, que alimentará a obra de numerosos poetas,
dramaturgos, xeógrafos e historiadores. Especial interese ten no eido
dramático, o momento en que Xasón, de volta en Iolco, acompañado de Medea, non
consegue recuperar o trono, e se refuxia en Corinto, onde logra o amor de
Creusa, filla do rei Creonte, polo que aquel decide repudiar a Medea, que é
expulsada da cidade polo rei, entre outras cousas por estranxeira.
Entón, chega o momento en que por
boca da propia Medea saibamos moitas das historias acontecidas cando Xasón
tenta conseguir o Vélaro, e saberemos na fin como Medea, ferida de amor por
Eros, acaba traizoando a súa patria para axudalo, grazas aos seus poderes
máxicos, os aprendidos coa súa tía Circe. Pois Medea non só se volve contra seu
pai, senón que mata ao seu irmán Absirto, pero tamén consegue que as fillas de
Pelias metan o seu pai nun caldeiro con auga fervendo pensando que así
recuperaría a xuventude, o que provoca a fuxida de Xasón e Medea, que se
refuxian en Corinto. Veremos xa que logo que ambos os dous son culpables de
terribles delitos que, por mor das circunstancias favorables ao home, serán
atribuídos en exclusiva a unha muller que acaba sendo excluída, desprezada e
expulsada (vedrañas historias e culpas). Poderiamos ver na exclusión de Medea
unha condena da barbarie fronte á civilización? Ao mellor, mais a argumentación
de Creonte cando intenta exculpar a Xasón ou cando este intenta renunciar ao
seu truculento pasado (Eu non fun!!!), xogan en contra. Tal vez por iso, malia
ter cometido novos crimes, como envelenar a muller do pai dos seus propios
fillos e matalos despois para vingarse de Xasón, o carro de Helios, tirado por
serpes voadoras, acode na súa procura para salvala.
Unha historia poderosa, recreada por
autores como Eurípides ou Ovidio. Pierre Corneille, Jean Anouilh, Peter Kein,
Heiner Müller, Manuel Lourenzo ou Marina Carr tamén sucumbiron ante a maxia
dunha narrativa sobre a que Séneca escribiu unha das súas traxedias máis
notables, a titulada Medea, que nos
chega na versión galega do profesor José M. Otero, autor igualmente da
interesante introdución, e publicada, en edición bilingüe por Toxosoutos. Un
texto magnífico, inzado de fermosas figuras retóricas que o converten en manual
práctico desa arte milenaria, válido aínda para pensar na escrita e para pensar
o presente. Velaí a grandeza dos clásicos, e a necesidade de que as nosas
letras brillen con voces alleas, felizmente anosadas.
Estoicismo
Séneca, nado en Córdoba mais educado
en Roma, padeceu durante a súa vida a proximidade de persoas ben poderosas e
controvertidas como Calígula, Mesalina, Claudio ou Nerón, sendo este último o
que lle enviaría un centurión coa mensaxe de que se tiña que suicidar, coma
Sócrates algúns séculos antes. Diante da deplorable situación do seu país adoptivo non é de estrañar
que fose un firme defensor da apátheia,
termo grego que serve para definir aquel estado en que o ser humano non está
posuído pola paixón senón instalado no equilibrio, na impasibilidade, xusto
aquilo do que semella carecer Medea.
Estamos ante un estoicismo negativo,
pois non se trata tanto de promover virtudes canto de criticar vicios; e no
caso de Medea ponse en cuestión o feito de que o furor se antepoña á razón,
esquecendo os consellos do Coro ou da Nutriz, que mostran e destacan as virtudes
cidadás fronte á desmesura e ao desenfreo que rexe a conduta da estranxeira, da
muller procedente de terras bárbaras. Unha ménade furiosa, que o dramaturgo
empírico condena pero sen que el mesmo mostre moita vontade por debuxar con
tons amables figuras igualmente sinistras coma Creonte ou Xasón. Exemplos todos
do que non debe ser, do que non cabe admitir, e un recordatorio de que a
barbarie non vén de fóra, nós mesmos somos barbarie. Paga a pena mirar o
presente, como mostra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario