maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 15 de mayo de 2016

Tres novas pezas de Santigo Cortegoso, de Ibuprofeno teatro

Santiago Cortegoso

Tres pezas

Manuel F. Vieites


Como sinala o autor no prólogo que antecede os textos, as tres pezas que agora presenta, en edición de Morgante, foron espectáculos estreados por Ibuprofeno Teatro entre 2010 e 2015. Pezas que se escriben, segundo se conta, para explorar a poética da compañía e sempre en función do que a compañía vai xerando nos ensaios nos que se proban, entre outras cousas, as textualidades e as súas texturas. O autor dálle forma literaria ao que nace da parola escénica; o texto agroma da escena, onde colle forma, e ao poeta da compañía corresponde fixalo, quer para establecer o texto do espectáculo que se vai representar, quer para convertelo en artefacto literario, que como tal vai ser valorado pola crítica.

Ora ben, as posibilidades para a lectura crítica do texto son moitas, e neste caso paga a pena transitar polos vieiros da socioloxía, pois nestas tres pezas hai metáforas abondas para considerar algunhas problemáticas sociais, culturais e artísticas que informan do que somos, onde estamos, e do que xamais poderemos ser, pois para selo terían que cambiar tantas cousas que nós mesmos acabariamos por nos esvaecer, para ben da humanidade e da civilización.

Pequenos actos revolucionarios (que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos), xa contén unha idea precisa do que se nos quere trasladar, pois como di EL na escena 12, “A revolución é un asunto privado”, que ten máis que ver con comportamentos cotiás que cos roles e xestos circunstanciais, espontáneos, mesmo mediáticos (por simbólicos que os imaxinemos), que teñen como finalidade última coidar un pouco a profilaxe da conciencia. Xa o dicía Harold Pinter ao sinalar que as súas primeiras pezas eran as máis políticas de todas as súas, pois falaban de hexemonía e submisión nos estadios básicos da interacción humana, onde os xogos de poder poden ser máis perniciosos. Traballa aquí o dramaturgo implícito con tres imaxes poderosas: (1) eses actos case conceptuais que non deixan de ser formulacións inocentes de boa vontade sen outra transcendencia que a ducha moral, (2) o ser humano como boneco  manipulable (un clik de Playmobil), e finalmente (3) ese globo inmenso que afoga e amola as nosas vidas sen que nos atrevamos a esfuracalo de vez. Globos cheos de aire podrecido que semellan xigantes invencibles, como aquel Xeneral Rosas a quen Juan Bautista Alberdi dedicou unha das mellores farsas da historia da literatura dramática (O Xigante Mapoulas, publicada por Sotelo Blanco). 

Con todo, a peza das tres que máis interese pode ter no plano sociolóxico é a titulada O furancho, que na súa primeira versión serviu de fío narrativo da gala dos Premios María Casares de Teatro de 2014 (denominación que merecería unha análise delongada, de lembrarmos a Noelia Rofast). Pois ben, a metáfora do furancho para mostrar a realidade do teatro galego pode ser moi acaída, especialmente cando se compara a figura do “teatreiro” coa do colleiteiro que abre ese negocio medio legal para lle dar saída a un produto que para chegar a ser esixe todo un conxunto de labores que fan renxer o lombo e os cadrís. Nesa comparanza, que non se fai explícita pero que resulta inevitable, entre o furancho e a viñoteca, hai moito que cismar para imaxinar o teatro que deberiamos ter, nunha tensión permanente entre o local (que non é sinónimo de neoenxebrismo) e o global (fuxindo da post-mímese paifoca). Un teatro para a revolución nas pequenas cousas de cada minuto de cada hora, lonxe dos discursos todos. 

Escribir á contra

Sabemos ben que os tempos non son bos para a creación artística, e menos para a teatral, un sector onde palabras como emprender ou experimento, na súa acepción máis poderosa e científica, teñen especial relevo e sentido. Pois poñer na escena un espectáculo, diante do público, esixe probar e traballar con múltiples e moi diversas variables, e non todas elas doadas de manipular. Esa actitude aberta e valente que esixe o experimento teatral é a que provoca a mellora e a innovación nas artes escénicas, como mostraron os grandes creadores, fuxindo de receitas e camiños trillados.


Tamén na escrita dramática cabe operar dese xeito, poñendo a proba as maneiras de armar e desarmar historias, como facía o amigo Xulio Cortázar, pero tamén as formas en que os creadores da escena adoitan traballar cos textos para montar espectáculos. Textos que esixan das actrices, das directoras, das escenógrafas, outras miradas e o abandono das rutinas que fan que as artes murchen, que perdan o seu engado, e con el esoutra mirada que precisan para ser: a das persoas que len, ou que agardan, no teatro, o misterio das vidas replicadas. Retos para ser cada vez mellores.

No hay comentarios: