maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 6 de marzo de 2016

Pan! Pan! Pan de teatro con A Panadaría













Un teatro necesario

A panadería

Manuel Francisco Vieites


O teatro é un feito sociocultural e artístico multiforme, variado, heteroxéneo, e por iso mesmo os seus rexistros, estilos e xéneros adoitan ser igualmente diversos e mesmo dispares. O teatro pode chegar a ser tan dispar como o poida ser o mesmo público, especialmente naqueles países en que as artes escénicas forman parte do imaxinario máis inmediato da cidadanía. E por iso, como ben sinalaba o profesor Juan Villegas no seu magnifico estudo Para un modelo de historia del teatro (1997), na escena conviven e loitan diferentes discursos, pero todos necesarios.
 
No seu tratado máis coñecido e citado, The Empty Space (1968), Peter Brook falaba de diferentes paradigmas no facer teatral e mostraba catro grandes categorías (teatro mortal, sagrado, rudo, e inmediato), que naquela altura servían para analizar un estado de cousas en que os discursos dominantes e hexemónicos comezaban a ser contestados polos discursos renovadores dun teatro que se proclamaba independente e vangardista, e que asomaban con forza en festivais de teatro tan importantes coma os de Nancy ou de Vigo, naquelas “Jornadas de Teatro” dos primeiros setenta polas que pasaron grupos tan importantes como TEI, Esperpento, Comediants, Caterva, Joglars, Ditirambo, Aquelarre ou Teatro de la Rivera.
 
As categorías de Brook servían para o que servían naquela altura, pero o tempo fixo que moitos dos teatros proclamados sagrados acabasen por tornarse rudos ou mortais, certamente prescindibles, e por iso na liña transversal do seu discurso o mestre inglés non deixaba en ningún momento de recoñecer que en realidade en cada circunstancia sociocultural cómpre un teatro que sexa necesario aos seus usuarios e ao propio teatro en tanto manifestación artística, polo que cabo dese teatro pertinente habería que falar de xéneros e estilos diversos para públicos moi diferentes e mesmo diverxentes.
 
A Panadería é unha compañía galega de teatro integrada por tres mulleres, Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman, que desde 2013 veñen recorrendo os escenarios de Galicia, e recollendo premios, cun espectáculo, Pan! Pan!, que serve para  reconciliar unha vez máis ao público co teatro, para que o público entenda que hai moitas formas de facer teatro e que todas son plausibles sempre que se parta dunha premisa fundamental: a intelixencia do espectador. E no título proposto, Pan! Pan!, non deixa de haber una certa polisemia, pois en efecto o “pan” pode facer referencia ao son da arma dun pistoleiro, pero tamén ao proceso de alimentar os teatros con traballos elaborados con rigor, con cariño, e con xenerosidade, para regalía do público alí convocado.
 
O espectáculo na súa concepción parte dun xogo permanente con aquilo que permite que o teatro sosteña a convención na que se asenta: o famoso “como se” sobre o que escribiron mentes tan privilexiadas como Constantino Stanislavski ou Gianni Rodari (Grammatica della fantasia, 1973). Un xogo permanente coa convención que permite establecer unha liña narrativa que van tecendo as tres actrices, e que lles permite recrear os diferentes personaxes, situacións e conflitos que van debullando a medida que a acción progresa. Unha maneira magnífica, pero notablemente sinxela, de mostrar en que consiste o xogo do teatro. Como escribira Jerzy Grotowski por volta de 1965, no seu coñecido manifesto “Cara un teatro pobre”, para que o teatro poida ser só se precisa dun actor e dun espectador. Todo o demais é prescindible. Pois iso mesmo é o que nos mostran e demostran estas tres actrices nun traballo interpretativo notable que conforma un espectáculo especialmente necesario na nosa escena. Un exercicio, insistimos, de intelixencia.   

A arte da parodia

A farsa e a parodia son maneiras de recrear a realidade bastante comúns no teatro galego, só que en moitas ocasións acaban por volverse contra os que se recrean nelas, pois teñen o perigo de ser unha sorte de traxe de emperador. Para parodiar unha determinada forma de bailar, é moito mellor saber bailar, porque de non ser así, a paradia acaba sendo unha simple trapallada, unha outra cousa máis propia de trapalleiros. A trapallada é todo un xénero, que a posmodernidade transformou en vangarda.

Pan! Pan! defínese como parodia dos westerns americanos, pero a tal parodia non se constrúe coas ocorrencias orais que se poidan ir fiando, senón cun traballo moi acertado con todos os elementos de significación cos que se pode construír un personaxe, unha situación, un conflito, unha acción, un espectáculo; con esa capacidade para replicar feitos e condutas, para replicar unha motricidade fina e relevante. Unha mostra pertinente de que a parodia é moito máis que unha ocorrencia afortunada, de que o teatro é unha arte que hai que aprender, que non xorde da indolencia preguiceira dos ocorrentes.
  

No hay comentarios: