Plásticos, Posmodernos, POPulares
Estadas for ever
Manuel F. Vieites
Unha exclusiva de Faro da Cultura
Malia que non se saiba, ou non se diga, todas as tendencias escénicas que
veñen formulando a fin do teatro e da danza, e a emerxencia de novas formas,
como a arte da acción ou a arte da presentación escénica, aparecen contra
primeiros do século XX, coas ideacións, lúcidas ou lúdicas segundo os casos,
dos futuristas italianos, dos dadaístas centroeuropeos, dos futuristas rusos.
Velaí traballos coma Le Basi (1913)
ou Vengono (1915) de Marinetti,
primeiras accións escénicas que terán continuidade nos traballos de Enrico
Prampolini, Fortunato Depero, Giacomo Balla, Nikolai Foregger ou Luigi Russolo.
Con eles, con creadores únicos coma Kurt Schwitters ou Oskar Schlemer arrancaba
a posmodernidade na arte, unha efervescencia que Marcel Janko soubo retratar
nun lenzo seu de 1916 titulado Cabaret
Voltaire: fragmentación, simultaneidade, deconstrución, mestura… Mentres se
promovía con forza ese movemento de desteatralización, outros creadores coma
Fuchs, Meyerhold, Vakhtangov, Piscator ou Copeau apostarían pola
reteatralización, por asentar as esencias da teatralidade, por renovala.
Nesta loita permanente e soterrada
por afirmar ou pórlle fin á arte teatral, tiveron un rol importante un grupo de
creadores que, procedentes moitas das veces das artes plásticas, tentaron desprazar
o vello espectáculo teatral para situar no eixe central da escena a
instalación, a ensamblaxe, ou a colaxe, botando man dos máis variados recursos
e desterrando aos axentes habituais do espectáculo, substituídos por persoas
con ansías enormes de facer cousas, mesmo que non soubesen moi ben o que facer,
como acontecía nas accións escénicas de Allan Kaprov. No seu libro Exhausting Dance (2006) o profesor André
Lepecki explica moi ben os principios e consecuencias de todo ese movemento:
para facer teatro, para facer danza, xa non hai que saber interpretar ou
bailar, só hai que querer, pois o importante é a intención, e sobre todo, o concepto,
esa palabra máxica na que se asenta o que se ten denominado arte conceptual,
manifestación que, en última instancia, traslada ao espectador toda a
responsabilidade en relación ao obxecto artístico. A crítica normalmente
axeonllouse ante estas manifestacións, incapaz de exercer o seu labor “crítico”
de forma contundente. Malia a banalización absoluta da arte dos primeiros
artistas POP.
Unha das obras fundamentais nese
movemento que pon en cuestión o concepto mesmo de arte, e que na fin vén
proclamar ese principio posmoderno do “todo vale se a ti che vale”, vai ser
Marcel Duchamp, coas súas coñecidas montaxes Roue de bicyclette (1913) ou Fontaine
(1917), cos que se inicia a xeira dos “obxectos encontrados”, trebellos e
cousas, aos que o artista, coa súa capacidade de demiúrgo, sitúa na esfera
pública. Unha situación que revolucionou os cadros de persoal de museos e
galerías, pois agora para traballar en moitos deles xa esixen un doutorado en
artes da acción, para evitar que cabichas, cinseiros e botellas de cervexa,
acaben na bolsa do lixo. No campo escénico o obxecto encontrado ten o seu
parangón na “ocorrencia”, que as máis das veces devén en trapallada.
unha fermosa pega reboldana, gaia, ou real
Vendo a forte pegada desas novas
tendencias, ao mellor conviña chamar un deses notables artistas da mirada
conceptual e performativa (Wilfredo Pietro, por favor), para converter en
obxecto artístico esa acción / presentación escénica que se vén desenvolvendo
en Galicia nos últimos anos con notable rigor e precisión, e cunha non menos
notable heteroxeneidade formal. Falamos da permanente embalaxe e desembalaxe de
obxectos que ten lugar na Cidade da Cultura, nesa magnífica instalación de estadas,
que, cos parámetros da arte da acción, debería figurar entre os feitos
artísticos sobresaíntes do país. Non vaia ser que esteamos diante da pega gaia
dos ovos de ouro. Galicia é espectáculo.
O valor de cambio
Foi unha verdadeira magoa que o pasado Festival Escenas do Cambio, non
incluíse no seu programa esta instalación en progreso e proceso, que nós denominamos
Estadas for ever ou mesmo DeconstruAcción, pois seguindo os
presupostos do grupo Fluxus, estamos ante un verdadeiro evento, dunha tal
complexidade que permite liberar de forma exponencial a capacidade do
observador para darlle sentido a todo o que alí acontece. Mesmo cabería
repensar o coñecido test de Hermnan Rorschach de 1921 para imaxinar un novo
paquete de imaxes que sen dúbida permitiría que científicos de todo o mundo
dedicaran interesantes investigacións a descifrar o fenómeno: que é o que a xente
ve cando ve o que ve no monte da pegas gaias, ou reboldanas? As estadas, vaia.
Ora ben todas estas formas de acción, que serán ou non arte segundo o que
cada quen decida, non deixan de formular e tentar dar resposta a preguntas
dunha profundidade inaudita: que se fai cando nada hai que facer?, que se di
cando nada hai que dicir?, que pasa cando non pasa nada? Claro que alguén
pensará nunha coñecida cantiga de Pata Negra, o grupo magnífico de blues de
Rafael e Raimundo Amador, pois que pasa a vida, e hai moita xente malvivindo en
todo o país. Moita miseria (por veces moral) nesta arte / cultura, suposta e
sen conciencia.