maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 21 de febrero de 2016

Resistir no escenario. Un excelente estudo sobre o teatro galego último


Resistir no escenario

Do teatro e das súas institucións

Manuel F. Vieites

           
Dos moitos libros que cada ano edita o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, queremos destacar o titulado Resistir no escenario, ao que a súa autora, Inmaculada López Silva, lle engade un suxestivo subtítulo: “Cara unha historia institucional do teatro galego”. Situándose na etimoloxía da palabra, o libro ofrece unha panorámica do que ten sido a configuración do sistema teatral galego na segunda metade do século XX, pois vai ser nese período cando en Galicia se comecen a poñer en pé as primeiras “institucións” específicas do campo teatral, que xa se empezan a imaxinar en Ribadavia nos anos da Mostra Abrente, á que Inmaculada e Dolores Vilavedra dedicaron un magnífico estudo, e que abrollarán con forza na década dos oitenta e noventa do século pasado ou na primeira do actual. 

Non esquece a autora, sen embargo, lembrar algunhas iniciativas pioneiras que acompañan a propia historia do teatro noso, e que xa dan conta de que desde finais do XIX se sentía a necesidade de crear eses organismos ou entidades que, como ben se explica, confiren capital simbólico. Por iso se destaca o traballo desenvolvido xa desde a época das Irmandades da Fala, establecendo así unha liña de continuidade marcada por esa loita permanente por erguer, manter e desenvolver un sistema cultural propio, asentado nunha lingua unhas veces prohibida e tantas veces en situación de absoluta marxinación e deturpación. Malia todo o que digan os bilingües.

Logo de mostrar o mapa conceptual do campo obxecto de estudo, seguindo a autores tan destacados como Pierre Bourdiue ou o noso Xoán González Millán, unha tarefa necesaria que tamén aparece na liña transversal do discurso, o libro afonda na xénese e no desenvolvemento, mesmo na súa xustificación sistémica, de dúas das nosas institucións teatrais máis importantes, e que en boa medida van significar, cada unha no seu momento, puntos de inflexión na lexitimidade do campo teatral: falamos do Centro Dramático Galego, que nace en 1984 grazas á decidida vontade de Luís Álvarez Pousa, e do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, creado en 1989 pero que bota a andar de forma definitiva en 1991. Un Instituto que en 2008 pasada a denominarse Axencia Galega das Industrias Culturais (craso erro!). Velaí un percorrido sumamente interesante que permite coñecer a intrahistoria de moitas cousas e tamén sirve para explicar o porque de outras tantas, pois hai moitas outras historias que se mesturan coas desas dúas entidades.
 
O delongado estudo de Inmaculada López Silva tamén presta atención a outras cousas importantes, o teatro afeccionado e á crítica teatral, a edición e os públicos, as redes de difusión escénica e as salas alternativas, as compañías profesionais e á investigación, co que se nos ofrece en máis de 340 páxinas unha excelente panorámica do que ten sido, do que está a ser en suma, a historia do teatro noso e as razóns de que sexa así e non de ningún outro xeito.
 
Entre os moitos acertos deste magnífico estudo, hai tres que paga a pena destacar. En primeiro lugar o uso de fontes documentais primarias, con xenerosidade, o que permite armar unha bibliografía final que vai ser un referente necesario para outros estudos que se queiran acometer, e que quedan ben apuntados. En segundo lugar, a vontade de non deixar de falar de todos eses temas en aparencia secundarios, que a veces se evitan ou se esquecen, e que en tantas ocasións serven para iluminar o conxunto con maior forza, para explicalo desde outras miradas. Por iso na obra hai historias con maiúsculas que nada serían sen esas outras pequenas historias que as complementan, o que da idea da diversidade e da complexidade do asunto. Finalmente, a notable polifonía do discurso, pois en todo momento abrollan as voces das persoas que en cada momento participaron nesta historia vibrante e convulsa. Un libro moi recomendable que ademais está moi ben escrito, cun estilo directo e preciso que favorece moito a lectura. Parabéns para a autora e para os editores.

Saber do país

Tense afirmado que un dos maiores problemas que ten o campo cultural radica en que as persoas que se ocupan politicamente da súa xestión non sempre proceden do mesmo, polo que resultaría comprensible que pouco lles preocupe o estado en que quede, pois non van vivir nel ou del cando abandonen o cargo. Por iso hai libros que todas esas persoas deberían ler, para coñecer sequera un pouco de que vai aquilo ao que se van dedicar, e todo quilo que está en xogo. Este é sen dúbida un deses libros, moi recomendable, eu diría que obrigatorio.

Tamén debería ser obrigatoria a súa lectura para outras persoas que ao modo dos paracaídas posmodernos ameazan con cambiar o teatro enteiro cando en realidade só pretenden facer un oco para o seu proxecto persoal de distribución escénica, para o seu discurso, alleos ao que acontece no país, alleos ao propio país, e á súa lingua. Igualmente para todas esas persoas que, coa mellor das vontades, nestes momentos soñan con propoñer un novo modelo para facer do teatro un elemento substantivo no decorrer económico e sociocultural do país. Un libro necesario, insistimos, para saber quen somos, de onde vimos e a onde podemos chegar. Para seguir facendo país, desde o teatro, ou para facer teatro, de país. Do país, coma o viño.

No hay comentarios: