maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 21 de febrero de 2016

Resistir no escenario. Un excelente estudo sobre o teatro galego último


Resistir no escenario

Do teatro e das súas institucións

Manuel F. Vieites

           
Dos moitos libros que cada ano edita o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, queremos destacar o titulado Resistir no escenario, ao que a súa autora, Inmaculada López Silva, lle engade un suxestivo subtítulo: “Cara unha historia institucional do teatro galego”. Situándose na etimoloxía da palabra, o libro ofrece unha panorámica do que ten sido a configuración do sistema teatral galego na segunda metade do século XX, pois vai ser nese período cando en Galicia se comecen a poñer en pé as primeiras “institucións” específicas do campo teatral, que xa se empezan a imaxinar en Ribadavia nos anos da Mostra Abrente, á que Inmaculada e Dolores Vilavedra dedicaron un magnífico estudo, e que abrollarán con forza na década dos oitenta e noventa do século pasado ou na primeira do actual. 

Non esquece a autora, sen embargo, lembrar algunhas iniciativas pioneiras que acompañan a propia historia do teatro noso, e que xa dan conta de que desde finais do XIX se sentía a necesidade de crear eses organismos ou entidades que, como ben se explica, confiren capital simbólico. Por iso se destaca o traballo desenvolvido xa desde a época das Irmandades da Fala, establecendo así unha liña de continuidade marcada por esa loita permanente por erguer, manter e desenvolver un sistema cultural propio, asentado nunha lingua unhas veces prohibida e tantas veces en situación de absoluta marxinación e deturpación. Malia todo o que digan os bilingües.

Logo de mostrar o mapa conceptual do campo obxecto de estudo, seguindo a autores tan destacados como Pierre Bourdiue ou o noso Xoán González Millán, unha tarefa necesaria que tamén aparece na liña transversal do discurso, o libro afonda na xénese e no desenvolvemento, mesmo na súa xustificación sistémica, de dúas das nosas institucións teatrais máis importantes, e que en boa medida van significar, cada unha no seu momento, puntos de inflexión na lexitimidade do campo teatral: falamos do Centro Dramático Galego, que nace en 1984 grazas á decidida vontade de Luís Álvarez Pousa, e do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, creado en 1989 pero que bota a andar de forma definitiva en 1991. Un Instituto que en 2008 pasada a denominarse Axencia Galega das Industrias Culturais (craso erro!). Velaí un percorrido sumamente interesante que permite coñecer a intrahistoria de moitas cousas e tamén sirve para explicar o porque de outras tantas, pois hai moitas outras historias que se mesturan coas desas dúas entidades.
 
O delongado estudo de Inmaculada López Silva tamén presta atención a outras cousas importantes, o teatro afeccionado e á crítica teatral, a edición e os públicos, as redes de difusión escénica e as salas alternativas, as compañías profesionais e á investigación, co que se nos ofrece en máis de 340 páxinas unha excelente panorámica do que ten sido, do que está a ser en suma, a historia do teatro noso e as razóns de que sexa así e non de ningún outro xeito.
 
Entre os moitos acertos deste magnífico estudo, hai tres que paga a pena destacar. En primeiro lugar o uso de fontes documentais primarias, con xenerosidade, o que permite armar unha bibliografía final que vai ser un referente necesario para outros estudos que se queiran acometer, e que quedan ben apuntados. En segundo lugar, a vontade de non deixar de falar de todos eses temas en aparencia secundarios, que a veces se evitan ou se esquecen, e que en tantas ocasións serven para iluminar o conxunto con maior forza, para explicalo desde outras miradas. Por iso na obra hai historias con maiúsculas que nada serían sen esas outras pequenas historias que as complementan, o que da idea da diversidade e da complexidade do asunto. Finalmente, a notable polifonía do discurso, pois en todo momento abrollan as voces das persoas que en cada momento participaron nesta historia vibrante e convulsa. Un libro moi recomendable que ademais está moi ben escrito, cun estilo directo e preciso que favorece moito a lectura. Parabéns para a autora e para os editores.

Saber do país

Tense afirmado que un dos maiores problemas que ten o campo cultural radica en que as persoas que se ocupan politicamente da súa xestión non sempre proceden do mesmo, polo que resultaría comprensible que pouco lles preocupe o estado en que quede, pois non van vivir nel ou del cando abandonen o cargo. Por iso hai libros que todas esas persoas deberían ler, para coñecer sequera un pouco de que vai aquilo ao que se van dedicar, e todo quilo que está en xogo. Este é sen dúbida un deses libros, moi recomendable, eu diría que obrigatorio.

Tamén debería ser obrigatoria a súa lectura para outras persoas que ao modo dos paracaídas posmodernos ameazan con cambiar o teatro enteiro cando en realidade só pretenden facer un oco para o seu proxecto persoal de distribución escénica, para o seu discurso, alleos ao que acontece no país, alleos ao propio país, e á súa lingua. Igualmente para todas esas persoas que, coa mellor das vontades, nestes momentos soñan con propoñer un novo modelo para facer do teatro un elemento substantivo no decorrer económico e sociocultural do país. Un libro necesario, insistimos, para saber quen somos, de onde vimos e a onde podemos chegar. Para seguir facendo país, desde o teatro, ou para facer teatro, de país. Do país, coma o viño.

miércoles, 10 de febrero de 2016

domingo, 7 de febrero de 2016

Peter Weiss e o teatro documento. Lembranza dun autor fundamental no século XX


No centenario de Peter Weiss

Actualidade do teatro documento

Manuel F. Vieites

Crónica publicada en Faro da Cultura


Peter Weiss (Berlín, 1916-1982) non é un autor cómodo. Resulta menos incómodo Heiner Müller, tal vez porque se mostra máis hermético, e polo tanto máis interpretable, máis conxectural, máis aberto. Compromete menos. Weiss, coma Rolf Hochhuth, sitúa a nosa mirada en acontecementos arrepiantes que nos sitúan diante da natureza mesma da barbarie, das nosas complicidades coa mesma. Unha das pezas de Hochhuth, Soldados, provocou unha dura polémica en Inglaterra, pois o National Theatre cancelou a súa estrea en 1967 polo feito de que na mesma se denuncian outros crimes das guerras, como o salvaxe bombardeo que as forzas aéreas británica e norteamericana perpetraron na cidade de Dresde, pouco antes da rendición da Alemaña nazi.
 
Weiss escribiu no seu día que “cada palabra que escribo e dou á imprenta é política”, pois todos os actos nosos teñen ese carácter, se entendemos a política na perspectiva dun xogo de poder entre suxeitos no que as palabras, e o capital que as acompaña, teñen especial relevancia, como mostrou J. L. Austin en How to do things with words (1962), ou Terry Eagleton en Ideology (1991). Por iso Weiss, seguindo o exemplo de Erwin Piscator ou de Bertold Brecht, deu tanta importancia ás palabras, especialmente ás palabras ditas, convertidas en documentos obxectivos para explicar ou tentar entender a subxectividade, para situar a subxectividade no contexto en que se manifesta e poder así confrontármonos con ela. A corrente na que se insire a súa obra tense denominado “teatro documento”, que define como un “teatro de información”, pois renuncia a calquera forma de ficción para mostrar no escenario material auténtico orientado a ilustrar un tema cunha orientación social ou política.
 
En 1976 a Editorial Lumen publicou un libro titulado Escritos políticos que contiña algúns traballos relacionados coa súa maneira de entender a arte e a vida, e no que criticaba duramente o feito de que na altura de 1965 a vontade internacionalista de moitas persoas se vise impedida por ficcións fronteirizas entre os uns e os outros, polo inmobilismo das “bandeiriñas e das cancionciñas nacionalistas”. Eran tempos en que en Europa os muros reais e simbólicos impedían a libre circulación das ideas. Nese pequeno volume, inclúe Weiss un traballo titulado “Notas sobre el teatro documento” onde expresa con precisión os obxectivos desa forma dramática e escénica: crítica ao encubrimento, ao falseamento da realidade, e ás mentiras, para mostrar as estratexias informativas dos que teñen o poder. Unha dura crítica aos medios de comunicación que no día de hoxe se torna especialmente pertinente. Por iso na xenealoxía do teatro documento, Weiss non quere esquecer algunhas propostas escénicas dos teatros de axitación e propaganda que se denominaron “living newspaper”, da Unión Soviética aos Estados Unidos de América, onde floreceu con forza nos anos vinte do pasado século. Mostrar a realidade en toda a súa complexidade.
 
Famoso en medio mundo pola peza coñecida como Marat/Sade (1964), estreada en 1968 en España con dirección de Adolfo Marsillach, unha das súas obras máis notables foi Die Ermittlung (A investigación, 1964), onde recrea o xuízo celebrado en Frankfurt contra os responsables do campo de concentración de Auschwitz, e onde conforma esa dramaturxia documental, coa que outros dramaturgos máis recentes como Anna Deavere Smith ou Robin Soans veñen traballando, baixo a denominación de “verbatim theatre”. Un autor cada día máis necesario, pois fornece ferramentas precisas para converter o teatro nunha ciencia social crítica, para facer do coñecemento unha ferramenta ao servizo da emancipación, como propoñían Jürgen Habermas ou Paulo Freire.

Weiss en Galicia

O Dicionário do Teatro Galego de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado (1985) non ofrece novas sobre Weiss en Galicia, pois en efecto, é autor pouco coñecido, ben que dramaturgos coma Daniel Cortezón ou Camilo Valdeorras no seu día apostaran por unha dramática cunha forte dimensión histórica e documental. Tampouco se coñece moito entre nós a novela Die Ästhetik des Widerstands (A estética da resistencia, 1975-1981), unha das xoias literarias do século XX, comparable ao Ulysses de Joyce na súa feitura, excelencia e fondura. 

Compañías que recentemente botan man das ferramentas do teatro documento, coma Chévere, con espectáculos coma Citizen (1, 2, 3) ou Eurozone, e dramaturgos como Cándido Pazó, na construción da peza As do peixe, dirixida por Cristina Domínguez, dan conta das posibilidades das achegas de Weiss para conformar dispositivos escénicos orientados a iluminar as zonas máis críticas da realidade, desas realidades que moitos medios de comunicación manteñen ocultas. Se a literatura dramática e o teatro aspiran a ser algo máis que un pasatempo, cómpre recuperar todo canto Peter Weiss mostrou nas súas pezas. Contra os andazos do presente.