maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 23 de enero de 2016

Lembrando a David Bowie, músico, actor...

Encomio de David Bowie

A actor agochado

Manuel F. Vieites


Nestes días en que se celebra a obra de David Robert Jones, máis coñecido como David Bowie, non está de máis reparar nun dos acontecementos máis importantes na súa vida escolar, cando o alumnado de primaria en moitos condados británicos tiña que enfrontar un exame de nivel coñecido como Eleven Plus. O tal exame era o que decidía o percorrido posterior do alumnado, especialmente no ensino público, que contemplaba tres tipos de centros de secundaria, e constituía un dos puntos fortes da Reforma educativa de 1944, elaborada por un tal Richard Austen Butler, político conservador criado nunha familia de altos funcionarios ao servizo da Coroa Inglesa na India. Aínda que a Lei de Educación de 1944 supuxo a extensión da educación secundaria a amplos segmentos da poboación, como en España a Lei de Educación do 70, no seu espírito latexaba unha fonda visión clasista da educación, moi vinculada con cuestións de estirpe.

David foi enviado a Bromley Technical High School, hoxe Ravens Wood School, onde traballaba Owen Frampton, director do departamento de artes e pai do músico Peter Frampton, un dos integrantes da banda Humble Pie. Un profesor a quen Bowie lembrará con admiración polo seu papel inspirador na hora de descobrir e de poñer en valor as capacidades que todo alumno posúe, sen excepcións. Alí tamén estudará George Underwood, pintor e deseñador gráfico, autor de portadas de discos para Bowie, Tyrannosaurus Rex, The Fixx, ou Procul Harum. A traxectoria destes tres artistas, e a de moitos outros, pon de manifesto que determinadas probas a certas idades están fóra de lugar.

Decidido desde ben novo pola música, en 1967 Bowie coñece a Lindsay Kemp, un artista asentado na danza cunha sólida formación adquirida en Bradford College e con mestres como Hilde Holger, coreógrafa experimental, e Marcel Marceau, e moi influenciado pola cultura xaponesa, en particular pola música de Toru Takemitsu. Xa nese mesmo ano David participa como actor e compositor musical no espectáculo de Kemp, Pierrot in Turquoise. Helen Marie Thian e Moss Garden, na colectánea David Bowie: Critical Perspectives (2015), sinalan que do coñecemento do teatro clásico xaponés, e da idea do onnagata (actor que interpreta mulleres), podería derivar a paixón primeira de Bowie pola androxinia, tan evidente en personas escénicas como Ziggy Stardust.

Kemp, autor de espectáculos notables como Flowers, A Midsummer Night’s Dream, ou Nijinski, e profesor no Dance Centre de Covent Garden, terá unha influencia notable na dimensión escénica coa que Bowie deseña os seus concertos, como tamén a vai ter o movemento dos Arts Lab, espazos de encontro, ensaio e creación artística que se estenden a mediados dos anos sesenta por Inglaterra e Europa, nos que conviven creadores de moi diferentes disciplinas, o que xerou interesantes colaboracións e mestizaxes. Nos primeiros anos en Londres, Bowie traballa e ensaia no Drury Lane Arts Lab, e alí arranca esoutra súa traxectoria como actor, especialmente no cine, con Michael Amstrong en The Image (1967), ou en teatro, con The Elephant Man (1980).

Consonte o que naquela altura se comezaba a mostrar nas accións e presentacións escénicas, con Alan Kaprow ou artistas do grupo Fluxus como Charlotte Moorman, quen en 1969 presenta TV Bra for Living Sculpture, Bowie explora o concepto de persoa escénica que desenvolve de forma sublime ao longo da súa carreira, mesmo nese último vídeo seu, Lazarus. Dicía Cristina Domínguez que moitos choramos a Bowie porque con el aprendemos a bailar, como aquel Rebel, Rebel, que soaba en España en 1974 sen que a nosa pouca habelencia en linguas nos permitise entender a fantástica impostura que contiña. Imposturas aínda hoxe moi necesarias, fronte a simulacros vellos e novos.

Space Oddity

O dito exame, o Eleven Plus, tan querido a vellos coñecidos nosos como J. I. Wert e Monserrat Gomendio, e a outros curandeiros educativos, diferenciaba, coma Platón, entre os saberes dignos dos cidadáns, a ciencia pura, e o facer propio dos metecos e dos escravos, ou tecnoloxía. Sen embargo, as más das veces ten unha dimensión tan cuantitativa que só serve para medir mediocridades moi ben adestradas e mellor amestradas.

Pois ben, aquel rapaz ao que non permitiron ir a unha “grammar school”, reservada aos elixidos, foi quen de mostrar con requintada precisión en tan só dous versos dunha fermosa canción, aquilo que Thomas S. Kuhn explicaría como “cambio de paradigma” en The Structure of Scientific Revolutions (1962), pois cando Major Tom sae da cápsula espacial comproba que “the stars look very different today”, dado que o mundo se ve desde unha perspectiva diferente á que temos desde a terra. Unha boa ensinanza para a clase política toda.Velaí o que implica un cambio de paradigma, a mesma realidade vista con outros ollos, con outra óptica, con outra mirada. Unha mostra máis de como David Bowie soubo encher de intelixencia e de sabedoría moitas das súas cantigas, mesmo aquelas que semellan máis lúdicas, e como mostra velaí temos The Man who sold the World (1970), que tanto nos fai lembrar a Borges e que aínda hoxe moita xente atribúe a Kurt Cobain. Grazas amigo David.

No hay comentarios: