maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 25 de septiembre de 2015

Teatro domestico, acedo, crítico...

-->
Teatro doméstico

Sobre un texto de Santiago Cortegoso

Manuel F. Vieites


O raclette é un tipo de queixo producido na Suíza, no cantón de Valais, pero tamén é un aparello doméstico, una sorte de pequena grella de interior ou de salón (feita de metal, tamén con pedra natural, e mesmo con niveis), na que se poden preparar toda sorte de alimentos, de xeito que situado o tal trebello no medio dunha mesa permite que os comensais poidan derreter un anaco de queixo, preparar carnes e verduras, dourar peixes e marisco, ou facer mesmo una filloa. Así todas as persoas cociñan o que mellor entenden, pero tamén poden partillar aquilo que queiran. Unha cea comunal no mellor sentido da palabra, na que todo se pode acabar por mesturar, tamén as vidas, os desexos e as paixóns dos que comparten mesa e mantel, que por debaixo deste pode pasar de todo. Esa grella comunal tamén pode ser, como se propón neste texto que presentamos, unha metáfora ben atinada sobre a vida, pois na fin en calquera momento na nosa peripecia aparece quen menos agardamos.

Raclette vai ser o título da peza dramática coa que Santiago Cortegoso Calvar gañe o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Dramáticos no ano 2014, e que, editada por Xerais, se vén sumar a un monllo de pezas entre as que lembramos Hamster (2008), 0,7% Molotov (Premio Rafael Dieste en 2009), Casa O’Rei (2010) ou A filla de Woody Allen (2011). E como electrodoméstico mínimo, a raclette é o elemento que xunta arredor dunha mesa persoas que finalmente van compartir unha terrible desgraza, unha desas miserias cotiás que tan ben caracterizan o inferno doméstico de todos os días. Pois a acción transcorre no ámbito doméstico, nese momento en que as persoas falan dos acontecementos do día, sentados ou movéndose arredor desa mesa que, en tantos fogares, constitúe aínda o eixe da interacción social, pero tamén o espazo no que se manifestan tantas comunicacións patolóxicas. Un espazo no que sempre aboia unha sorte de negrume existencial, a mesma que tanto caracterizaba aquelas películas terribles que nos anos cincuenta fixo en España o director Marco Ferreri, con guións magníficos de Rafael Azacona. Pasou o tempo, pero as miserias, na súa esencia, non mudaron.

Nesta peza resulta relevante o xogo que se produce entre o manifesto e o latente. No primeiro plano asoman dúas parellas, e unha terceira convidada pero incompleta (hai un personaxe ausente, mesmo do móbil), cos seus problemas e lideiras cotiás, despois de que a paixón primeira se afogue no pozo do costume, na relación mercantil. O mosaico social está integrado por un actor de teatro alternativo aferrado ao seu fracaso, unha axudante de dirección dunha serie de TV que quer ser hedra, unha enfermeira ecolóxica, un xornalista en paro que soña con ter google na cachola, unha zoóloga, o home ausente, e dous nenos. Un mosaico co que achegármonos a moitos dos problemas que estragan a condición humana, e sobre o que Cortegoso Calvar deita unha mirada especialmente aceda. Ninguén queda inmune.

Mais en primeiro termo temos eses dous nenos, un deles morto, sen que de primeiras se saiba moi ben a causa, e o outro co degoiro suposto de ser unha estrela televisiva, mais pendente da decisión que tome unha nai con argumentos moi contraditorios cando venta diñeiro. Como pano de fondo, latexando con forza, unha serie de cuestións especialmente relevantes no momento actual, e entre elas a situación do teatro de noso, pero especialmente a do audiovisual. Na fin a serie da que o neno Mateo está chamado a desempeñar un rol fundamental leva por título Lonxe do ruído. Volver ao rural, ao enxebre, á vella Galicia irredenta de sempre, ao século dezaoito, como se non fose posible imaxinar, recrear e construír outro país.
             
A preguiza

Neste peza asoman como pano de fondo temas especialmente relevantes no día de hoxe, pois o lector acabará por saber que a causa da morte do neno morto, non é outra que a deriva comercial que está afectando a sectores estratéxicos, e que pon en risco o que Edgar Morin definira en 1999 como identidade terreal da especie humana. Unha especie que en poucas décadas estará en perigo de extinción.

Como é posible que un dos países, falo de España, con maior potencial para o desenvolvemento de enerxías renovables teña renunciado a tirar delas os recursos que outros países tiran do petróleo? Como é posible que países como España ou Portugal teñan renunciado a manter activa a produción de alimentos básicos e teñan delegado esa función en multinacionais da alimentación? Nalgún momento da peza, Verónica reclama a independencia alimentaria que alentan as hortas urbanas, e que se relaciona con esa soberanía alimentaria necesaria para que un país poida alimentar aos seus habitantes.

Raúl, na súa devoción extrema polo fracaso, exemplifica moi ben esa preguiza moral que nos invade, e que nos impide actuar fronte a unha extinción segura. Resistencia a pensar, vagancia da alma e da cabeza, subliña Verónica. Sen dúbida. Xa o dixo Castelao, mexan por nós...

No hay comentarios: