maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 25 de septiembre de 2015

Para unha teoría do drama fractal / Towards a theory of fractal drama

Memorial das feridas

Unha dramática fractal

Manuel Francisco Vieites


En 1999 o profesor alemán Hans-Thies Lehmann publicaba un volume titulado Postdramatisches Theater, no que propoñía o termo “posdramático” para agrupar todo un conxunto de textos e de espectáculos que destacaban por ir alén da vella teoría aristotélica que mesmo agromaba con forza nos textos últimos e nos espectáculos derradeiros do modernismo máis radical, de Samuel Beckett a Jerzy Grotowski. Anos antes, en 1991, Michael Vanden Heuvel publicara Performing Drama / Dramatizing Performance, un interesante estudo sobre as estratexias textuais das vangardas últimas, no que xa abrollaba algunha referencia a Ilya Prigigone quen escribira sobre o caos, a disipación e a fin das certezas. Escher pintou moi ben ese mundo.

Resulta difícil concibir o posdramático como non sexa falando da morte, cando menos se coa palabra drama se refire aquilo que sempre referiu: a acción. Por iso Johannes Birringer, ao analizar esas tendencias escénicas novas en Theatre, Theory, Postmodernism  (1991), falará de teatro posmoderno, como tamén o fará, por exemplo, Hussein Al-Badri nun recente ensaio titulado Tony Kushner's Postmodern Theatre: A Study of Political Discourse (2014), onde analiza polo miúdo a xenealoxía e aspectos centrais do concepto. En termos científicos, a idea do “posdramático” é unha aporía, un imposible. Por iso ten máis sentido falar de drama posmoderno, ou quizais, de drama fractal.

Na literatura dramática máis contemporánea atopamos pezas que rompen cos vellos moldes e xeran formas novas para compoñer a textualidade. Entre eles podemos ler en lingua galega a magnífica Máquina Hamlet (1979), de Heiner Müller, traducida ao galego por Catuxa López Pato. Da mesma maneira novas teorías propoñen formas novas de explicar a realidade, e o universo cobra unha forma insospeitada, a mesma que eses textos que nos sorprenden pois na súa composición obedecen as leis dun paradigma diferente. Nun libro publicado en 1971, The Dismemberment of Orpheus: Toward a Postmodern Literature, Ihab Hassan, mostraba con requintada precisión os que consideraba trazos da posmodernidade literaria, entre os que destacaba o concepto de rizoma, que aplicado á obra literaria nos conduce ao concepto de fragmento, sendo así unha suma de fragmentos sen aparente orde nin concerto e que non se relacionan estre si de forma xerárquica, e semellan manter unha causalidade asentada no azar.

Se a obra se compón de múltiples fragmentos, mesmo é posible que cada fragmento teña o seu propio mundo de referencia, polo que nunha obra poderían existir múltiples “cronotopos”, que diría Mikhail Bakhtin, e podería darse o caso de que personaxes que semellan estar xuntos habitasen cronotopos diferentes. A obra reflicte mundos paralelos que se mostran e se mesturan en función da actividade mental e física do suxeito, e por iso o mundo que lemos na páxina ou vemos no escenario semella carecer de sentido en tanto o tomamos por un todo que xamais será. O absurdo e o surrealismo, porén, quedaron atrás.

Non deixa de ser curioso que a ilustración da capa deste obra dramática de Alfonso Pexegueiro, Lapsus. A comedia de existir, queira, ou veña, dalgún modo, insinuar as figuras imposibles de Maurits Cornelis Escher (1898-1972). A obra de Pexegueiro está composta de microescenas que cobren o abano dunha existencia fragmentada, cunha forma irregular, incompleta, como a percepción mesma que nós temos das cousas. O propio título da obra, Lapsus, xa fai referencia a ese carácter quebrado da experiencia que o autor nos quere trasladar nun xogo permanente de mestura de planos cos que capturar e reconstruír a infancia e con ela a vida enteira. Unha denuncia sagaz, apaixonada, inquietante, da humana condición e unha defensa intelixente de formas novas de facer no campo literario.

Paratextos

O volume este de Alfonso Pexegueiro, editado por Axouxere, contén unha peza breve, nas últimas páxinas, un poema escénico titulado Días lentos, que leva o subtítulo de Hikikomori, e que, seguindo un texto de Jean-Michel Devenau, investigador especializado no escravismo occidental, dedica a Belit Silim, unha escrava a quen a sociedade a condena á reclusión, ao silencio, á invisibilidade, sen que iso supoña un acto de afirmación senón unha imposición brutal. Un monólogo sobre a desposesión que recrea, porén, a vontade de non deixar xamais de comezar de novo, mesmo sabendo que a derrota é a única recompensa a unha procura inútil pero inevitable. Un monólogo que fixo parte do espectáculo Arquitecturas interiores que Carolina Fernández Fraga presentara en Ferrol en 2009. Contén o volume outros textos, que se poden considerar como paratextos que axudan a entender, a explicar, ou mesmo a situar esa comedia do existir. Entre eles temos unha presentación do poeta David Souto Alcalde, e algunha carta que este e Pexegueiro intercambian en relación coa obra. Dous textos dramáticos con alcance poético para ler de vagar, para andar todos eses mundos, todos eses universos contidos na memoria, para abrir as portas a todas as lembranzas, sen renunciar a ningunha, mesmo as que fan adoecer. Paratextos da existencia propia.
     

   

No hay comentarios: