Crise no Centro Dramático
Galego
Para ir alén da remuda
Manuel Francisco Vieites
Desde Faro da Cultura
A dimisión de Manuel Guede Oliva como
director do Centro Dramático Galego debería ser una boa oportunidade para que
os axentes do campo das artes escénicas se desen tempos e espazos para
reflexionar arredor do futuro dun sector que noutros países configura un polo
estratéxico na creación e na difusión cultural. Unha reflexión na que
necesariamente se deberían implicar as administracións local, autonómica e
estatal para pórlle fin a un ciclo de derruba sistemática do que nin sequera
chegou a ser sistema. España, Galicia, Vigo…, en materia teatral son anomalías
en Europa.
As crises nas institucións coma o CDG
poden deberse a unha xestión insuficiente das persoas, e algunha houbo con esa
deriva, mais nesta ocasión o caso é outro. A crise do CDG é debida a unha falta
endémica de autonomía que o acompaña desde a súa creación. Coma noutros moitos
países europeos o Centro Dramático Galego debería ter un estatuto específico
que garantise o seu funcionamento como un centro de creación e difusión
artística, e non como unha axencia de colocación. Unha autonomía que en ningún
caso e incompatible coa supervisión, a transparencia e o rendemento de contas,
máis ben ao contrario. O National Theatre de Inglaterra podería ser un bo
exemplo a seguir, tamén no que fai referencia ás liñas de traballo e aos
repertorios. Por fortuna non hai nada que inventar, tan só saber transferir e
adaptar experiencias e modelos.
Un dos maiores erros que se teñen
cometido na organización da administración e da xestión cultural en Galicia foi
a eliminación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Os xestores
da Consellería de Cultura en 2005 e 2006, debedores intelectuais dunha Cataluña
que se quería reflectir no Quebec, e descoñecendo as dinámicas dos diferentes
campos culturais, pensaron que coa Axencia Galega das Industrias Culturais se
acabarían todos os males. Cometeron o grave erro de pensar que todo era
industria, esquecendo, ou seguramente sen saber, que as artes escénicas e
musicais nada teñen de industriais, a diferenza da edición, da produción
audiovisual ou da fonografía. Seguramente a AGADIC fose necesaria no eido do
que tamén chaman industrias creativas (como se na enxeñaría non houbese
creatividade), pero igualmente necesario era o IGAEM, pois co seu
desenvolvemento institucional seguramente se podería garantir a plena autonomía
do Centro Dramático Galego, do Centro Coreográfico Galego, ou do Centro de
Documentación Teatral, que desapareceu sen deixar pegada entre 2007 e 2008
malia que a Conselleira de Cultura (Ánxela Bugallo) e o seu Director Xeral
(Luís Bará) recibisen interesantes propostas para o seu desenvolvemento. Nada
que ver co teatro e coas artes escénicas.
Malia que entre 2005 e 2008 as artes
escénicas en Galicia viviron un pulo notable, debido ao que se viviu como bonanza
económica sendo máis ben apoteose do ladrillo, as estruturas da creación e da
difusión cultural non viviron unha transformación acorde coa necesidade de pórlle
fin a un ciclo de anémica dependencia que padecen as artes escénicas nun país
onde os teatros están pechados para os creadores, que os deberían encher de
vida e sentido. Cambia a cor dos gobernos pero en materia teatral todo segue
igual, mais non por un pacto que sitúe o campo fóra do debate político, como
acontece en Alemaña, senón porque as políticas de uns e outros son as mesmas:
un cativo mecenado institucional insuficiente para o desenvolvemento pleno do
sector.
A crise do Centro Dramático Galego,
debida a un marco de funcionamento totalmente inadecuado para unha institución
de creación artística, é un indicio poderoso de todo o que queda por facer. E
non son tempos de remuda, é hora de converxer con Europa. Vaia revolución!
Bilingüe
Vaise Manuel Guede do Centro Dramático Galego deixando armado un poderoso
artefacto na que foi unha das súas teimas permanentes: afondar nas relacións
entre Galicia e Portugal, proxecto no que contou con aliados varios, desde José
Martíns, director noutrora do Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, ou con
Rui Madeira, director aínda da Companhia de Teatro de Braga. Un artefacto
ideado coa complicidade de João Mota, fundador en 1972 da compañía A Comuna.
Pois todos eles, coa colaboración
necesaria do Teatro Nacional Dona María Segunda de Lisboa, e do Teatro Nacional
São João do Porto, armaron o que se
coñece como Proxecto Nós, coa idea de anosar canto temos en común e proxectar
canto máis aínda podemos ter, a través de liñas de traballo orientadas a crear
marcos de encontro e creación para os estudantes de arte dramática das escolas
oficiais de Lisboa, Porto e Vigo. E así, nas horas en que Guede anunciaba a súa
partida, chegaba ao Salón Teatro de Compostela o espectáculo Bilingüe, primeiro dunha xeira en que
mozas e mozos de Galicia e Portugal se van encontrar para aprender, vivir, e
crear xuntos, anosándose, anosándonos. Un poderoso artefacto para facer máis
Galicia e máis Europa pola senda da lusofonía. Vaise Guede pero a súa pegada
permanecerá. Grazas.