maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 27 de junio de 2015

Airiños de Rianxo: teatro comunitario con toda a vitalidade


Árbores que fan bosque

Encomio do teatro comunitario

Manuel F. Vieites

Desde Faro da Cultura, Faro de Vigo.


Hai días veu a Vigo, ao centro cultural de Valadares, a compañía de teatro afeccionado Airiños, de Rianxo, a presentar Celtas sen filtro, versión actualizada dun texto ben notable que Artello levara á escena en 1983, con dirección de Eduardo Alonso, e do que sería autor Méndez Ferrín. Un dos primeiros grandes éxitos de público do teatro galego, que volvía mostrar a súa actualidade grazas á versión realizada pola directora deste elenco, Esther F. Carrodeguas.

O grupo Airiños naceu en Rianxo contra 1933, ano no que presentaban A retirada de Napoleón, unha delirante comedia de Xavier Prado Lameiro que  criticaba aos chamados deputados “cuneros”, persoas que pretendían representar circunscricións que lles resultaban totalmente alleas. Unha comedia realmente notable dun dos autores máis representados en Galicia no primeiro cuartel do século XX, honra que comparte con Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, autores de pezas breves como Mal de moitos, onde criticaban con moita retranca o feito de que a mínima mellora da posición social implicaba que moitas persoas abandonasen o uso do galego, sendo mellora o ir servir en casa de señoritos. 

Charlón e Hermida, que así se coñecían como parella cómica, aprenderan o oficio con Eduardo Sánchez Miño e no Coro Toxos e Frores de Ferrol, e forman parte dunha xeración de autores e creadores que desenvolven o seu traballo ao abeiro dos cadros de declamación dos coros galegos, agrupacións folclóricas que amais de pezas e bailes populares tamén presentaban espectáculos dramáticos, como farán Cántigas da Terra na Coruña, Cántigas e Agarimos en Santiago ou De Ruada en Ourense. Tempo aquel do segundo florecer do teatro de expresión galega, que en Vigo acontece da man da Agrupación Artística de Vigo, da que tanto queda por saber. Cos coros, recobra forza un movemento de recuperación do patrimonio cultural do país que tamén conseguirá facer que a lingua galega sexa lingua teatral en moitas vila e cidades de Galicia enteira.

O teatro galego ten na súa cerna esa dimensión vocacional e afeccionada pois tamén nos anos sesenta e setenta do pasado século o teatro profesional se vai conformar con persoas que deciden facer teatro por amor á arte, e sen outra equipaxe que querer facer teatro, e facer dese querer unha profesión. O documental O que hai que facer para non ir ao mar, que recolle a peripecia vital e artística de Tuto Vázquez e Mariajo Mosteiro, exemplifica moi ben esa dimensión do teatro noso, que nace en primeira instancia da vontade de facer do galego unha lingua de cultura, e do teatro unha maneira de estar no mundo.

Esa mesma é a paixón que latexa, desde 1933, no grupo de teatro Airiños que en Galicia se pode considerar como un exemplo preciso do que noutros países se denomina teatro comunitario, unha das modalidades do afeccionado, e que ten entre as súas características distintivas a de agrupar na escena persoas de diferentes idades e condicións, unha representación plena da comunidade enteira. Hai países nos que o teatro comunitario coñece un desenvolvemento considerable, con agrupacións escénicas que contan con persoal, medios e recursos que para si quixeran moitas compañías profesionais en toda España, pois todo ese capital provén das comunidades ás que as agrupacións ofrecen de forma permanente traballos de calidade contrastada.  E nestes tempos e que de novo semella que imos descubrir varios Mediterráneo varias veces ao día, bo sería mirar o que fan en países en que o teatro é un sector estratéxico da cultura e da economía. Pois para ese viaxe está todo inventado, e como mostra… Airiños 1933, unha comunidade que se recoñece no teatro, facendo teatro. 


FEGATEA

Hai anos escribín unha breve nota na que comentaba como a tendencia dun sector dos axentes teatrais galegos a potenciar o monocultivo e a esquecer que o campo teatral funciona como un sistema, tiña graves implicacións na loita común de facer do teatro un vizoso sector artístico, económico e cultural. Esquecer nas políticas culturais ao teatro escolar e a todas as modalidades de teatro afeccionado, supón privar ao teatro de visibilidade e de proximidade, principios básicos dunha política teatral que queira promover a igualdade de oportunidades e allea por tanto aos criterios elitistas e clasistas que dominan infelizmente a programación cultural en toda Galicia. Artes de castas para castas.

Contra esa dinámica vén loitando desde hai anos a Federación Galega de Teatro Afeccionado, reclamando tempos e espazos para establecer unha relación permanente cos seus públicos, que son moitos. E vén loitando por algo tan sinxelo como poder ofrecer o seu traballo alí onde exista un espazo dispoñible, sen demandar máis que cubrir custos. Vendo espazos coma o Centro Cultural de Valadares podemos imaxinar todo canto se podería facer se os responsables das políticas culturais dos concellos de Galicia enteira soubesen algo de política teatral, pero tamén de historia. Airiños vai camiño dos cen anos e os teatros seguen medio baleiros, aínda que se enchan para ver atentados contra Harold Pinter. Ninguén vai facer nada?

No hay comentarios: