maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 9 de mayo de 2015

Escritos sobre teatro e política de Erwin Piscator

-->
Encomio de Erwin Piscator

Por un teatro político

MV García


Neste tempos en que se gaban as cousas máis insospeitadas e sospeitosas, e as condutas máis banais, tampouco non esta de máis lembrar que no ano pasado vivimos o aniversario no nacemento de Erwin Piscator, un director de escena nado en Greifenstein en 1893. Poucas foron as celebracións para pór en valor a traxectoria e a obra dun creador escénico fundamental no século vinte, e só a Asociación de Directores de Escena de España publicou unha interesante recompilación de textos seus, editada por César de Vicente Hernando co título de Teatro, Política, Sociedad.

 Unha das cousas que sempre molestaron a un sector da sociedade que se quere “ben pensante” e que afirma facer as cousas “como Deus manda”, é o uso da palabra “política” aplicada a determinados ámbitos da creación cultural, como se a obra dramática de Afonso Paso fose menos política que a de Afonso Sastre. Como ben sinalaba Terry Eagleton en Ideoloxía (1997), todo é política, todo esta tinguido e mediado pola ideoloxía, polas ideas do que pensamos, do que queremos, do que facemos. Cousa ben diferente é que as obras de Afonso Paso sancionaran a ideoloxía naquel momento dominante en España, o franquismo, e as de Afonso Sastre puxeran as mesmas en cuestión de forma radical.

Piscator vive un momento crucial na historia europea. Participa e vive os desastres da Primeira Guerra Mundial e despois inicia a súa carreira teatral como actor e director vinculado ao movemento do “agit-prop”, nacido na Unión Soviética e na propia Alemaña e que chegará a prender con forza en países coma os Estados Unidos de América. Alí vaise establecer Piscator en 1939, logo de que en 1933, coa chegada de Hitler ao poder, inicie un exilio que rematará en 1951, pero con outra fuxida, pois nesa altura McCarthy dirixía unha das máis arrepiantes cazas de bruxas que se teñan vivido naquel país. Con todo, Piscator vai realizar diferentes proxectos en Nova York, entre eles un obradoiro de teatro en The New School of Social Research, universidade creada en 1919 que tiña entre os seus fundadores ao pedagogo John Dewey.

Alí, no Dramatic Workshop, confluíron dúas liñas de formación en interpretación sumamente diferentes; dunha banda Stella Adler ou Lee Strasberg, defensores dun “método” que en aparencia seguía as ensinanzas de Constantín Stanislavski, e da outra o propio Piscator, impulsor dun paradigma máis obxectivo e menos psicolóxico. Entre as súas alumnas estaba Judith Malina, logo fundadora, con Julian Beck, da compañía The Living Theater.

En 1962 Piscator foi nomeado director artístico da Freie Volksbühne de Berlín, unha das institucións teatrais máis importantes de Alemaña, onde en 1965 estrea un espectáculo creado a partir da peza de Peter Weiss, Die Ermittlung (A indagación), unha magnífica mostra de “teatro documento”, xénero que o propio Piscator desenvolvera nos seus anos mozos, ora coa compañía Teatro Proletario, ora coa vella Volksbühne de Berlín. Un teatro documento que tentaba mostrar a natureza dialéctica da realidade e das relacións sociais, e que está na cerna do teatro épico de Beltolt Brecht.

Piscator é pois un creador que se abeira ao que se coñece como “nova obxectividade”, un movemento plural que busca mostrar as contradicións do real desde unha posición crítica e política, e sempre desde unha ética humanista. Un creador comprometido co seu tempo que soubo mostrar a natureza política do poder e denunciar os usos e abusos dos poderosos, dos que usan o poder en beneficio propio. Como agora mesmo, por todas partes, por todo o mundo.

Un teatro novo

Piscator realizou moi diversos traballos escénicos, entre os que destacan aqueles nos que desenvolve unha maneira diferente de entender a posta en escena, de utilizar os elementos de significación. Con el collen forza o uso de tarimas, tan queridas a Adolphe Appia, ou as proxeccións fílmicas, coas que ilustrar un argumento, un parlamento ou unha situación. As súas técnicas, desenvolvidas en espectáculos como Die Abenteuer des braven Soldaten Schwejk (As aventuras do bravo soldado Schwejk), con escenografía de Georg Grosz, ou Die Rauber (Os bandidos), expresaban tamén a procura dun teatro novo para unha sociedade nova, pola que xamais deixou de loitar.

As maneiras de facer de Piscator pouca acollida tiveron en Galicia, máis alá dalgunhas ideas recollidas, aquí e acolá, por Roberto Vidal Bolaño ou Camilo Valdehorras. Só recentemente o grupo Chévere no seu espectáculo Citizen fai uso dalgunhas das ideas que alentaron a posta en valor da dimensión esencialmente política de toda creación humana, da existencia mesma. Unha forma de contar e de facer, de situarse na escena e diante do público, que hoxe se volve máis necesaria que nunca, para mostrar a natureza desta noite de pedra que nos engule.

No hay comentarios: