maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 20 de febrero de 2015

O método Grönholm, un bo espectáculo de Talía Teatro. Nin máis, pero nin menos, nunha sala nova e necesaria, Ártika. En Vigo, na cidade


O método Grönholm

Un espectáculo de Talía Teatro

Manuel Francisco Vieites


Hai algúns días en Faro da Cultura


Namentres no cemiterio cultural que noutrora foi monte das pegas, con Compostela e coa xente sempre ao lonxe, se anuncia a fin dun teatro que se di vello para substituílo por xogos esteticistas baleiros para as elites burguesas (ansiosas por xogar o espectáculo da banalidade e da participación inocua), hai persoas que seguen alentando un vello ideal democrático ateniense: construír teatros nas cidades para as xentes que as habitan. Os amigos da fin da historia, eses profesionais do enterro dos que falaba Mario Bunge en Crisis y reconstrucción de la filosofía (2002) que agora queren situar a arte por riba da política, propoñen una escena nova que nada sabe de lingua nin das xentes, que nada sabe da condición humana, que queren asentada no bucle hermenéutico que cada quen constrúe para mellor expoñer o seu “eu”, como acontece nos programas de lixo televisivo de maior audiencia. Fredric Jameson, filósofo da cultura de filiación marxista, tiña razóns na súa crítica da posmodernidade como estratexia para o esgotamento e a anomía neuronal. Alienación dicía Carlos Marx. Alineación compracente dirá Debord.



Da condición humana e das súas miserias e grandezas é do que nos quere falar este espectáculo de Talía teatro, creado a partir dun texto de Jordi Galcerán con dirección de Xulio Lago, e que se presentou días atrás na Sala de Teatro Ártika. O método Grönholm ofrece unha marabillosa recreación dos sistemas de selección de persoal da alta dirección que poñen en marcha numerosas empresas para coñecer os límites das persoas chamadas a desempeñar postos de enorme responsabilidade, pero tamén de executar un tipo de accións que sendo detestables esixen un amestramento específico, moitas veces a partir do xogo de roles, e do que podemos definir como dramaturxia da situación, da crise e do conflito.

Acertou de cheo Talía ao escoller este texto de Galcerán (Barcelona, 1964), un dramaturgo que se deu a coñecer con outro igualmente magnífico, Palabras encadenadas (1995), e que desde entón nos traslada problemas esenciais e básicos nos que calquera persoa, para ben ou para mal, se pode recoñecer. Neste caso, estamos ante unha situación típica propia dos procesos de selección e mesmo de formación de executivos de alta gama: reunidos nun espazo, vixiados por cámaras, e controlados por algún mecanismo de comunicación, os seleccionados deben realizar os máis diversos xogos para mostrar do que son capaces para lograr os seus obxectivos persoais, o que mostrará o que serán capaces de facer para defender a empresa a pesar de todo o que poidan vivir. O xogo, dunha perversidade extrema, pero dunha efectividade enorme para mostrar as miserias máis íntimas, axuda a comprender as razóns polas que determinadas persoas, alleas aos dramas que teñen diante súa, toman certas decisións. Así actúan os directivos da Troika, ou os executivos dos fondos voitre, pois a súa finalidade vital consiste en lograr obxectivos máximos para obter beneficios máximos, corporativos e persoais. Así se actúa, na fin, cando hai que expulsar unha persoa enferma e sen recursos da vivenda onde malvive, mentres os que perpetran esas atrocidades acoden en domingo aos servizos relixiosos e soñan con becerros de ouro. 
           
Como adoita ser habitual Xulio Lago establece con claridade o marco da convención, nun espazo e nun tempo ideados polo escenógrafo Suso Montero e moi próximos ao espectador, dándolle aos personaxes esa dimensión humana que se asenta nos pequenos xestos, nas posturas, nas miradas, no ricto facial, no xogo cinético, o que favorece a interacción cun público expectante, que por veces non sabe se rir ou chorar. Bo traballo de Toño Casais, María Ordóñez, Artur Trillo e Dani Trillo, que demostran que o vello teatro segue vivo, na lingua nosa, falando de todas e todos nós. Un teatro cada día máis necesario, que as ocorrencias de futuristas e dadaístas xa van vellas. Por non falar de Günter Brus, hai tantos anos xa, que tanto inspirou as propostas primeiras de La Fura dels Baus.




Ártika

Nun magnífico edificio racionalista onde o vello ladrillo industrial convive coa pedra do país, alí onde dúas fermosas iconas relixiosas case impolutas aínda lle dan sentido ao nome da rúa que vai de Beiramar a Tomas Alonso, ben cerca da vella fábrica de motores de Barreras, está situado este novo espazo dedicado promover arte e cultura nunha cidade con tantas posibilidades, e non sempre tan ben aproveitadas. Unha vella nave industrial, antes lugar de festas macro, presenta agora unha programación teatral pensada para todos os públicos e na que teñen cabida moi diferentes opcións estéticas e unha nómina importante de colectivos. Diversidade.




Nun momento en que tanto se está a falar de “emprender” bo sería ter en conta que a tal actitude vén sendo un dos trazos que máis e mellor definen o traballo das xentes do teatro, que día a día pelexan por crear un espectáculo e presentalo ao público, moitas veces sen os apoios e as axudas con que contan outros fastos, e máis aínda o pulo de quen aposta por abrir espazos onde creadores e espectadores se poidan encontrar de forma permanente. Na súa obra mais coñecida, The Empty Space (1968), Peter Brook falaba de diferentes formas de entender a praxe teatral na perspectiva do público, que na fin é quen lle dá sentido ao acto escénico, apostando por unha forma de facer que convertese o teatro en algo necesario tamén para os públicos. Pois son os públicos os que enchen os teatros de vida, e por iso salas coma esta son tan necesarias, pois que son coma pulmóns que fan que a cidade respire cultura, e que sexa cidade.

No hay comentarios: