maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 14 de febrero de 2015

El legado de Brecht, un traballo de Juan Antonio Hormigón, editado pola Asociación de Directores de Escena de España


Necesitamos a Brecht

This disgusting feast of filth

MV García

Unha crónica xa vella desde Faro da Cultura

“Esta odiosa enchente de inmundicia”; así se podería traducir a frase coa que Jack Tinker, crítico do Daily Mail, definía a obra primeira de Sarah Kane, Derruba, que habería de converterse nun dos fenómenos teatrais de 1995, camiño aberto a unha dramática nova que xa agromaba na obra magnífica de Andrea Dunbar, Rita, Sue and Bob Too, estreada no Royal Court en 1982 coa dirección de Max Stafford-Clark, fundador da compañía Out of Joint. Moitos anos antes, en 1958, a directora Joan Littlewood presentaba, coa súa compañía Theatre Workshop, a peza dunha escritora nova, Shelagh Delaney, A taste of Honey. Todas elas mulleres notables.

Joan Littlewood, que iniciara a súa carreira no teatro de axitación e propaganda, con Ewan McColl en Theatre of Action, foi unha das primeiras creadoras en integrar a obra de Bertolt Brecht no repertorio occidental, e así, en 1955, presenta Nai Coraxe e os seus fillos, peza emblemática do dramaturgo alemán, que este dirixirá en 1949 no Berliner Ensemble, con Helene Weigel no papel de Anna Fierling, quizais unha das mellores demostracións do que vai ser o teatro épico, ou dialéctico, caracterizado polo estrañamento, pola distancia, polo “gestus” con que se configura o mundo dramático enteiro na escena.
As circunstancias nas que Brecht imaxina a súa obra dramática e o seu teatro non son tan diferentes das que padecemos na actualidade, e por iso moitas das súas pezas seguen a ter unha gran actualidade, desde O parable ascenso de Arturo Ui (Laiovento, 1999), ata Mann ist Mann (Un home é un home, 1926), onde mostra as posibilidades de reconstrución da realidade e do ser humano en función dos máis diversos, e perversos, intereses.

No momento actual, en que a escena permanece medio muda ante a barbarie que ameaza os piares mesmos da civilización, e mentres se suceden os exercicios dunha hermenéutica floreada, tal vez non estea de máis lembrar o legado de Brecht, como nos propón Juan Antonio Hormigón nun libro recente en que mostra a pertinencia da obra dramática do autor de Terror e miseria do Terceiro Reich; como pertinente acaba por ser igualmente a obra dramática de Valle-Inclán que prefigura o que se vai definir como “nova obxectividade” ou “Neue Sachlichkeit”, movemento artístico no que destacaban Georg Grosz ou Otto Dix, e que presentaban a realidade a través do mesmo espello deformado, grotesco, bufo.

O legado de Brecht, editado pola Asociación de Directores de Escena de España, ofrece unha moi atinada introdución ao universo artístico, estético, filosófico, dramático, e teatral dun creador que consolidou no ámbito escénico un novo paradigma de creación que, seguindo a Jürgen Habermas, se vai situar naquilo que o autor de Conocimiento e interés (Taurus, 1982), define como teoría crítica e que busca a emancipación do suxeito e da propia sociedade.

No volume interesa, especialmente, unha primeira parte dedicada a explicar, coa axuda dunha documentación abundante, esa forma nova de “facer teatro”, que Brecht vai desenvolver nunha longa traxectoria que comeza colaborando con Erwin Piscator, quen inicia a andaina do teatro documento, logo recuperado por Peter Weiss, e que vai culminar coa creación do Berliner Ensemble, a compañía que sorprende a toda Europa a finais dos anos cincuenta do pasado século, e que vai provocar en Roland Barthes un dos paradoxos teatrais máis célebres. Cos tempos que vivimos, volver a Brecht é unha necesidade, como lembraba non hai tanto Xesús Alonso Montero na presentación dunha iniciativa teatral solidaria que puidemos ver no García Barbón. Unha necesidade, e unha obriga, para iluminar o mundo, para desvelar a dominación que padecemos.

Teatro e dialéctica

Un dos capítulos máis interesantes deste volume, O legado de Brecht, é o titulado “Dialéctica e produtividade”, pois vai ser aquel no que se explique con rigor e precisión, a finalidade última da obra dramática e teatral do director alemán: desvelar e revelar a natureza contraditoria da realidade, pois a historia xamais deixa de ser un proceso de loita entre grupos económicos e sociais que intentan impoñer, como agora mesmo acontece, o seu modelo de sociedade, os seus fins de vida, a súa visión do ser humano, tal e como reconta Mann ist Mann, todo un exemplo de enxeñería social.

Velaí tamén un dos principios básicos que adoito se esquecen nos procesos de escenificación dos seus textos, alleos a revelar a dimensión dialéctica da realidade, a exemplificar a podremia que infecta o corpo social, especialmente as clases dirixentes. Necesitamos a Sarah Kane, para mostrar como a mentira e a hipocrisía son valores en alza, e necesitamos a Bertold Brecht, sen dúbida, para denunciar esa barbarie que nos inunda, mentres a escena segue ancorada en exercicios absurdos de hermenéutica narcisista, fogueteira e baleira. 

No hay comentarios: