maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 14 de febrero de 2015

Álvaro de las Casas Blanco, dramaturgo galego da xeración do 25


Álvaro de las Casas


Lembranza do dramaturgo esquecido

Manuel F. Vieites

Desde Faro da Cultura, Faro de Vigo

Entre un sector importante da intelectualidade do país hai autores que non son especialmente queridos, como se por teren escrito e pensado en lingua galega xa estivesen aliñados nunha determinada posición, ou como se escribir en lingua galega fose un antídoto contra determinadas posicións políticas. Até hai ben pouco tíñase por lei que os militantes dos nacionalismos non hexemónicos, polo simple feito de selo, estaban vacinados contra todas aquelas condutas que afean a humana condición. A caída de Franjo Tudjman en Croacia ou a peripecia da familia real catalá mostran que en todas as nacións e culturas hai fabas e faballóns, e por iso dedicar o Día das Letras Galegas  a Filgueira Valverde é un acto de xustiza ás letras galegas, pois iso é o que se celebra, e non a súa posición ideolóxica.

De sermos rigorosos coa posición ideolóxica, hai moito tempo que o Día das Letras Galegas se tería dedicado a Xaime Quintanilla, o gran marxinado da Academia Galega, o alcalde socialista de Ferrol fusilado en 1936, que foi ademais de médico un notable escritor, editor e activista cultural, autor dunha das mellores pezas dramáticas da nosa literatura, a titulada Alén (1921), que xa propón aquel ideario estético renovador que van reivindicar Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro en ¡Máis Alá! (1922).

E de sermos rigorosos coa posición ideolóxica de cada quen, xamais poderiamos homenaxear a Álvaro de las Casas Blanco, pois como ben ten escrito o profesor Xesús Alonso Montero era un mozote rebelde que gustaba moito de andar polas dereitas, tanto que Luís Seoane o tiña por calamar, pois mudaba a cor en función da paisaxe. Mais de considerarmos os méritos literarios de Álvaro de las Casas hai tempo que a Academia o debería ter agasallado por razóns múltiples, entre elas por ser un dos máis importantes dramaturgos da xeración do 25, na que encontramos a Rafael Dieste e ao propio Quintanilla.

Catedrático e director do Instituto de Ensino Medio de Noia, dedicouse con preferencia á literatura dramática e boa parte da súa obra anterior ao golpe de Estado franquista está orientada á defensa e espallamento da ideoloxía galeguista. Publicou A morte de Lord Staüler (1929), drama en tres actos de carácter histórico que sitúa a acción na época das loitas dinásticas entre Pedro I e a casa de Trastámara, obra cunha certa tendencia a un nihilismo existencial e dalgunha maneira abeirada ao saudosismo que naquela altura se quería instituír como unha maneira esencialmente galega de ver o mundo. Unha peza fermosa, dun fondo lirismo, coma o que percorre Pancho de Rábade (1930), posta en escena polo grupo Candea de Noia en 1974, con dirección de Xosé Agrelo Hermo, que trata da perda das sinais de identidade e da progresiva desgaleguización da nosa sociedade.

Tamén publicou Tres conversas (1930), tres diálogos nos que o autor dirixe as súas criticas contra determinados aspectos da sociedade; no primeiro, O tolo de lastra, ocúpase do clero e dos caciques; o segundo, Dente de Ouro, supón un irreverente esperpento expresionista en liña con Valle Inclán, e A gavilla recrea os intentos de mediatización do voto dos máis desfavorecidos, tema que volverá aparecer en Mitin (1936). Noutra dirección está Sabel (1934), ou Mátria (1935), que nun ton alegórico mostran os moitos males que padecía unha Galicia irredenta. Experimentou formas dramáticas diversas, que lle confiren á súa obra unha gran variedade, e estaba chamado a ser un dos grandes dramaturgos na lingua nosa de ser outra a peripecia colectiva.

Foi un home que desenvolveu unha gran actividade cultural e política e un autor prolífico, como mostra Xavier Castro Rodríguez na cronoloxía bio-bibliográfica que antecede a edición facsímile de Rechouchío (1936), que vén de publicar a editorial Toxosoutos. Recolle ese reconto vital as moitas iniciativas que desenvolve en relación coa recuperación das relacións culturais con Portugal ou no activismo político como un dos promotores do grupo Ultreia, avanzada dun nacionalismo radical arredista. Un reconto que sirve para tomar conciencia da dimensión poliédrica da traxectoria pouco coñecida e menos investigada dun autor que agarda aínda o acollemento definitivo nas nosas letras e na nosa cultura. Pois Álvaro de las Casas é un autor necesario, pese a todo.

Rechouchío

Publicada en 1936 pola Editorial Nós, e en 1939 na Arxentina por Emecé, esta peza representa moi ben aquel degoiro que sentían os mozos das xeracións novas por crear unha literatura nacional, ben que lles fose imposible renunciar á pulsión instrumental que unha e outra vez abrolla en textos que tamén tiñan que servir para espallar o ideario galeguista, o amor pola terra, a defensa da lingua, e en ocasións unha posición en defensa das clases máis desfavorecidas. En ocasións esa dimensión instrumental tamén serve para expoñer e defender un determinado ideario estético, como ben explica Xosé Castro Rodríguez no estudo preliminar.

Rechouchío é unha fantasía lírica, ambientada nun mundo bucólico cheo de referencias culturais ao acontecer a acción nun xardín inglés, ateigado de estatuas e fontes, no que ventan pesadelos de saudade. Recrea un conto de dous amantes, Novelúa e Ronsel, que finalmente ven realizado o seu amor, e que se pode considerar unha alegoría dos soños cumpridos, pero tamén das dores que acompañan os soños de amor, coma neses contos de amantes que cantan as fadas e que teñen a tonalidade tráxica dos amores imposibles. Un conto no que se deixa sentir con forza o peso da tradición lírica galego-portuguesa, e na que a palabra, liberada da acción física, se converte en elemento esencial de significación. Un canto á lingua nosa, ás nosas letras galegas.

No hay comentarios: