maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 29 de noviembre de 2014

Perplexo, de Marius von Mayenburg, por Il Maquinario, con dirección de Tito Asorey

-->
Da perplexidade

Un espectáculo de Il Maquinario

Manuel Francisco Vieites

Publicado en Faro da Cultura


Se a filosofía aspira a explicar o mundo, para a filosofía posmoderna o mundo non existe, polo que a propia filosofía acaba en aporía. Levando aos extremos as propostas do construtivismo sociolóxico, con traballos tan contundentes como o que Peter L. Berger e Thomas Luckman titulan The Social Construction of reality (1966), o posmodernismo entende que aquilo que chamamos realidade non é máis do que unha percepción persoal, polo que a realidade acaba sendo unha mestura de narrativas nacidas da interacción de subxectividades. Narrativas caóticas, inacabadas, cambiantes, abertamente surrealistas, por veces aberrantes. Xa o dixo Macbeth, aquilo de que o mundo é coma un conto, contado por un idiota, cheo de ruído e furia, que nada significa.

O posmodernismo acáelle moi ben ao século XXI, pois volvemos á reificación do suxeito. Fernando de Onís na súa Antología de la poesía española e hispanoamericana, 1882-1932 (1934) explica como a experimentación das vangardas primeiras afasta o público do xogo da arte, e por iso agroma, entre outras cousas, o xiro ecléctico e popular que propón o dadaísmo, con pezas que son colección de retallos doutras pezas, nas colaxes de Kurt Schwitters ou nas ideacións escénicas de Oskar Schlemmer. Pensemos por exemplo nese xogo pueril que todos os anos acontece no Concerto de Aninovo de Viena onde exquisitos de todo o mundo agardan impacientes a que o director da orquestra lles indique o momento de bater palmas para acompañar a música, desatando o furor na masa. O modernismo, na procura das esencias, esquecera o público e o posmodernismo quixo recuperalo a partir da explotación comercial do simulacro, optando decididamente pola mestura sen límites entre alta costura (sic.) e cultura popular, tamén cos produtos considerados vulgares, de mal gusto, e cos ditos “camp” e “kitsch”. Deixar Islands de King Crimson e gastar pista con Dancing Queen de Abba, pois unha certa posmodernidade tamén aposta abertamente pola frivolidade, mesmo na denuncia suposta dos moitos males do mundo. Velaí parte do espectáculo que denunciaron os situacionistas franceses, entre eles Guy Debord co excepcional ensaio La Societé du Spectacle (1967), mentres The Rolling Stones cantaban On with the Show, xa cun aquel posmoderno

O novo espectáculo de Il Maquinario, Perplexo, parte dun texto de Marius Von Mayenburg de 2010, traducido por Catuxa Pato, e posto na escena por Tito Asorey, que de novo dá mostras notables do seu saber facer, sobre todo para ser congruente coa proposta textual elixida e coa estética que propón, pasando do realismo inicial á deconstrución final, da ficción racional ao bruído do paradoxo e do absurdo (con Pirandello, con Ionesco), e propoñer esa vivencia imposible dunha realidade que non é, para volver finalmente ao teatro, quizais a única metáfora á que agarrarse, se é que quedan mans, ou dentes. E aquí aparece o xogo co público, porque ao público tamén lle gusta que se saiba que está detrás desa parede invisible que separa escena e sala, e por iso no teatro os xogos coa cuarta parede, vellos coma o mundo,  son unha maneira de lle dicir ao público que se conta con el, de gañar a súa complicidade. Chiscadelas.
 
O espectáculo acaba por explicar que a vida é un xogo de roles, coma no teatro, e por iso os tránsitos entre a escena e o que dicimos real resulta tan doada, que xa o contaba Nikolai Evreinov hai ben de anos. Un tránsito que fai que o espectador realice unha viaxe acelerada nunha sorte de montaña rusa cognitiva, acompañados sempre do excelente traballo de Mela, de Lau, de Fer, de Fran, que actúan sen outras máscaras que as súas propias, que habitan unha escena que sempre acaba por ser un espello da vida, de todas e de todos nós. Coma en Mullholland Drive (2001) de David Lynch. Quen é quen? Que foi? Fragmentos.
 
Festa salvaxe

Claro que ao mellor todo tiña que comezar doutra maneira, aumentando máis a perplexidade. Cos actores e coas actrices, co persoal técnico mesmo, tomando algo no bar que sempre hai enfrente do teatro, mentres o público accede á sala, para despois, co público sentado, comezar co xogo, o xogo dos que xogan o xogo do teatro, sen director, sen texto, cambiando de personaxe na maneira en que as persoas cambian de rol, de máscara, de discurso. Para ofrecer así un retrato acedo, sarcástico e hilarante da alta comedia na que vivimos; con festas salvaxes, brancas e verdes, líquidas e sólidas, con perdas absolutas de rol cando Los Panchos cantan Lo dudo, La Sonora Dinamita Islas Canarias, ou Mina Se telefonando. Entón emerxen pulsións e desexos ocultos e pasa o que tiña que pasar. Latencias.
 
Entón aparece a perplexidade, o abraio, o aglaio, e unha certa agnosia pois os referentes que até hai ben pouco nos servían para dicir o mundo noso desaparecen para sempre e quedamos nun estado de radical anomía. Por iso, como actores diso que denominamos o real, ao mellor o único que de verdade nos sirve para manter o pulo dunha vida chea de tantas incertezas sexan esas cantigas que nos acompañaron, como en Casablanca, cando a vida enteira de Rick e Ilsa se chama As Times Goes By, melodía inacabada dun amor perdido. Haberá quen prefira Prelude: Song of the Gulls ou Perfect Day, mesmo Teño saudade do noso Andrés. Caretas.

No hay comentarios: