maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 1 de octubre de 2014

Arte dramática e universidade. A necesaria adscrición. Razóns académicas









Arte Dramática e Universidade. Comentarios a un aniversario

Manuel Francisco Vieites

Un traballo publicado en Faro da cultura

En 1889 Andrew Carnegie publicaba na North American Review un artigo titulado “Wealth” no que recollía principios básicos da “filantropía”. En 1901 retirábase da actividade empresarial para promover diversas causas educativas e socioculturais, como a creación de bibliotecas. Entre esas iniciativas destaca a posta en marcha do Carnegie Institute of Technology, que anos despois, se fusiona co Mellon Institute of Industrial Research, creado en 1913 pola familia Mellon, para dar lugar á Carnegie Mellon University, que o Times Higher Education sitúa co número 24 na clasificación das mellores universidades do mundo.

Neste ano de 2014, Carnegie Mellon está a celebrar o primeiro centenario da creación da súa School of Drama, que conforma, coa School of Design, a School of Art, a School of Music e a School of Arquitecture, o seu College of Fine Arts, un dos máis destacados de todo o país pola súa oferta de estudos de grao e posgrado. A Escola de Arte Dramática de Carnegie Mellon aparece entre as cinco mellores do mundo. E todo ese tecido formativo foi creado en vida do propio Carnegie, co seu impulso decidido, pois entendía que as artes forman parte substantiva do patrimonio, da iniciativa e do futuro dun país.

Se reparamos nas que se consideran as 25 mellores do mundo, encontramos que universidades tan prestixiosas coma as de Stanford, Princeton, California-Berkeley, Yale, California-Los Angeles, Columbia, Johns Hopkins, Pennsylvania, Duke, Michigan, Toronto, Cornell, Northwestern, Carnegie-Mellon, ou Washington, ofrecen programas de formación en artes escénicas. En moitas ocasións arte dramática, música e danza conviven no mesmo espazo académico. Cousa de optimizar de recursos, do que aquí tanto se fala..., por falar.

Mais non remata aí a singularidade que ofrecen estas universidades, pois en todas elas existen orquestras e compañías de danza e teatro que todos os anos constrúen co alumnado seu, mesmo convidando figuras de relevo internacional para que lles aprendan mellor, un repertorio que está ao nivel de calquera institución musical ou escénica profesional no propio país. Así, o Yale Repertory Theatre, por exemplo, conta cunha estrutura e unha programación anual que para sí quixera o Centro Dramático Nacional de España, por exemplo. Como é posible? Estarán tolos eses americanos?

Non. Puro pragmatismo. En Estados Unidos as artes escénicas constitúen un piar fundamental da economía nacional, aínda que non sempre foi así. Por iso desde finais do século XIX numerosas fundacións, coa colaboración necesaria das universidades, veñen promovendo un plan permanente de fomento da creación e da difusión cultural. O libro de Gerald M. Berkowitz, New Broadways (1998) dá conta de cómo se foi construíndo un sólido tecido teatral en todo o territorio da Unión, no que conviven todos os teatros posibles: o profesional, o comunitario, o universitario, o escolar. Un tecido que ten un referente fundamental nas iniciativas do Federal Theatre Project de mediados dos anos trinta do pasado século XX, potenciado desde o goberno federal por Franklin Delano Roosevelt, pois sabía que o tecido produtivo dun país ten moitas capas e sectores, entre eles os da cultura. Desa interacción necesaria dá conta a oferta educativa da Howard Hudges School of Engeneering da Universidade de Nevada-Las Vegas, que ofrece un grao en enxeñería do espectáculo. Nese proceso de lexitimación da educación teatral e das artes escénicas, as universidades xogaron un rol fundamental. Sabedoría. En Pittssburg están de celebración. Neste curso que se inicia a compañía da Escola presentará un total de 10 espectáculos, algúns a partir de textos de Mikhail Bulgakov, Sam Shepard, Jean Genet ou Antón Chekhov. Aprenderemos?


Moito antes de que se comezasen a construír aeroportos sen tráfico aéreo ou edificios públicos sen proxecto de uso, en España xa demos conta da nosa idiosincrasia co ancho de vía férrea, aducindo motivos técnicos moi cuestionables, e así foi que fronte ao ancho internacional, nós apostamos polo ancho ibérico. España quixo ser unha anomalía en Europa, nesa e noutras tantas cousas. E así estamos onde estamos: no furgón de cola de tantos trens.

No caso da arte dramática, do teatro, das artes escénicas todas, España segue a ser unha anomalía en Europa, quer na formación dos seus profesionais quer nas políticas teatrais coas que se pretende promover a creación e difundila. Non hai moito, pasei por diante do Teatro García Barbón cun meu amigo americano, e preguntoume o que alí se podería ver na semana que ía estar en Vigo. Díxenlle que nada había que ver, pois nada había programado na semana enteira. Quedou pasmado. Pensou que andaba eu a brincar. E non era brincadeira. En España moita xente segue a pensar que as artes escénicas son cousa de larpeiros. Neste caso non somos furgón de cola, nin sequera imos en tren. E olé!

No hay comentarios: