Un espectáculo do Centro
Dramátio Galego
Sabido é que en creación escénica o
texto, en ocasións, non deixa de ser un pretexto, directriz mínima para iniciar
o proceso, mentres noutras, as máis, constitúe o pre-texto, trama ou tecido
sobre o que asentar o espectáculo. Tamén é sabido que calquera texto admite
interpretacións dispares, mesmo aquelas que o cuestionan; por iso a veces, como
temos escrito, Ricardo III, dun tal
Shakespeare, acaba por ser Ricardo, o do
terceiro, con Harley-Davidson incluída.
No caso de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas as interpretacións
tamén poden ter que ver co público no que se pensa, pois cada vez teño menos
claro que o tal texto se deba catalogar sen máis na literatura dramática
infantil. Se Ramón Otero Pedrayo con Rosalía
intuía camiños que logo han percorrer autores coma Gérard Genette falando de
hipertextualidade, Casares sitúase na cerna do que van ser ideas fundamentais,
no plano máis filosófico, das terías do caos ou dos principios da indeterminación
e da incerteza. Por iso as laranxas poder ser toromelos, do mesmo xeito que o
arrouto dun comechón en Lalín pode provocar un tifón nas Filipinas.
Nesa perspectiva, o texto As laranxas máis laranxas de todas as
laranxas admitiría, cando menos, tres posibilidades: (1) un espectáculo
asentado no concepto de “toromelo”, cunha tonalidade surrealista e máis
orientado ao público adulto, (2) un espectáculo feito de “laranxas”
hiperbólicas, de realismo máxico e de xestualidade, para os máis pequenos, e
(3) un espectáculo que saiba a “tortilla”, como a que fan en Betanzos, e
dirixido a todos os públicos.
Esta última foi a aposta de José
Caldas nesta segunda versión dun espectáculo, que xa presentara, na primeira,
en 2004. Unha reposición moi acertada e moi oportuna que conta ademais cunha
partitura musical excelente, composta e dirixida por Bernardo Martínez, que
acaba por ser un dos elementos motrices do espectáculo, tanto que na súa estrea
en Ourense o elenco, tras os aplausos finais, atronadores e merecidos, volveu
interpretar a canción da tortilla, metendo ao público, pequenos e maiores, no
fondo máis fondo do peto. O espectáculo mostra así a súa enorme eficacia malia
que a escenografía, excesivamente funcional, non axude en case nada, e menos con
esas bolas de cristal que máis que laranxas parezan farois de urbanización
frustrada. A aposta por facer un espectáculo asentado na tortilla non deixa de
ser unha evidencia do que o director busca: a eficacia, o que tampouco non está
de máis, malia que con iso renuncie ao misterio e á sorpresa, ao aglaio e ao
abraio, a mostrar que a realidade enteira pode non ser o que aparenta ser, que
as vellas causalidades xa non serven.
A destacar, sen dúbida algunha, o
elenco de actores e actrices, que realizan un traballo soberbio, moi medido, e
sempre suxeito á idea xeratriz da proposta espectacular: que o público ría a
cachón coas inexplicables andanzas dun fato de persoas excéntricas e rechamantes.
Nese sentido mostran una enorme ductilidade para axustarse a un patrón
interpretativo específico, o que dá idea da súa máis que notable competencia.
Un elenco, insistimos, de excepción, que executa con notable virtuosismo non só
una partitura interpretativa asentada na farsa, senón tamén una partitura
musical na que abrollan ritmos ben próximos aos máis novos, que por veces
mostran a orientación trouleira e gallofeira que Emir Kusturika adoita darlle a
algunhas composicións súas. Inician agora a xira polo país este espectáculo.
Non deixen de velo…, se pode ser en familia.
Acerta de cheo Manuel Guede, director
do CDG, ao repoñer este espectáculo, que vai mobilizar un elevado número de
espectadores, debido precisamente á súa eficacia escénica. Acerta tamén ao se
lembrar de Casares xusto agora, pois foi nestes meses de finais de ano cando
hai agora dez, en 2004, Celso Currás, como Conselleiro de Educación, e María
Luísa Castro, Directora Xeral, poñían a andar a maquinaria para a creación da
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que para o ano que vén, 2015,
está de décimo aniversario. Causalidades.
Carlos foi a persoa que contra finais
do século pasado quixo poñer na axenda do goberno da Xunta de Galicia a idea da
creación dun centro tal, vella demanda do sector, xa desde a época da Escuela
Regional Gallega de Declamación (sic.)
na Coruña. Había en Casares unha indubidable conciencia de país na
reivindicación dunha institución que sabía importante en moitos países de
Europa. Foi tal vez unha das súas teimas máis permanentes como Presidente do
Consello da Cultura Galega. Hoxe catro persoas formadas nesa Escola poñen voz
ás súas palabras. Quen sementa trigo, sempre recolle pan. Grazas máis unha vez,
amigo Carlos Casares.