maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 11 de octubre de 2013

O TouPoRRouTou do Centro Dramático Galego e do Teatro do Noroeste









Touporroutou da lúa e do sol

Defensa do teatro popular

MV García

Unha nova achega directamente das páxinas de Faro de Vigo / Faro da Cultura

Cando Eugenio Barba inicia as súas experiencias de etnografía teatral, na procura de formas teatrais ora perdidas ora situadas na periferia dos sistemas culturais, vai dar con manifestacións que procedían daquilo que Peter Brook definira en 1968 (The Empty Space) como teatro sagrado, e como teatro rudo. No seu traballo á fronte do Odin Teatret van ter idéntica importancia as técnicas recollidas en Kerala e as cantigas aprendidas nas montañas de Sardeña. Barba, coma Staniewski, os dous adestrados con Grotowski, quixo ir ao encontro da forza dramática contida nas formas do teatro popular, que contra finais dos sesenta e nos primeiros setenta comezaba a esmorecer coas sociedades agrarias que lle deran vida.

En Galicia, Teatro Circo, e despois a Escola Dramática Galega, puxeron en marcha nos anos setenta un ambicioso proxecto de recollida de materiais desa dramaturxia popular que estouraba en tantas vilas e aldeas do interior do país, e sobre a que Vicente Risco xa dera cumprida noticia no seu magnífico estudo sobre a etnografía galega, que Ramón Otero Pedrayo inclúe na Historia de Galiza, publicada baixo a súa dirección en Bos Aires en 1962. Así saberemos de autos, entremeses, prantos, ladaíñas, procesións, folións, ruadas, fiadas, muiñadas…, e outras manifestacións que se situaban a medio camiño entre o ritual e a festa.

A partir dese rico patrimonio contido na dramaturxia popular, Roberto Vidal Bolaño constrúe a súa obra dramática primeira, consonte a denominación escollida para o seu grupo, Antroido, e tendo tamén en conta o paradigma escénico que esa escolla en boa medida aconsellaba, que non era outro que aquel que desenvolveran algunhas das compañías de teatro que Agustín de Rojas Villandrando enumera en El viaje entretenido (1603). Alleos á “finesse” dun teatro psicolóxico aínda por vir, aqueles actores e actrices, non interpretaban; máis ben mostraban condutas, a través do movemento escénico e do uso de elementos, e da súa capacidade para xogar coa alteridade, a mesma que reclamará Vsevolod Meyerhold.

Catro son os cómicos que conforman a compañía á que Roberto Vidal Bolaño outorga a patente para percorrer os camiños vellos e novos contando e presentando todo tipo de historias, algunhas delas tomadas dun tal Álvaro Cunqueiro, o autor de As crónicas do sochantre, tan vinculadas cos cómicos da legua. E como cómpre, eses cómicos ofrecen un espectáculo rudo na súa aparencia, pois na representación non se pretende outra cousa que contar historias, botando mans de poucos elementos e de moita imaxinación. Por iso as barbas son de pega, as caretas semellan medio tortas e as roupas andan sempre mesturadas. Non hai ningún desexo de realismo ou de verosimilitude, nin de ofrecer un produto ben feito, pois que se traballa de maneira atrapallada, aguantando da fame e vixiando os camiños.

Este Touporroutou da Lúa e do Sol, que vén de estrear o Centro Dramático Galego, constitúe unha mostra magnifica dese teatro popular, rudo e poético, que ata hai ben pouco formaba parte do noso patrimonio inmaterial e que Roberto Vidal Bolaño quixo inventariar, para beneficio de todas e todos nós. Un espectáculo no que cómpre destacar o magnífico traballo do seu director, Eduardo Alonso, para manter e poñer en valor esa dimensión trapalleira que sempre ten a dramaturxia popular, pero tamén o do escenógrafo, Paco Conesa, e o do creador da partitura musical, Bernardo Martínez. Igualmente, hai que salientar a actuación excelente dun electo integrado por Victoria Pérez, Alejandro Carro, Fernando González ou Laura Míguez, fantástica de principio a fin. Un elenco que consegue que o seu traballo semelle sinxelo, doado, mesmo torpe, e que, por iso mesmo, acaba por mostrar unha profesionalidade enorme.

Agora que o ano Vidal Bolaño inicia o seu devalo, este espectáculo do Centro Dramático Galego acaba por se converter na mellor das homenaxes posibles, pois vai recuperar unha forma de facer o teatro, en clave popular, pola que el sempre apostou, por moito que soubese doutras formas e maneiras igualmente importantes, como mostrou no magnífico Xelmírez ou a Gloria de Compostela, en 1999.

A boneca Sambita

Este ano, por iniciativa do seu director, Manuel Guede Oliva, necesaria e ao mesmo tempo oportuna, o Centro Dramático Galego decidiu instituír o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador, pois como destacaba o propio Guede, sen público, sen espectadores, o teatro perde a súa razón de ser, renuncia á súa etimoloxía. E nesta súa primeira edición o Premio foille concedido a María Xesús Arias, quen mentres asistía a un espectáculo de Paula Carballeira, lembrou aquela boneca, exótica e fascinante, que seu pai lle trouxera de Guinea.

As palabras de María Xesús Arias ao recoller do Premio, xusto antes de que subise o pano do Touporroutou, non puideron ser máis oportunas, cheas desa sabedoría popular que nace da vivencia e da reflexión. Lembrou María Xesús o poder evocador do teatro, coa súa boneca exótica, pero tamén a oportunidade que nos ofrece para construír mundos, todos os mundos posibles. Como cando de pequena, recreaba, cos seus amigos e amigas, en Maniños, as películas que vía no cine, facendo teatro do cine e na rúa. Xogos cos que se aprende a ser, e a vivir. Pois o teatro é, ante todo, un xogo de vida. Un xogo que xamais deberiamos perder.