maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 22 de septiembre de 2013

De novo, Roberto Vidal Bolaño


Roberto Vidal Bolaño: unha vida para o teatro

Manuel F. Vieites



Con motivo do aniversario do pasamento de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Vieites publicada un artigo en Faro de Vigo o sábado 21 de setembro, que traemos a este blog.




Contaba estoutro día Laura Ponte, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, nunha conferencia pronunciada no marco do Primeiro Congreso Escénika Investigación, que unha das características que mellor definían a Roberto Vidal Bolaño, como persoa e como creador, era, sen dúbida algunha, a súa capacidade e a súa vontade de traballo, a súa vocación de facer país. Unha afirmación logo confirmada por Roberto Pascual na súa pormenorizada descrición dos diferentes oficios que aquel desempeñou no teatro, e que nos informan desa paixón radical polo teatro, tal vez porque a escena lle ofreceu una oportunidade única para argallar contos e historias, as que tamén querería plasmar no celuloide malia que o cativo desenvolvemento do noso cine frustrara tantas ilusións e proxectos. Nese mesmo foro de debate, o actor e profesor Antonio Mourelos confirmaba a transcendencia desa vocación cinéfila que Vidal Bolaño non foi quen de satisfacer plenamente, e sinalaba a vasta cultura audiovisual que posuía.

De todos eses oficios que Vidal Bolaño desempeñou con notable afouteza ao longo da súa vida, que se truncou un once de setembro de 2002, cando só contaba cincuenta e dous anos, tal vez o máis relevante teña sido o de creador de historias, o de dramaturgo, aínda que tamén aí se deixe sentir un modo de presentar as historias que certamente ten moito que ver coa escrita para cine e para televisión. Porén, as súas pezas dramáticas posúen unha notable dimensión literaria, contendo historias magníficas que imaxina e recrea seguindo aos que foron os seus dous grandes mestres, Ramón Otero Pedrayo e Ramón María del Valle-Inclán, sempre recoñecidos por el propio, malia que outros autores e directores de cine teñan influído na súa dramaturxia, coma Michel de Ghelderode,  Bertolt Brecht ou John Ford, o que dá conta do seu devezo por estar sempre ao corrente do que acontecía noutros teatros, noutras literaturas, noutras artes.

Coma Otero Pedrayo e coma Valle-Inclán, Roberto Vidal Bolaño vai recoller a súa materia literaria e dramática de dúas fontes fundamentais: dunha banda, a manchea de temas e motivos presentes na cultura tradicional, e velaí temos a Ruada das papas e o unto, que vén de publicar o Consello da Cultura Galega, nunha coidada edición de Inma López Silva, e, da outra, as historias do aquí, as que vivimos e padecemos todas e  todos nós, como podemos ler en Anxeliños, ou en Criaturas, acedas crónicas do presente máis inmediato.

Mais non quixera deixar de destacar nesa obra plural, rica e magnífica, o seu cariño inmenso pola cidade que o viu nacer e vivir: Santiago de Compostela. Con ela vai compoñer a acción dalgunhas das obras máis destacadas do século XX na nosa literatura dramática. Dunha banda, As actas escuras, nacidas dunha longa e paciente labor de investigación arredor da figura do Apóstolo Santiago e que se ocupa de mostrar posibilidades para resolver o misterio que agocha a cripta da Catedral: Santiago ou Prisciliano? Da outra, a delirante e poética viaxe polas rúas e casas de Santiago que nos propón en Doentes, da man de dous vencidos da vida que por veces fan que nos lembremos daqueles outros dous vagabundos que puidemos ver en Midnight cowboy, pero que tamén se vincula con Luces de Bohemia ou co Ulysses de James Joyce. Finalmente, Días sen gloria, unha outra maneira de ver o camiño, que recrea a peripecia de dous peregrinos que viaxan a Compostela en tempos de pouquidade e miseria. Unha obra enorme, que moitos especialistas quixeron ver como unha “road movie”, a mesma tentación que preside O desengano do Prioiro, esa festa dionisíaca que o Fidalgo de Trasalba sitúa en Ribadavia, a vila na que Galicia construíu o seu teatro actual, e onde aínda resoa, polas noites, a voz tronante de Roberto Vidal Bolaño, animador dedicado como foi daquelas primeiras Mostras Abrente onde se imaxinou un teatro para un país. O que hoxe somos. 

No hay comentarios: