maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 15 de agosto de 2012

ASOCIACIÓN TITULADOS/AS ARTE DRAMÁTICA DE GALICIA

Nace a Asociación de Titulados e Tituladas en Estudos Superiores de Arte Dramática de Galicia

Razóns a favor dunha iniciativa necesaria

Manuel F. Vieites

Nun informe titulado Das funcións sociais e dos novos espazos profesionais para as artes escénicas en Galicia, que foi elaborado por Héctor M. Pose, José Antonio Caride, Rita Gradaílle, e eu mesmo, en base a unha convocatoria pública de 2006 da AGADIC, sinalabamos como ademais do ámbito artístico e creativo, existen outros ámbitos de verdadeiro relevo profesional que están plenamente desenvolvidos en países varios do noso entorno xeográfico ou cultural, entre os que se salientaban os que se vinculan cos campos:  (1) da educación, (2) da comunicación, (3) da xestión, (4) da saúde, a prevención e a terapia, (5) da investigación científica aplicada á innovación e á creación.

Aquel informe estaba pensado e realizado desde o ámbito da socioloxía das profesións, e considerando todo un conxunto de traballos e estudos de campo en relación co desenvolvemento doutras profesións, pero tamén en relación con conceptos tan importantes como profesionalización, profesionalismo ou profesionalidade, arredor dos que eu mesmo teño publicado algúns traballos en tanto se vinculan co recoñecemento, desenvolvemento e lexitimación das profesións, e dos requisitos e procesos que facilitan, ou non, ese recoñecemento institucional das mesmas (ADE/Teatro, número 100, Revista Galega de Teatro, número 60).

Aquelas profesións que gozan dun alto nivel de institucionalización son as que gozan de maior prestixio, e son aquelas nas que máis e mellor se defenden os intereses dos seus asociados e asociadas, pero tamén aquelas que adoitan destacar pola súa dimensión deontolóxica, como estamos vendo agora con esa insubmisión crecente ante os recortes en materia de sanidade, polo que tamén se defenden dereitos de usuarios. Así acontece, en efecto, coa medicina. Hai colectivos que teñen establecido mecanismos específicos de acceso ao exercicio profesional que no caso das ciencias da saúde, teñen dado excelentes resultados, e quizais por iso os nosos profesionais das ciencias da saúde están entre os mellor valorados do mundo, o que afecta positivamente ás persoas que utilizan os servizos de saúde.

Con todo, non todas as profesións precisan de mecanismos regulados para o exercicio profesional, e moito menos aquelas áreas de actividade humana que se consideran artísticas, pero non é menos certo que, agás no caso de persoas xeniais que se contan cos dedos dunha man, os procesos regulados de formación contribúen de forma notable na cualificación e competencias dos profesionais, sexa cal for o campo que consideremos. E ao ampliar o campo profesional, resulta evidente que as cualificacións previas son fundamentais, pois xa non estamos a falar de procesos de creación, senón doutros procesos nos que se precisan máis competencias que aquelas habilidades e destrezas que poderían, se acaso, dar conta dunha certa ou dunha excepcional xenialidade.

O desenvolvemento deses novos ámbitos de traballo, moitos deles plenamente regulados neses países de referencia, esixe que o acceso ao exercicio profesional nos mesmos se regule cos criterios idénticos aos que se establecen para outros campos; e do mesmo xeito que para impartir clase de matemáticas nun instituto se pide unha titulación superior, para impartir docencia no eido da educación teatral tamén se debería operar na mesma dirección, esixindo ademais que esa docencia sexa impartida por persoas coas competencias necesarias, as que se adquiren en procesos regulados de formación, e se demostran mediante concursos públicos. Por outro lado, tamén se precisan algunhas competencias en ciencias da educación, que agora se adquiren a través do Máster en Secundaria, ao que só se pode acceder mediante unha titulación concreta.

Os titulados e tituladas superiores en arte dramática partillan, sen dúbida, con outros axentes e sectores do campo teatral, reivindicacións que afectan ao desenvolvemento do sistema teatral, como podería ser a demanda de compañías residentes, pero hai outras cuestións que lles afectan a elas e a eles en particular, e son elas máis eles os que deben loitar para conseguir avanzar en todos os ámbitos sinalados máis arriba. Certamente, pode haber demandas que gocen do consenso e do apoio doutros axentes e sectores (é razoable e desexable que sexa así), pero a súa formulación e a súa presentación debe ser realizada polo colectivo específico directamente afectado. A solicitude de que na ensinanza secundaria se regularice unha formación teatral básica, pode ser apoiada e defendida por toda a sociedade, e por innúmeros colectivos, pero os titulados superiores en arte dramática teñen aí unha responsabilidade histórica, porque tamén deben ser eles e elas os chamados a impartir esa docencia, por formación, cualificación e competencias.

Por iso é tan importante esta nova Asociación, que debemos entender como unha verdadeira “asociación profesional”, da mesma maneira que no campo das ciencias da saúde existen colexios diversos en función das competencias e responsabilidades de cada colectivo profesional. Queremos dicir con isto que non estamos diante dun “sindicato”, senón diante dun ente colexiado, que se ben non ten competencias para regular o acceso ao exercicio profesional, si debe potenciar liñas que permitan ampliar o abano dese exercicio e que se exerza nas mellores condicións. E como tal “colexio”, debe asumir o compromiso e a tarefa de loitar arreo por desenvolver eses bancais de traballo derivados dos ámbitos antes sinalados, e que son fundamentais para lograr que o teatro chegue a cumprir obxectivos estratéxicos: (1) gañar visibilidade, lexitimidade e institucionalización, (2) diversificar as súas prácticas para que cheguen ao conxunto da sociedade e toda a sociedade se poida beneficiar da praxe teatral, (3) converterse en ferramenta de transformación social,  e (4) conformar un campo profesional rico, diverso, produtivo e crítico.

Por outra banda, hai obxectivos inmediatos cos que se hai que poñer a traballar desde xa, pois teñen moito que ver con esa necesaria converxencia con Europa que vimos reclamando desde hai tanto tempo:

(1) Normativización e normalización da ensinanza teatral en todos os niveis educativos, especialmente en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.

(2) Potenciación dos proxectos e iniciativas de Animación teatral en tempos e espazos diversos e con usuarios múltiples.

(3) Regulamentación dos procesos e postos de dirección e xestión de centros culturais, espazos escénicos e auditorios.

(4) Potenciación da investigación escénica a través da creación de equipos de investigación e da contratación de bolseiros, como acontece en tantos outros sectores vinculados a liñas de I+D+i, que en teatro deberían ser de investigación, innovación e creación, ou I+i+C, polo que podería haber bolsas de investigación e creación.

Por outra banda, debemos considerar que a aparición desta asociación era pouco menos que inevitable. Mala cousa sería que non aparecese, pois implicaría que os titulados e tituladas en arte dramática renunciaban a poñer en valor a súa formación, e a súa profesión. Noutros campos igualmente emerxentes, están aparecendo asociacións e colexios profesionais vinculados coa Educación Social, co Traballo social, coa Terapia ocupacional…, e non hai tanto que se constituía en Galicia o Colexio de Xornalistas.

A asociación nace pois froito da lóxica interna do sistema teatral, e do seu propio proceso de desenvolvemento. Por iso, a súa aparición non debe entenderse como ameaza, signo de desunión, ou risco de fragmentación, pois é un signo de madureza e de desenvolvemento lóxico nun sistema teatral que teña a aspiración de selo. Haberá ámbitos de actuación, sen dúbida, nos que teña que colaborar ou actuar conxuntamente con outras asociacións ou entidades do sector, polo que o seu traballo debe ter esa dobre orientación: loita polos dereitos dos titulados e tituladas, e loita polo pleno desenvolvemento do sistema teatral.

Estamos ante unha asociación que vai engadir riqueza, diversidade e capacidade crítica e programática a un sector tan estratéxico para a nosa cultura, e que de seguro vai recoller moitas das demandas e reclamacións que algunhas persoas vimos facendo desde hai bastantes anos.

A Asociación de Titulados e Tituladas en Arte Dramática de Galicia está aberta a todas as persoas que, tendo esa condición, vivan e/ou exerzan a súa profesión no país, e para solicitar información ou asociarse, hai que enviar un correo a:

atesadgalicia@gmail.com

Os nosos parabéns aos promotores, moito ánimo na súa empresa, e os nosos mellores desexos.

No hay comentarios: