maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 19 de agosto de 2012

A compañía escénica da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia



Confesións dun teatrólogo abraiado 
(e II)

Manuel F. Vieites

Insistimos sobre un tema de interese, pero facémolo desde unha posición académica, educativa e para nada belixerante ante outras posicións e valoracións, mesmo contrarias. Non estamos en guerra, pero igualmente temos que reflexionar, e falar... Por iso o que segue son reflexións que mostran as razóns de determinadas decisións que operan desde unha lóxica educativa, a única coa que se pode traballar desde un centro de formación. Non temos outra.

Segue habendo algunhas dúbidas arredor deste novo proxecto que queremos encetar en breve, e que derivan, en parte, da confusión entre “bolsa” e “contrato”. O que imos poñer en marcha son “bolsas de creación para posgraduados”, e por iso mesmo a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia non pode deixar de participar nun proxecto de moito alcance para o seu futuro en tanto institución con competencias en formación, investigación e creación, e con responsabilidades claras na transición á vida activa dos seus titulados e tituladas. Unha negativa da ESADg a participar neste proxecto sería tanto como cuestionar a súa propia razón de ser e a utilidade da súa oferta educativa, camiñar con decisión cara ao seu suicidio institucional. É como se a Escola Superior de Enxeñaría Industrial de Vigo rexeitase un acordo de colaboración con CITROËN. Sendo ademais, como será, un proxecto a todas luces vantaxoso para a Escola, en termos de prestixio e lexitimidade, pero tamén en relación coas condicións formativas ou económicas das bolsas a convocar. 

¿Qué fai un bolseiro no Centro de Investigacións Literarias Ramón Piñeiro, no Museo Pedagóxico de Galicia, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo…? Pois algo tan sinxelo e natural como participar activamente en proxectos de investigación e desenvolvemento, naquelas liñas de traballo propias do centro ou da institución, baixo a dirección do responsable do proxecto e coa supervisión do centro. É esta unha lóxica e unha dinámica que non se cuestiona en ningunha escola ou facultade de ningunha parte do mundo, nin que cuestiona ningún colexio ou asociación profesional do mundo, pois forma parte dos procesos habituais de formación para o emprego. En efecto, as bolsas para posgraduados, as bolsas predoutorais, as bolsas de continucación de estudos, as bolsas posdoutorais, as bolsas de inserción laboral…, están presentes na maioría dos ámbitos produtivos, e son habituais na inmensa maioría das profesións, e en Galicia sobran os exemplos de persoas que ao rematar os seus estudos gozan dunha bolsa coa que poñer a proba as competencias adquiridas no período de formación, e consolidadas con traballo real, e ao mesmo tempo adquirir a bagaxe experiencial para iniciar con éxito o proceso de integración no mercado laboral. E chegará un día en que na ESAD de Galicia, como agora na Facultade de Físicas, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ou na Facultade de Medicina, estean a desenvolver proxectos de creación, investigación ou formación, non un, nin catro, senón quince ou vinte bolseiros, pois iso é o “normal”, iso implica habitar a “normalidade” e non a excepcionalidade, alomenos para unha institución educativa con vontade de selo.

A posta en marcha da compañía escénica da ESADg é unha máis entre as moitas iniciativas que hai que activar para promover a transición á vida activa dos nosos titulados e tituladas, ou favorecer a continuación dos seus estudos. O convenio que se vai firmar entre o Centro Dramático Galego e a ESADg implica que desde esta compañía se vai producir un espectáculo cada ano, no que van poder intervir titulados e tituladas en interpretación, dirección escénica, dramaturxia ou escenografía, que así realizarán un practicum nunhas condicións razoablemente boas e nun tempo suficiente, o que lles permitará aplicar e consolidar, como antes se dixo, as competencias adquiridas e sumar novas experiencias fundamentais para a súa transición á vida activa. Unha iniciativa pioneira que nalgún momento nos vai permitir ofrecer bolsas de “investigación e creación” ou de “investigación, innovación e creación”. Para camiñar e para avanzar sempre hai que dar un primeiro paso, e iso é xusto o que estamos a facer. 

Dar un paso cara adiante, pois non se trata de “contratos en precario”, nin de “contratos lixo”.  Non estamos a falar de contratos, pois non é ese o marco legal ou normativo no que nos instalamos, senón de bolsas para posgraduados, as mesmas que, insisto, existen noutros ámbitos de formación superior. Cando se faga pública a convocatoria, poderemos comprobar como as condicións das bolsas que se propoñen en nada inducen a precariedade, pois son moito máis vantaxosas do que parecen, tanto que con toda seguridade os potenciais solicitantes aumentarían de forma exponencial se esa participación non estivese limitada ás persoas que teñen titulación superior en arte dramática.

Pero, ademais, as bolsas están reguladas por Lei, e recentemente en España téñense dado pasos substantivos para mellorar a situación dos bolseiros, aos que se lle recoñecen os dereitos básicos de calquera persoa traballadora, aínda sen selo realmente. Creo que é moi importante subliñar isto último. En ningún caso esta iniciativa vai conculcar dereitos, obviar normativas ou situarse fóra de ningún marco normativo, pois non estamos inventando nada. Estamos simplemente aplicando a lóxica coa que se opera noutros centros de formación superior en toda Europa, e cumprindo de forma escrupulosa o que se establece na normativa vixente aplicable.

As bolsas non se regulan nos convenios propios dun determinado sector, pois o seu marco legal e a súa finalidade son outras, dado que as bolsas teñen natureza educativa. Por iso mesmo neste caso non cabe falar de contratos, e facelo implica descoñecer, ignorar, ou non querer considerar a lóxica interna das profesións e dos procesos de acceso ao exercicio profesional. Un enxeñeiro mecánico que realiza unha estadía de formación para posgraduados nunha empresa de automoción non se rexe polo convenio que pode afectar a outros enxeñeiros ou enxeñeiras que traballan no mesmo departamento, e estes últimos en ningún caso cuestionan a presenza deses bolseiros ou bolseiras, quizais porque eles mesmos pasaron por ese proceso e saben da súa utilidade.

Certamente, hai no teatro peninsular persoas que acceden a un contrato profesional sen apenas experiencia, sen apenas formación, nin ter exercido de “bolseiro”(algo que tampouco non poderían facer). Sen deixar de sinalar que se trata de disfuncións propias dun sistema por facer e dunha profesión por construír como tal, temos que considerar a onde nos pode levar ese tipo de argumento tabula rasa, porque empregado de forma demagóxica pode eliminar de raíz moitas das demandas lexítimas que xa aparecen no horizonte. Se admitimos que calquera pode subir a un escenario como profesional, ou que un sistema teatral non precisa de máis recursos humanos que eses, para que queremos unha Escola?, a que vén reclamar que a materia “Artes escénicas”, que forma parte do currículo do Bacharelato, sexa impartida por titulados en arte dramática?, con que argumentos defender que nos teatros publicos exista a figura do director artístico, cargo que en boa medida debería ser desempeñado polos mesmos titulados?, para que a converxencia teatral con Europa?

Como xa dixemos, estamos vivindo os inicios dun tempo novo, sen dúbida derivado da propia existencia da ESADg e da aparición de novos “actores” e “axentes”, e por iso cómpre que todas e todos saibamos enfrontar as novas cuestións e problemáticas con rigor, tolerancia e xenerosidade, pois diso vai depender o que poidamos ou non seguir camiñando xuntos na construción dun sistema teatral sólido e sostible, que precisa de todas e de todos, sen exclusións por parte de ninguén. Os tempos novos invitan a debates novos que teremos que ir formulando de vagar, con moita reflexión, e que debemos xestionar coa serenidade e a seriedade necesarias para que eses debates non se convertan na cerna da nosa propia devoura, se se me permite a expresión.

Tamén se debe entender que a ESAD de Galicia ten unha misión que cumprir como institución educativa, e que non pode renunciar a facelo, nin pode renunciar a operar coas ferramentas que lle son propias como institución integrada no Espazo Europeo de Educación Superior. Non se entendería que se tentase coutar, dificultar ou impedir o seu pleno desenvolvemento, utilizando razóns e argumentacións que nin se compadecen nin respectan a lóxica educativa, académica e de transición á vida activa coa que operan as institucións educativas que teñen unha orientación finalista. Agardemos que a polémica vaia esmorecendo e que cunha pequena dose de diálogo as augas vaian volvendo ao río. De todos e de todas depende. Por nós non vai quedar.

No hay comentarios: