maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




jueves, 16 de agosto de 2012

A Compañía escénica da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia



Confesións dun teatrólogo abraiado (I)

A Compañía escénica da ESAD de Galicia: unha iniciativa necesaria

Manuel F. Vieites



A publicación na edición galega de El País dunha reportaxe asinada por Iago Martínez na edición do 15 de agosto, ten provocado reaccións ben dispares, polo que parece aconsellable informar á cidadanía das finalidades últimas dunha iniciativa que vai na dirección contraria que se lle atribúe desde algúns foros de conversa e opinión que podemos encontrar na rede. Lamento que o que segue teña unha certa lonxitude, pero iso dá idea da complexidade da cuestión que tratamos, polo que solicito das persoas que se queiran informar que o lean con atención pois contén moitas claves para un futuro por facer.

Hai neste traballo unha lóxica educativa, cultural e sistémica, mais non sindical, pois non é ise o territorio que, por agora, transitamos.

Razóns  que aconsellan a iniciativa

Mesmo desde antes de que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia existise, algunhas persoas xa entendiamos que a creación dunha compañía propia debería ser un obxectivo estratéxico do centro. E nos últimos sete anos presentamos proxectos para creala en instancias varias, desde o Concello de Vigo ate a Deputación de Pontevedra, sen esquecer a Consellería de Educación. Mesmo nalgunha ocasión os medios se fixeron eco desa proposta nosa.

A tal compañía era imaxinada como un espazo no que o alumnado da Escola puidese realizar un “practicum” similar aos que se realizan noutras carreiras (en ocasións durante varios meses), e que teñen unha notable dimensión práctica, en tanto as competencias que deben adquirir os discentes se vinculan, fundamentalmente, cun saber facer que no noso caso se concreta nun espectáculo teatral, aínda que poida haber outras áreas do saber facer como a pedagoxía teatral, a xestión e dirección de teatros, ou a investigación aplicada.

A tal compañía tamén se imaxinaba para que a Escola puidese facer fronte, a través desa iniciativa, e doutras similares, a unha serie de retos que, como centro educativo, debe asumir e lograr. Entre eles, algúns vinculados co propio desenvolvemento institucional da Escola:
  • Poñer en marcha liñas de transición á vida activa, que constitúe unha obriga normativa, pois entre os parámetros que se teñen en conta na acreditación de titulacións no Espazo Europeo de Educación Superior, figuran as medidas para favorecer o emprego dos titulados, como establece o Real Decreto 1393/2007 que no seu Anexo I, que define os criterios para a elaboración das Memorias de Grao, sinala os que seguen:
    • 9.3 Procedimientos para garantizar la calidad de las prácticas externas y los programas de movilidad.
    • 9.4 Procedimientos de análisis de la inserción laboral de los graduados y de la satisfacción con la formación recibida. 
  • Xerar espazos de investigación, en tanto o Real Decreto 1614/2009 establece que os centros superiores de ensinanzas artísticas terán entre as súas competencias a da investigación nas disciplinas que lles sexan propias coa finalidade de se integrasen no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía e no Espazo Europeo de Investigación. Espazos de investigación aplicada que poñan en valor a ecuación Investigación, Innovación e Creación: I+i+C.
  • Contar cun número suficiente de persoas tituladas en arte dramática para poder colaborar dos procesos de docencia e aprendizaxe de materias como “Prácticas de dirección de actores”, e “Prácticas de dirección escénica”, en tanto as persoas integradas na compañía terían tempo, no período de distribución do espectáculo, para facelo. Isto en ningún caso suporía más de 12 horas de permanencia en aula por semana, pero suporía unha nova maneira de seguir aprendendo nunha perspectiva diferente.
  • Ter unha compañía propia desde a que elaborar todo tipo de produtos escénicos e poder exhibilos na propia Escola e distribuílos en Galicia e no exterior, como parte da estratexia pública do centro. Unha compañía na que os seus integrantes contasen con tempo suficiente para traballar sen outra preocupación que os ensaios. A Escola xa creou varios espectáculos: Os soños de Walla, con dirección de Mariana Carballal, Homenaxe a John Cage, coordenado por Ana Serna, Lela anda en bicicleta, con dirección de Ricardo Solveira, ou A tempestade, dirixido por Dani Salgado. Nos catro casos, ao contarmos cun elenco conformado por alumnos e alumnas, moi xenerosos no seu esforzo e implicación, apareceron moitos problemas derivados da necesidade de compatibilizar docencia e creación.

Por iso sempre quixemos ter unha compañía para titulados e tituladas, tamén para atender as súas necesidades nese proceso tan difícil de inserción profesional. En efecto, coidamos que a existencia dunha compañía, que puidese realizar espectáculos con elencos numerosos, permitiría crear un tempo e un espazo para que os nosos graduados e graduadas puidesen:
  • Continuar os seus estudos de posgrao co apoio dunha axuda económica, de xeito que puidesen compatibilizar o traballo na compañía con esa continuidade de estudos. Son cinco meses de bolsa e un máster adoita ocupar sete. E a ESAD de Galicia aspira a ter un programa propio de estudos de posgrao 
  • Desenvolver proxectos persoais de investigación, desde un traballo de indagación poética ata unha tese de doutoramento. Nestes momentos xa contamos con titulados e tituladas que están a realizar interesantes proxectos de investigación neste último eido e pronto teremos os primeiros egresados da ESAD de Galicia co título de Doutor/a. 
  • Seguir ampliando a súa formación colaborando cos procesos de docencia e aprendizaxe da Escola nos campos da interpretación, a dirección escénica, a dramaturxia ou a escenografía. 
  • Deseñar e organizar o seu proxecto artístico e profesional e a súa inmersión no sector, co apoio da Escola.
A creación da compañía permitiría que cando menos un número razoable de titulados puidese contar cunha bolsa, e no mellor dos casos con dúas, que amais de facilitar o seu tránsito ao mercado laboral, lles permitise realizar todas ou parte das actividades antes sinaladas.

O percorrido que imaxinamos e polo que XAMAIS se debería deixar de traballar, é o propio de calquera institución superior de formación ou de investigación, nas que existen moi diversas bolsas, becas e axudas para que os posgraduados poidan desenvolver todo tipo de proxectos. Por iso, tamén no seu día quen subscribe presentou ante os responsables da Dirección Xeral de Emprego da Consellería de Traballo a necesidade de promover bolsas, becas e axudas para facilitar a inserción laboral dos nosos titulados, do mesmo xeito que acontece noutras ensinanzas como as universitarias ou a formación profesional, e do mesmo xeito que acontece noutras áreas de actividade.

En efecto, non se trataría só de favorecer a realización dun practicum de inserción laboral desde a Compañía da ESAD (creación, exhibición, distribución), senón de abrir liñas complementarias en dúas direccións para:

  • Os titulados e tituladas que contando cunha bolsa de traballo decidisen incorporarse a unha compañía como actor, directora, escenógrafa…, ou a un teatro como directora artística…, e 
  • Os titulados e tituladas que xuntando varias bolsas de traballo, e aproveitando os seus Proxectos fin de Carreira ou Fin de Grao, deciden crear unha compañía propia.
Por iso quen subscribe sempre afirmou que tiña a aspiración lexítima de converter a ESAD de Galicia nunha sorte de Bauhaus do Atlántico, en tanto a Escola debería ser unha factoría de creación e difusión escénica, e por iso tamén, quen subscribe, defendeu que a ESAD de Galicia contase cunhas instalacións axeitadas para ese propósito, para que os nosos titulados e tituladas puidesen realizar no centro “residencias de creación”, “residencias de formación” ou “residencias de investigación”. Por iso a sede definitiva da ESAD foi concibida como un complexo de tres edificios, dos que agora contamos co primeiro, quedando aínda por construír dous máis, que máis cedo ou máis tarde han de chegar.

Estamos pois ante unha política estratéxica, orientada ao pleno desenvolvemento dunha institución educativa como é a ESAD de Galicia. Non cabe operar noutra dirección.

As bolsas, as becas, as castañas…

Foi a chegada de Manuel Guede ao Centro Dramático Galego, precisamente, a que permitiu que ese proxecto, complexo e a medio prazo, que vimos de formular, e que se ocupa da “transición á vida activa”, poida comezar a facerse realidade. E foi así porque ben podería ser que o que agora se está poñendo en marcha se deba a vellas complicidades de persoas que no seu día alentaron a creación mesma da ESAD, como poderían testemuñar as persoas con responsabilidades na Consellería de Educación cando Celso Currás era o seu Titular; vellas complicidades tecidas tamén desde o Consello da Cultura Galega, cando xa falabamos de moitas destas cousas e mesmo imaxinabamos unha liña de investigación centrada nas maneiras de poñer en escena os textos de Valle-Inclán.

É necesario que isto se diga, porque o proxecto que propoñemos non se debe a unha visión “cortoplacista” da realidade, todo o contrario. O proxecto busca desenvolver novas liñas de traballo nun escenario novo, ese novo escenario que conta con novos “actores”, que son eses titulados e tituladas en arte dramática. O proxecto que propoñemos quere darlle á ESAD de Galicia novas ferramentas para desenvolverse e lexitimarse como institución educativa, para lograr TODOS os seus obxectivos estratéxicos, e como exemplo non teño máis que citar ao Yale Repertory Theatre dependente da Yale School of Drama. Para chegar a onde chegou esa compañía cómpre dar primeiros pasos e iso estamos a facer, pois todos os proxectos precisan de tempo para se converter en realidades vizosas.

Por outra banda tampouco debemos deixar de valorar o feito de que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulse este proxecto, polo que ten de recoñecemento da propia ESAD, do seu proxecto educativo e dos seus titulados e tituladas. Tampouco non deixa de ser curioso, por positivo e sintomático, o feito de que a ESAD de Galicia, en tanto institución fundamental do sistema teatral galego, entre a formar parte do Consello Asesor do CDG con Manuel Guede como director, e non antes, e dese “antes” podería dicir moitas cousas, que algún día escribirei de vagar. 

Becarios e bolseiros existen en todas partes do mundo, e de feito son unha maneira de fomentar o acceso ao mundo laboral. Certamente en Galicia hai persoas que pasan do instituto a asinar un contrato profesional cunha compañía de teatro, pero ese feito non deixa de ser unha disfunción do sistema, e mesmo unha mala xestión dos convenios, pois que se saiba ningún titulado en Medicina se puxo a dirixir unha operación aos dous días de chegar ao Hospital. Hai que facer antes o MIR, que dura varios anos.

O que estamos construíndo é un sistema de acceso ao exercicio profesional, e ao mellor estamos a facelo agora porque é agora cando cómpre facelo, pois é agora cando o concepto de “acceso ao exercicio profesional” ten sentido, en función dos titulados e tituladas que adquiren dimensión de profesionais en base a procesos regulados de formación, como acontece noutros campos de actividade. Se no teatro non acontece así, iso debe ser motivo de reflexión, pois non é menos certo que nos sistema teatrais consolidados, estables e sostibles, os profesionais das artes escénicas comezan a ser profesionais, agás excepcións, en función de procesos regulados de formación.

Historicamente en Galicia as circunstancias foron outras e nada hai que obxectar ao proceso, senón máis ben agradecer todo o traballo realizado por varias xeracións de creadores que loitaron arreo por crear un sistema teatral ex nihilo, pero ese recoñecemento e agradecemento polo xeneroso esforzo realizado non debe impedir que nas actuais circunstancias os procesos sexan outros, tamén polo ben do sistema teatral. 

Na CONSTRUCIÓN DUN SISTEMA DE ACCESO AO EXERCICIO PROFESIONAL temos que operar coas mesmas dinámicas doutros campos, sexa a enxeñería mecánica, sexa a terapia ocupacional ou sexa a conservación e restauración de bens culturais. Non me resisto a recoller unha convocatoria de bolsas do Museo del Prado, que vai na mesma dirección que a proposta que agora facemos. Pero hai máis, a nosa proposta foi, en boa medida, copiada doutras propostas similares, doutras bolsas convocadas polo Consello da Cultura Galega, o Museo Pedagóxico de Galicia, o Instituto da Lingua Galega, o Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, ou de numerosas Orquestras e Fundacións que promoven o talento musical… Por iso poñer en cuestións a dinámica que nace agora é poñer en cuestión os procesos de acceso ao exercicio profesional que lle son propios á inmensa maioría das profesións. E poñer en marcha eses procesos supón finalmente construír, desenvolver e lexitimar unha profesión, como tal profesión.

Unha bolsa implica cotizacións á seguridade social e outras garantías derivadas da actividade profesional, como se recolle no RD 1493/2011. Pero non está sometida a convenio, nin se contemplan nos convenios, pois son outro tipo de contratos. Así, cando un bolseiro de investigación entra nunha empresa de automoción, o seu contrato non se rexe polo Convenio do Metal, réxese pola normativa de bolsas, becas e axudas. Non hai que confundir os xatos coas lebres. En Galicia existe un convenio para o sector teatral, cousa que é de agradecer, pero ese convenio, que tan ben se está a cumprir por outra parte, non afecta a outras liñas de actuación que as administracións públicas queiran desenvolver; ora ben, esas liñas de actuación deben axustarse á normativa vixente aplicable, e no noso caso é o de bolsas.

Outra cousa son as perversións e disfuncións que un abuso da política de bolsas poida provocar, e que no noso caso se evita limitando o número de bolsas a dúas. Dese xeito permitimos que todos os nosos titulados e tituladas poidan optar ás mesmas, e os elencos se vaian renovando. Por outra banda, estes bolseiros de creación, ou de investigación, de ser o caso, contarán cun seguimento e cunha titoría personalizada, e deberán presentar ao final do período unha memoria de traballo, vinculada cos procesos de creación e difusión implícitos no proxecto.

Non estamos pois ante un caso de contratación en precario, senón do desenvolvemento dun programa de transición á vida activa con carácter formativo no que, en boa lóxica, só poden participar as persoas que posúen a formación demandada: Título Superior de Arte Dramática, cursado na Comunidade Autónoma de Galicia.

A importancia da transición á vida activa é moita nestes momentos, ao punto de que a Unión Europea, que ten posto en marcha moi diversos proxectos para favorecela (PETRA, LEONARDO, YOUTHSTART, HORIZON), en breve vai dar a coñecer novas medidas de fomento do emprego da mocidade, ás que iniciativas como as que agora presentamos, e outras que desenvolveremos, se van poder acoller, e se van poder financiar. Claro que para optar a ese tipo de axudas hai que mostrar un breve histórico de actividades (como fan as compañías de teatro cando solicitan unha xuda, por certo) e iso mesmo é o que estamos querendo facer: poñer en marcha unha iniciativa que no futuro nos permita obter fondos europeos. Por iso insistimos en que este é un proxecto a medio e longo prazo, por moito que se queira medir cunha óptica reducionista e “curtopracista”.

Conclusión

Son tempos novos, estes que estamos a vivir no sistema teatral. Esta polémica que agora se desata é lóxica, e mesmo era inevitable, pois aparece en escena un novo colectivo que reclama o seu espazo, e ao mellor hai que reinventar as regras do xogo, como se fixo cando comezaron a saír titulados das Facultades de Xornalismo. A creación dunha Asociación de Titulados e Tituladas en Arte Dramática (atesadgalicia@gmail.com) era igualmente inevitable pois son moitas as cuestións que deben presentar, moitos os dereitos que deben reclamar, substantivo o espazo que deben ocupar en toda a amplitude do sistema cultural e teatral. Para iso se formaron, coma calquera titulado ou titulada en Medicina, Xornalismo, Pedagoxía, Maxisterio…

Alguén podería dicir que eses dereitos non se poden reclamar a “calquera prezo”, e mesmo podería parecer que con razón, mais acontece que no caso que nos ocupa estamos a seguir a mesma dinámica, os mesmos procesos que se seguen na inmensa maioría das profesións. Hora era que no eido das artes escénicas tamén chegasen estes tempos novos para unha nova profesión.          

Velaí as razóns que aconsellan loitar por un proxecto necesario, máis alá das circunstancias e das valoracións perversas, pois a razón académica e máis a educativa están da nosa parte. E seguiremos a loitar na mesma dirección, en defensa da arte do teatro e a favor da consolidación dun sistema teatral sólido, sostible e plenamente desenvolvido.

Por certo, “teatrólogo” é aquel que sabe, pouco ou moito, de teatroloxía, e “teatroloxía” quer dicir “logos” do teatro.

No hay comentarios: