Confesións dun teatrólogo
abraiado (I)
A Compañía escénica da ESAD de
Galicia: unha iniciativa necesaria
Manuel F. Vieites
A publicación na edición galega
de El País dunha reportaxe asinada por
Iago Martínez na edición do 15 de agosto, ten provocado reaccións ben dispares,
polo que parece aconsellable informar á cidadanía das finalidades últimas dunha
iniciativa que vai na dirección contraria que se lle atribúe desde algúns foros
de conversa e opinión que podemos encontrar na rede. Lamento que o que segue
teña unha certa lonxitude, pero iso dá idea da complexidade da cuestión que
tratamos, polo que solicito das persoas que se queiran informar que o lean con
atención pois contén moitas claves para un futuro por facer.
Hai neste traballo unha lóxica
educativa, cultural e sistémica, mais non sindical, pois non é ise o territorio
que, por agora, transitamos.
Razóns que aconsellan a iniciativa
Mesmo desde antes de que a
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia existise, algunhas persoas xa
entendiamos que a creación dunha compañía propia debería ser un obxectivo
estratéxico do centro. E nos últimos sete anos presentamos proxectos para
creala en instancias varias, desde o Concello de Vigo ate a Deputación de
Pontevedra, sen esquecer a Consellería de Educación. Mesmo nalgunha ocasión os
medios se fixeron eco desa proposta nosa.
A tal compañía era imaxinada
como un espazo no que o alumnado da Escola puidese realizar un “practicum”
similar aos que se realizan noutras carreiras (en ocasións durante varios
meses), e que teñen unha notable dimensión práctica, en tanto as competencias
que deben adquirir os discentes se vinculan, fundamentalmente, cun saber facer
que no noso caso se concreta nun espectáculo teatral, aínda que poida haber
outras áreas do saber facer como a pedagoxía teatral, a xestión e dirección de
teatros, ou a investigación aplicada.
A tal compañía tamén se
imaxinaba para que a Escola puidese facer fronte, a través desa iniciativa, e
doutras similares, a unha serie de retos que, como centro educativo, debe
asumir e lograr. Entre eles, algúns vinculados co propio desenvolvemento
institucional da Escola:
- Poñer en marcha liñas de
transición á vida activa, que constitúe unha obriga normativa, pois entre os
parámetros que se teñen en conta na acreditación de titulacións no Espazo
Europeo de Educación Superior, figuran as medidas para favorecer o emprego dos
titulados, como establece o Real Decreto 1393/2007 que no seu Anexo I, que
define os criterios para a elaboración das Memorias de Grao, sinala os que
seguen:
- 9.3
Procedimientos para garantizar la calidad de las prácticas externas y los
programas de movilidad.
- 9.4
Procedimientos de análisis de la inserción laboral de los graduados y de la
satisfacción con la formación recibida.
- Xerar espazos de
investigación, en tanto o Real Decreto 1614/2009 establece que os centros
superiores de ensinanzas artísticas terán entre as súas competencias a da
investigación nas disciplinas que lles sexan propias coa finalidade de se
integrasen no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía e no Espazo Europeo de
Investigación. Espazos de investigación aplicada que poñan en valor a ecuación
Investigación, Innovación e Creación: I+i+C.
- Contar cun número suficiente
de persoas tituladas en arte dramática para poder colaborar dos procesos de docencia
e aprendizaxe de materias como “Prácticas de dirección de actores”, e
“Prácticas de dirección escénica”, en tanto as persoas integradas na compañía
terían tempo, no período de distribución do espectáculo, para facelo. Isto en
ningún caso suporía más de 12 horas de permanencia en aula por semana, pero
suporía unha nova maneira de seguir aprendendo nunha perspectiva diferente.
- Ter unha compañía propia
desde a que elaborar todo tipo de produtos escénicos e poder exhibilos na
propia Escola e distribuílos en Galicia e no exterior, como parte da estratexia
pública do centro. Unha compañía na que os seus integrantes contasen con tempo
suficiente para traballar sen outra preocupación que os ensaios. A Escola xa
creou varios espectáculos: Os soños de
Walla, con dirección de Mariana Carballal, Homenaxe a John Cage, coordenado por Ana Serna, Lela anda en bicicleta, con dirección de
Ricardo Solveira, ou A tempestade,
dirixido por Dani Salgado. Nos catro casos, ao contarmos cun elenco conformado
por alumnos e alumnas, moi xenerosos no seu esforzo e implicación, apareceron
moitos problemas derivados da necesidade de compatibilizar docencia e creación.
Por iso sempre quixemos ter unha
compañía para titulados e tituladas, tamén para atender as súas necesidades nese
proceso tan difícil de inserción profesional. En efecto, coidamos que a
existencia dunha compañía, que puidese realizar espectáculos con elencos
numerosos, permitiría crear un tempo e un espazo para que os nosos graduados e
graduadas puidesen:
- Continuar os seus estudos de
posgrao co apoio dunha axuda económica, de xeito que puidesen compatibilizar o
traballo na compañía con esa continuidade de estudos. Son cinco meses de bolsa
e un máster adoita ocupar sete. E a ESAD de Galicia aspira a ter un programa
propio de estudos de posgrao
- Desenvolver proxectos
persoais de investigación, desde un traballo de indagación poética ata unha
tese de doutoramento. Nestes momentos xa contamos con titulados e tituladas que
están a realizar interesantes proxectos de investigación neste último eido e
pronto teremos os primeiros egresados da ESAD de Galicia co título de Doutor/a.
- Seguir ampliando a súa
formación colaborando cos procesos de docencia e aprendizaxe da Escola nos
campos da interpretación, a dirección escénica, a dramaturxia ou a
escenografía.
- Deseñar e organizar o seu
proxecto artístico e profesional e a súa inmersión no sector, co apoio da Escola.
A creación da compañía
permitiría que cando menos un número razoable de titulados puidese contar cunha
bolsa, e no mellor dos casos con dúas, que amais de facilitar o seu tránsito ao
mercado laboral, lles permitise realizar todas ou parte das actividades antes
sinaladas.
O percorrido que imaxinamos e
polo que XAMAIS se debería deixar de traballar, é o propio de calquera institución
superior de formación ou de investigación, nas que existen moi diversas bolsas,
becas e axudas para que os posgraduados poidan desenvolver todo tipo de
proxectos. Por iso, tamén no seu día quen subscribe presentou ante os
responsables da Dirección Xeral de Emprego da Consellería de Traballo a
necesidade de promover bolsas, becas e axudas para facilitar a inserción
laboral dos nosos titulados, do mesmo xeito que acontece noutras ensinanzas
como as universitarias ou a formación profesional, e do mesmo xeito que
acontece noutras áreas de actividade.
En efecto, non se trataría só de
favorecer a realización dun practicum
de inserción laboral desde a Compañía da ESAD (creación, exhibición,
distribución), senón de abrir liñas complementarias en dúas direccións para:
- Os titulados e tituladas que
contando cunha bolsa de traballo decidisen incorporarse a unha compañía como
actor, directora, escenógrafa…, ou a un teatro como directora artística…, e
- Os titulados e tituladas que
xuntando varias bolsas de traballo, e aproveitando os seus Proxectos fin de
Carreira ou Fin de Grao, deciden crear unha compañía propia.
Por iso quen subscribe sempre
afirmou que tiña a aspiración lexítima de converter a ESAD de Galicia nunha
sorte de Bauhaus do Atlántico, en tanto a Escola debería ser unha factoría de
creación e difusión escénica, e por iso tamén, quen subscribe, defendeu que a
ESAD de Galicia contase cunhas instalacións axeitadas para ese propósito, para
que os nosos titulados e tituladas puidesen realizar no centro “residencias de
creación”, “residencias de formación” ou “residencias de investigación”. Por
iso a sede definitiva da ESAD foi concibida como un complexo de tres edificios,
dos que agora contamos co primeiro, quedando aínda por construír dous máis, que
máis cedo ou máis tarde han de chegar.
Estamos pois ante unha política estratéxica, orientada ao pleno desenvolvemento dunha institución educativa como é a ESAD de Galicia. Non cabe operar noutra dirección.
As bolsas,
as becas, as castañas…
Foi a chegada de Manuel Guede ao
Centro Dramático Galego, precisamente, a que permitiu que ese proxecto,
complexo e a medio prazo, que vimos de formular, e que se ocupa da “transición
á vida activa”, poida comezar a facerse realidade. E foi así porque ben podería
ser que o que agora se está poñendo en marcha se deba a vellas complicidades de
persoas que no seu día alentaron a creación mesma da ESAD, como poderían
testemuñar as persoas con responsabilidades na Consellería de Educación cando
Celso Currás era o seu Titular; vellas complicidades tecidas tamén desde o
Consello da Cultura Galega, cando xa falabamos de moitas destas cousas e mesmo
imaxinabamos unha liña de investigación centrada nas maneiras de poñer en
escena os textos de Valle-Inclán.
É necesario que isto se diga,
porque o proxecto que propoñemos non se debe a unha visión “cortoplacista” da
realidade, todo o contrario. O proxecto busca desenvolver novas liñas de
traballo nun escenario novo, ese novo escenario que conta con novos “actores”,
que son eses titulados e tituladas en arte dramática. O proxecto que propoñemos
quere darlle á ESAD de Galicia novas ferramentas para desenvolverse e lexitimarse
como institución educativa, para lograr TODOS os seus obxectivos estratéxicos,
e como exemplo non teño máis que citar ao Yale Repertory Theatre dependente da
Yale School of Drama. Para chegar a onde chegou esa compañía cómpre dar
primeiros pasos e iso estamos a facer, pois todos os proxectos precisan de
tempo para se converter en realidades vizosas.
Por outra banda tampouco debemos
deixar de valorar o feito de que a Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria impulse este proxecto, polo que ten de recoñecemento
da propia ESAD, do seu proxecto educativo e dos seus titulados e tituladas.
Tampouco non deixa de ser curioso, por positivo e sintomático, o feito de que a
ESAD de Galicia, en tanto institución fundamental do sistema teatral galego,
entre a formar parte do Consello Asesor do CDG con Manuel Guede como director,
e non antes, e dese “antes” podería dicir moitas cousas, que algún día escribirei
de vagar.
Becarios e bolseiros existen en
todas partes do mundo, e de feito son unha maneira de fomentar o acceso ao
mundo laboral. Certamente en Galicia hai persoas que pasan do instituto a
asinar un contrato profesional cunha compañía de teatro, pero ese feito non
deixa de ser unha disfunción do sistema, e mesmo unha mala xestión dos
convenios, pois que se saiba ningún titulado en Medicina se puxo a dirixir unha
operación aos dous días de chegar ao Hospital. Hai que facer antes o MIR, que
dura varios anos.
O que estamos construíndo é un
sistema de acceso ao exercicio profesional, e ao mellor estamos a facelo agora
porque é agora cando cómpre facelo, pois é agora cando o concepto de “acceso ao
exercicio profesional” ten sentido, en función dos titulados e tituladas que
adquiren dimensión de profesionais en base a procesos regulados de formación,
como acontece noutros campos de actividade. Se no teatro non acontece así, iso
debe ser motivo de reflexión, pois non é menos certo que nos sistema teatrais consolidados,
estables e sostibles, os profesionais das artes escénicas comezan a ser
profesionais, agás excepcións, en función de procesos regulados de formación.
Historicamente en Galicia as
circunstancias foron outras e nada hai que obxectar ao proceso, senón máis ben
agradecer todo o traballo realizado por varias xeracións de creadores que
loitaron arreo por crear un sistema teatral ex
nihilo, pero ese recoñecemento e agradecemento polo xeneroso esforzo
realizado non debe impedir que nas actuais circunstancias os procesos sexan
outros, tamén polo ben do sistema teatral.
Na CONSTRUCIÓN DUN SISTEMA DE
ACCESO AO EXERCICIO PROFESIONAL temos que operar coas mesmas dinámicas doutros
campos, sexa a enxeñería mecánica, sexa a terapia ocupacional ou sexa a conservación
e restauración de bens culturais. Non me resisto a recoller unha convocatoria
de bolsas do Museo del Prado, que vai na mesma dirección que a proposta que
agora facemos. Pero hai máis, a nosa proposta foi, en boa medida, copiada
doutras propostas similares, doutras bolsas convocadas polo Consello da Cultura
Galega, o Museo Pedagóxico de Galicia, o Instituto da Lingua Galega, o Centro
de Investigacións Ramón Piñeiro, ou de numerosas Orquestras e Fundacións que
promoven o talento musical… Por iso poñer en cuestións a dinámica que nace
agora é poñer en cuestión os procesos de acceso ao exercicio profesional que
lle son propios á inmensa maioría das profesións. E poñer en marcha eses
procesos supón finalmente construír, desenvolver e lexitimar unha profesión,
como tal profesión.
Unha bolsa implica cotizacións á
seguridade social e outras garantías derivadas da actividade profesional, como
se recolle no RD 1493/2011. Pero non está sometida a convenio, nin se
contemplan nos convenios, pois son outro tipo de contratos. Así, cando un
bolseiro de investigación entra nunha empresa de automoción, o seu contrato non
se rexe polo Convenio do Metal, réxese pola normativa de bolsas, becas e
axudas. Non hai que confundir os xatos coas lebres. En Galicia existe un convenio
para o sector teatral, cousa que é de agradecer, pero ese convenio, que tan ben
se está a cumprir por outra parte, non afecta a outras liñas de actuación que
as administracións públicas queiran desenvolver; ora ben, esas liñas de
actuación deben axustarse á normativa vixente aplicable, e no noso caso é o de
bolsas.
Outra cousa son as perversións e
disfuncións que un abuso da política de bolsas poida provocar, e que no noso
caso se evita limitando o número de bolsas a dúas. Dese xeito permitimos que
todos os nosos titulados e tituladas poidan optar ás mesmas, e os elencos se
vaian renovando. Por outra banda, estes bolseiros de creación, ou de
investigación, de ser o caso, contarán cun seguimento e cunha titoría
personalizada, e deberán presentar ao final do período unha memoria de
traballo, vinculada cos procesos de creación e difusión implícitos no proxecto.
Non estamos pois ante un caso de
contratación en precario, senón do desenvolvemento dun programa de transición á
vida activa con carácter formativo no que, en boa lóxica, só poden participar
as persoas que posúen a formación demandada: Título Superior de Arte Dramática,
cursado na Comunidade Autónoma de Galicia.
A importancia da transición á
vida activa é moita nestes momentos, ao punto de que a Unión Europea, que ten
posto en marcha moi diversos proxectos para favorecela (PETRA, LEONARDO,
YOUTHSTART, HORIZON), en breve vai dar a coñecer novas medidas de fomento do
emprego da mocidade, ás que iniciativas como as que agora presentamos, e outras
que desenvolveremos, se van poder acoller, e se van poder financiar. Claro que
para optar a ese tipo de axudas hai que mostrar un breve histórico de
actividades (como fan as compañías de teatro cando solicitan unha xuda, por
certo) e iso mesmo é o que estamos querendo facer: poñer en marcha unha
iniciativa que no futuro nos permita obter fondos europeos. Por iso insistimos
en que este é un proxecto a medio e longo prazo, por moito que se queira medir
cunha óptica reducionista e “curtopracista”.
Conclusión
Son tempos novos, estes que
estamos a vivir no sistema teatral. Esta polémica que agora se desata é lóxica,
e mesmo era inevitable, pois aparece en escena un novo colectivo que reclama o
seu espazo, e ao mellor hai que reinventar as regras do xogo, como se fixo
cando comezaron a saír titulados das Facultades de Xornalismo. A creación dunha
Asociación de Titulados e Tituladas en Arte Dramática (atesadgalicia@gmail.com) era igualmente inevitable
pois son moitas as cuestións que deben presentar, moitos os dereitos que deben
reclamar, substantivo o espazo que deben ocupar en toda a amplitude do sistema
cultural e teatral. Para iso se formaron, coma calquera titulado ou titulada en
Medicina, Xornalismo, Pedagoxía, Maxisterio…
Alguén podería dicir que eses
dereitos non se poden reclamar a “calquera prezo”, e mesmo podería parecer que
con razón, mais acontece que no caso que nos ocupa estamos a seguir a mesma
dinámica, os mesmos procesos que se seguen na inmensa maioría das profesións.
Hora era que no eido das artes escénicas tamén chegasen estes tempos novos para
unha nova profesión.
Velaí as razóns que aconsellan
loitar por un proxecto necesario, máis alá das circunstancias e das valoracións
perversas, pois a razón académica e máis a educativa están da nosa parte. E
seguiremos a loitar na mesma dirección, en defensa da arte do teatro e a favor
da consolidación dun sistema teatral sólido, sostible e plenamente
desenvolvido.
Por certo, “teatrólogo” é aquel
que sabe, pouco ou moito, de teatroloxía, e “teatroloxía” quer dicir “logos”
do teatro.