No centenario de August Strindberg
Un dramaturgo excepcional
MF Vieites
Desde Faro da Cultura
August
Strindberg naceu en Estocolmo en 1849, cidade na que tamén falecería, en 1912,
no ano en que a Academia Sueca lle concedía a Gerhart Hauptmann o Premio Nobel
de Literatura, galardón que o propio Strindberg desexaba, e que recibirá a
escritora sueca Selma Lagerlöf en 1909. Un feito que dá conta da difícil
relación que Strindberg mantivo co seu país e coa sociedade do seu tempo, ante
a que mantivo unha actitude desafiante, feito que o levou a vivir en Europa,
nun exilio voluntario, durante anos. Xornalista destacado e crítico acedo non
refugaba a polémica e mesmo a alentaba, pero tamén era quen de escribir obras
amables, como Hemsöborna (1887), a súa novela máis aclamada, na
que recrea a vida cotiá nun dos arquipélagos suecos, aquel no que se atopa a
illa de Kymmendö.
Strindberg é un fillo xenuíno do seu tempo, e
viviu e padeceu todas as contradicións e transformacións propias dunha época
convulsa, onde os valores asentados se cuestionan e onde novas forzas coma o
feminismo, o socialismo, o laicismo, ou o anarquismo, irrompen nunha esfera
pública chea de polémicas. No campo da literatura estivo marcada polos
tránsitos: do romanticismo ao realismo, e do naturalismo ao simbolismo, ao expresionismo;
modos diferentes de ver e recrear a realidade. Amais de dramaturgo e novelista,
Strindberg destacou como pintor e nun dos seus lenzos, o titulado A cidade, de 1903, podemos calibrar ben
esa dimensión multiforme, chea de claroscuros, da súa obra.
Pois en efecto non deixa de reflectir o que foi
a súa propia vida, pero tamén a súa aventura intelectual, na que transita entre
a pulsión obxectiva e naturalista inicial e unha visión máis subxectiva e atenta
a canto de escuro e irracional pode haber na vida humana. Foi un declarado
admirador de Nietzsche pero tamén de Emanuel Swedenborg, eminente investigador
sueco que sempre se moveu entre a ciencia empírica e o ocultismo. Desa procura
vital que vai de Apolo a Dionisio dá conta o seu desexo de profundar nos
abismos da conciencia, conformando así unha especie de dramática dun eu doente
e ferido.
Aínda que nalgún momento da súa vida declarara
que o seu interese pola escrita dramática non tiña máis motivo que promover a
carreira da súa primeira muller, Siri von Essen, motivo que Per Olov Enquist
recreou en A noite das tríbades, o
certo é que o seu interese polo drama data dos anos mozos, cando intenta
estudar no Teatro Real. Vai ser na súa estadía na Universidade de Upsala onde
comece a súa prolífica obra como dramaturgo e inicie a súa paixón polo pasado e
polo oculto, dúas liñas de traballo que van conformar pezas tan destacadas como
Mäster Olof (1872) ou Ett drömspel (1901), O soño, en galego.
Da súa paixón polo teatro dá conta o feito de
que en 1907 puxese en marcha unha das súas empresas máis queridas, o denominado
Intima Teater, sala de teatro que seguía a pauta dos teatros libres,
independentes, íntimos ou de cámara que abrollan en Europa entre finais do XIX
e comezos do XX. Estaba dirixido por August Falck, e tiña como misión a
presentación de textos contemporáneos. A sala pechou en 1912 e foi recuperada
nos noventa, finalizando o pasado século.
A señorita Xulia
O
título desta peza de Strindberg, unha das máis aclamadas pola crítica, ben que
non fose ben acollida no primeiro momento, define trazos importantes na súa
escrita, sendo un deles os problemas derivados da creba da sociedade
estamental, que adoita verse con admiración, polo aquel da distinción que
acompaña a nobreza, pero tamén con igual xenreira a causa da diferenza que esa
distinción provoca e que adoita derivar en submisión e dependencia, como sinala
Xoán o criado seducido, que lembra como o primeiro conde, un labrego con
terras, acadara títulos e dignidades ao prestarlle a súa muller ao rei, que
estaba de paso.
Strindberg,
autor de Tjänstekvinnans son, en
galego O fillo da criada, parte das
súas propias historias familiares para elaborar esa peza na que a filla dun
conde, nunha noite de San Xoán seduce a un criado, para despois acabar
suicidándose como única saída para a súa impostura, pero tamén recolle a
historia certa de Emma Rudbeck, que logo de seducir a un mozo de cabalos acaba
servindo nun restaurante. Retallos da realidade máus crúa, como quería Zola.
Foi esta obra un dos mellores expoñentes do naturalismo, e conta cun prólogo no
que Strindberg define con precisión esa corrente literaria.