maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 30 de junio de 2012

Gustavo Pernas Cora, novas pezas


Vibrante eloxio de actor comprometido

Tres pezas novas de Gustavo Pernas

MV García



 
Con prólogo, ben interesante por certo, do editor e poeta Miguel Anxo Fernán Vello, Edicións Laiovento, impertérrita malia a crise brutal, vén de publicar un novo volume con textos de Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959), que resultan especialmente relevantes no momento que estamos a vivir, pois no seu conxunto poden ser tomados como metáforas destes tempos aciagos e convulsos que ameazan calquera posibilidade de futuro. A lembranza que fai Fernán Vello dunhas palabras de Piotr Kropotkin, autor daquel libro lido por millóns de persoas, La conquista del pan, explica con verdadeira precisión a esencia destes traballos que conforman un conxunto marcado pola denuncia da opresión, pola crítica da ignominia, e pola esperanza, a pesar de todo.
 
En primeiro lugar, hai que destacar o breve “Manifesto Logomónico” que os precede, e no que o autor, actor e director de escena, fai unha acendida defensa do personaxe, da ficción, do relato, da acción dramática, como o fixeron antes outros homes e mulleres que non se deixaron influír por esa tendencia tan asentada nas teorías da fin (do relato, da historia, do drama….), e que, en boa medida e en tantas ocasións, só agochan unha incapacidade enorme para facer algo máis que xogos baleiros, baleiros de palabras. Gustavo Pernas Cora reivindica así, o logos, e con el a palabra, que o fai posible, pois de momento os seres humanos construímos a experiencia e o mundo con palabras, aínda que outros seres vivos o poidan facer con imaxes.
 
Tamén debemos subliñar a fonda visión crítica da realidade inmediata que ofrece en cada un dos tres textos, e que se pode considerar en dous niveis. Dunha banda abrolla esa sensación permanente de que os seres humanos temos chegado a unha encrucillada na que cómpre recuperar e articular discursos emancipadores, liberadores, humanizadores, fronte á estulticia corporativa que se instala no cotiá. Da outra, estoura esa visión sarcástica do mundo teatral e das súas problemáticas, que son moitas e cunha dimensión cada vez máis terminal, pois como se lembra no manifesto antedito, “aquí e agora o teatro non dá para máis, en realidade cada vez dá para menos”.
 
De igual maneira temos que salientar a defensa manifesta e vibrante do actor e da interpretación, que acaba por ser unha aposta radical por un teatro que se asenta naquilo que o teatro é, se por teatro entendemos ese acto de comunicación entre un actor e un espectador do que falaron creadores do relevo de Meyerhold, Brecht, Grotowski, Brook ou Boal. Unha defensa radical do teatro nun momento especialmente crítico, pois amais da crise sistémica que afecta ao campo, non podemos esquecer visións redutoras do teatral que a miúdo se asentan en simulacros que acaban por celebrar calquera xogo conceptual, contorsión corporal, tránsito espacial, emisión vocal, manipulación de obxectos... Enfrontar un destes textos de Gustavo Pernas Cora implica moito máis que xogar ás ocorrencias, precisa da fábrica e do oficio do teatro.

Finalmente non deixamos de subliñar o feito de que os “logomonos falan en galego”, é dicir, supoñen, nestes momentos incertos, unha defensa da lingua a través dunha das estratexias máis necesarias para a súa preservación e proxección escénica: mostrar e demostrar que tamén en galego se poden escribir textos magníficos para actores e actrices magníficos, solos escénicos cheos de maxia

Tres monólogos
Son Colgados, Pisados, Snakizados, e no uso do plural hai unha clara indicación de que todos temos ou podemos chegar a ter esa condición, que non é privativa deses tres personaxes que nos falan enfiando o texto que lemos. Pois por detrás da “incrible historia de Homesoga, o Colgado de Celeiro”, da peripecia de “Botamán de Melide, o home que falaba cos zapatos”, ou da “delirante invención de Nonhé”, están as nosas propias historias de vida, as pasadas, as presentes e as futuras. Tres textos que fascinan precisamente pola dimensión universal da traxedia que os seus personaxes padecen.

Acerta Fernán Vello ao lembrar as palabras de Castelao, “non vos riades, que o conto é triste”, pois así é a metáfora que Gustavo Pernas nos traslada, sobre todo na última das pezas, Snakizados, onde recrea “o día despois da hecatombe”, e na que abrolla a “fala sincopada dunha criatura no transo de ser ou non ser parida”. Unha “polifonía onomatopeica” que por veces nos fai lembrar aquel texto enorme que James Joyce titulou Finnegans Wake, e que invoca necesariamente o exercicio maxistral dun actor excepcional, como en Beckett. Estamos así ante un vómito de voces en deconstrución, quizais a derradeira cinta da especie (teatral).

No hay comentarios: