maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 27 de abril de 2012

En defensa das artes escénicas



















En defensa das artes escénicas
En defensa da economía da cultura
MF Vieites
 De Faro da Cultura
Sarah Kane e Jasmina Rezza teñen en común o feito de seren as dúas una fonte de divisas para os seus países, pois en moitos lugares do mundo hai espectáculos creados con textos seus que xeran dereitos de autor, e xa sabemos ata que punto os dereitos de autor poden xerar beneficios. Antes delas, Molière, Shakespeare, Lope de Vega, Calderón, Pirandello ou Chékhov, convertéronse en referentes dramáticos a escala universal, e hoxe constitúen un patrimonio arredor do que se tecen moi diversas actividades económicas. A extensión dos estudos hispánicos en países coma os Estados Unidos de América, que xerou tantos postos de traballo e estudos notables, débelle moito a esa manchea de dramaturgos que lle deron tanto esplendor á lingua castelá.
Diso último saben moito en Edimburgo, a cidade escocesa que desde os anos corenta vén organizando naquelas frías terras do norte un festival, o Edinburg Fringe, con tantas artes, que comezou sendo un festival de teatro, e que hoxe constitúe un polo de atracción para o turismo cultural, ao punto de que o dito festival pasou a ser un dos elementos estratéxicos na economía da cidade e da comarca. Outro tanto acontece en Avignon entre xullo e agosto, onde unha auténtica riada humana percorre a cidade, ocupando hoteis, pensións, cámpings, cafeterías, casas de comidas… En Boston cada ano reciben a visita de centos de estudantes de medio mundo que aspiran a estudar no Boston Conservatory, e todas as universidades integradas na Ivy League, agás Harvard, ofrecen estudos propios das artes escénicas e a música. Cómo é posible que o que aquí se ignora, noutros países teña tanto relevo e aprecio?
Pois ben, en 1935 Franklin Delano Roosevelt decidiu impulsar un ambicioso proxecto para reactivar as artes escénicas logo da gran depresión económica padecida pola Unión, no convencemento de que esas artes eran un sector estratéxico da economía do país, e non só da cidade de Nova York. E por iso aquela iniciativa denominouse Federal Theatre Project, o que permitiu que en moitas cidades dos EUA agromasen con forza esas compañías residentes de teatro que hoxe constitúen un sinal de identidade de tantas e tantas cidades, e que exhiben con orgullo. En Nova York, Broadway, con todas as súas variantes, é un poderoso centro económico, polo que produce e polo seu poder de atracción. A tanto chega a economía do espectáculo e das artes da escena nos EUA que a Universidade de Nevada en Las Vegas decidiu poñer en marcha hai tempo unha titulación en Enxeñería do espectáculo.
Co seu habitual pragmatismo, países coma os Estados Unidos de América, Inglaterra ou Alemaña converteron as artes escénicas nun sector estratéxico das súas economías, pois son ben coñecedores de que a creación e a difusión cultural ofrece moitas posibilidades para un desenvolvemento sostible, para crear postos de traballo e para potenciar o benestar da cidadanía, amais de constituír un sinal de identidade con valor universal. Velaí a Royal Shakesapeare Company, o Berliner Ensemble ou o American Ballet Theatre, onde destacou Julio Bocca.
Son exemplos sinxelos que mostran como, en moitos países da nosa contorna xeográfica e cultural, as artes escénicas constitúen un sector especialmente potenciado, polo impacto que poden chegar a ter na economía e pola diversidade de retornos que ofrece á sociedade. O que acontece é que as cousas non xorden da nada, precisan de tempo para callar e de medidas estratéxicas orientadas na dirección axeitada.
Queremos ser europeos
As xentes das artes escénicas en Galicia conseguiron construír, con moi poucos apoios, indicibles carencias e numerosos atrancos, e con moita xenerosidade, un sistema con considerables posibilidades a pouco que se puxesen en marcha as medidas necesarias para facelo sostible. E nese proceso o menos importante son os cartos, todo depende máis ben do país que queiramos construír, e do rol que nese país poida ter unha economía da cultura que aspire a moito máis que a construír grandes contedores carentes de contidos e de sentido. Proxectos e pactos para facelos viables.
Por iso, vai sendo hora de que a clase política deste país, no seu conxunto, tome conciencia de que a acción de goberno debe estar orientada ao servizo público, a facilitar esa converxencia con Europa a que nos obrigan os tratados internacionais subscritos. No eido das artes escénicas, tamén se fai necesario traballar na dirección desa converxencia pois levamos camiño de converternos nunha verdadeira anomalía en Europa, nun auténtico despropósito, corremos o risco de andar na dirección contraria aos demais. Neste país precisamos con urxencia un plan estratéxico para as artes escénicas, pactado cos axentes sociais do sector, para que a todos obrigue e a todos comprometa. Coma en Europa.

No hay comentarios: