maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 27 de abril de 2012

En defensa das artes escénicas



















En defensa das artes escénicas
En defensa da economía da cultura
MF Vieites
 De Faro da Cultura
Sarah Kane e Jasmina Rezza teñen en común o feito de seren as dúas una fonte de divisas para os seus países, pois en moitos lugares do mundo hai espectáculos creados con textos seus que xeran dereitos de autor, e xa sabemos ata que punto os dereitos de autor poden xerar beneficios. Antes delas, Molière, Shakespeare, Lope de Vega, Calderón, Pirandello ou Chékhov, convertéronse en referentes dramáticos a escala universal, e hoxe constitúen un patrimonio arredor do que se tecen moi diversas actividades económicas. A extensión dos estudos hispánicos en países coma os Estados Unidos de América, que xerou tantos postos de traballo e estudos notables, débelle moito a esa manchea de dramaturgos que lle deron tanto esplendor á lingua castelá.
Diso último saben moito en Edimburgo, a cidade escocesa que desde os anos corenta vén organizando naquelas frías terras do norte un festival, o Edinburg Fringe, con tantas artes, que comezou sendo un festival de teatro, e que hoxe constitúe un polo de atracción para o turismo cultural, ao punto de que o dito festival pasou a ser un dos elementos estratéxicos na economía da cidade e da comarca. Outro tanto acontece en Avignon entre xullo e agosto, onde unha auténtica riada humana percorre a cidade, ocupando hoteis, pensións, cámpings, cafeterías, casas de comidas… En Boston cada ano reciben a visita de centos de estudantes de medio mundo que aspiran a estudar no Boston Conservatory, e todas as universidades integradas na Ivy League, agás Harvard, ofrecen estudos propios das artes escénicas e a música. Cómo é posible que o que aquí se ignora, noutros países teña tanto relevo e aprecio?
Pois ben, en 1935 Franklin Delano Roosevelt decidiu impulsar un ambicioso proxecto para reactivar as artes escénicas logo da gran depresión económica padecida pola Unión, no convencemento de que esas artes eran un sector estratéxico da economía do país, e non só da cidade de Nova York. E por iso aquela iniciativa denominouse Federal Theatre Project, o que permitiu que en moitas cidades dos EUA agromasen con forza esas compañías residentes de teatro que hoxe constitúen un sinal de identidade de tantas e tantas cidades, e que exhiben con orgullo. En Nova York, Broadway, con todas as súas variantes, é un poderoso centro económico, polo que produce e polo seu poder de atracción. A tanto chega a economía do espectáculo e das artes da escena nos EUA que a Universidade de Nevada en Las Vegas decidiu poñer en marcha hai tempo unha titulación en Enxeñería do espectáculo.
Co seu habitual pragmatismo, países coma os Estados Unidos de América, Inglaterra ou Alemaña converteron as artes escénicas nun sector estratéxico das súas economías, pois son ben coñecedores de que a creación e a difusión cultural ofrece moitas posibilidades para un desenvolvemento sostible, para crear postos de traballo e para potenciar o benestar da cidadanía, amais de constituír un sinal de identidade con valor universal. Velaí a Royal Shakesapeare Company, o Berliner Ensemble ou o American Ballet Theatre, onde destacou Julio Bocca.
Son exemplos sinxelos que mostran como, en moitos países da nosa contorna xeográfica e cultural, as artes escénicas constitúen un sector especialmente potenciado, polo impacto que poden chegar a ter na economía e pola diversidade de retornos que ofrece á sociedade. O que acontece é que as cousas non xorden da nada, precisan de tempo para callar e de medidas estratéxicas orientadas na dirección axeitada.
Queremos ser europeos
As xentes das artes escénicas en Galicia conseguiron construír, con moi poucos apoios, indicibles carencias e numerosos atrancos, e con moita xenerosidade, un sistema con considerables posibilidades a pouco que se puxesen en marcha as medidas necesarias para facelo sostible. E nese proceso o menos importante son os cartos, todo depende máis ben do país que queiramos construír, e do rol que nese país poida ter unha economía da cultura que aspire a moito máis que a construír grandes contedores carentes de contidos e de sentido. Proxectos e pactos para facelos viables.
Por iso, vai sendo hora de que a clase política deste país, no seu conxunto, tome conciencia de que a acción de goberno debe estar orientada ao servizo público, a facilitar esa converxencia con Europa a que nos obrigan os tratados internacionais subscritos. No eido das artes escénicas, tamén se fai necesario traballar na dirección desa converxencia pois levamos camiño de converternos nunha verdadeira anomalía en Europa, nun auténtico despropósito, corremos o risco de andar na dirección contraria aos demais. Neste país precisamos con urxencia un plan estratéxico para as artes escénicas, pactado cos axentes sociais do sector, para que a todos obrigue e a todos comprometa. Coma en Europa.

jueves, 19 de abril de 2012

Un crime chamado María


Palabras últimas de Jalisco

Ás voltas con crimes vellos

MF Vieites

Jalisco é un dos estados federados que conforman a República de México. Tamén era o alcume con que se fixo célebre José García Peña, aquel home que un día axitou para sempre a vida tranquila dunha pequena aldea das Mariñas dos condes, acabando coa vida de tres mulleres e tentando poñerlle lume a un fermoso pazo que noutrora fora residencia dun senador da Primeira República. Unha daquelas mulleres era María Docampo Ramos, acompañante circunstancial de Castelao en Nova York. A súa historia está aínda por escribir, pero seguramente nunca chegaremos a saber todo canto quixeramos sobre a peripecia vital dunha moza sobre a que se teñen tecido lendas cunha certa nostalxia nacional.
 
Se a peripecia vital, profesional, e mesmo afectiva, de María é cousa que convén a esa haxiografía nacional tan necesitada de mitos, a súa morte, e mesmo a peripecia vital de García Peña, é cousa que convén máis á escena, sobre todo a unha escena que non queira desvelar os misterios senón máis ben mostralos e agrandalos, para desespero do espectador. O personaxe configurado pola opinión pública a finais dos anos corenta, a partir daquel galán mexicano, foi obxecto de varios achegamentos, desde o cine, a novela, e a creación dramática, pois Euloxio R. Ruibal procura o misterio insondable dun home con sede de sangue no texto titulado O son da buguina, editado en 1999.
 
Pasados tantos anos, seguimos sen máis novas de Jalisco, malia diferentes tentativas de deitar un pouco de luz sobre un ser que para uns non deixa de ser un psicópata entolecido polos celos (hai quen di que Jorge Negrete intercedeu por el, e abandonou o cárcere da Coruña moito antes do que afirman os rexistros), mentres que para outros agocha lerias de espías e axencias internacionais.
 
Manuel Guede Oliva, en A función do tequila, tenta ofrecer unha resposta posible a aqueles feitos que conmocionaron a Coruña en 1948 e acabaron coa vida de María Docampo, e que se repetiron en 1976 en As Palmas, cando Jalisco asasina de novo, nesta ocasión á súa muller e á súa filla. Na fin, a pregunta que percorre o texto todo vai orientada na procura dun imposible pois, como nos lembra Edmund Peevy, un dos personaxes do texto, xa non é posible saber quén era en realidade María Docampo. O mesmo Guede admite, na capa do volume, que máis alá dos feitos obvios, por documentados,“queda por saber o resto. Practicamente todo”.
 
Guede converte a García Peña en axente da CIA, e ao facelo, a figura de María cobra unha dimensión enorme, aquela que máis convén a esa haxiografía nacional que nalgún momento quixo facer de Castealo un militante da Terceira Internacional, esquecendo todo canto deixou escrito no seu Diario. A historia deses misterios, que colle a forma dun informe a varias voces, vaise debullando nun longo diálogo, no que García Peña, internado nun Psiquiátrico, apura as súas últimas horas de vida, acompañado de Edmund, vello compañeiro de Axencia, entre grolos de tequila e unha presada de barbitúricos.
 
Esas horas últimas dun personaxe tan atractivo como elemento dramático, o criminal sempre ten máis pulo que a vítima, serven para aumentar os “dominios neboentos” que agochan a figura dunha muller que un día apareceu sorrindo cabo de Castelao en Central Park. Unha historia aínda por facer, que, con todo, algún día ha de chegarnos, para desvelar, en efecto, entre outras cosas, o perfil exacto do seu asasino e as razóns profundas do seu asasinato, pero, sobre todo, para responder esa pregunta recorrente, quen foi María Docampo?

Mulleres na néboa

Manuel Guede Oliva comezou a súa andaina teatral nos tempos de Ribadavia, con aqueles grupos de Ourense que tanto fixeron polo teatro independente, ora con Histrión 70, ora coa Agrupación Auriense. Tamén en Ribadavia presentou os seus primeiros textos ao Concurso Abrente, no que acadaría algún accésit e algunha mención do xurado. Logo viría Caritel, compañía na que se forxaron varias carreiras de éxito, e desde 1991 a 2005 pasou a dirixir o Centro Dramático Galego, onde desenvolve un traballo moi meritorio, sobre todo no plano do desenvolvemento institucional da compañía, para a que consigue a apertura do Salón Teatro como sede propia.
 
Entrementres continúa co seu labor no eido da poesía e no da narrativa, ao tempo que realiza versións e adaptacións con textos de Molière, Shakespeare, Ibsen, Camus ou Aristófanes, traballo no que destaca a súa loita por lle dar á nosa lingua relanzos de nobreza. En 2006 gañou o premio Álvaro Cunqueiro para textos dramáticos con O caso Otero, e cinco anos despois, en 2011, gaña o Premio Rafael Dieste con este texto que vimos presentar. Son, curiosamente, dous textos que, demorando en circunstancias e pretextos moi diversos, queren enfrontar misterios que agochan segredos íntimos de dúas mulleres notables, perdidas por sempre na néboa.

O da foto é J. Negrete... Por aí, por aí hai que indagar