maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 16 de marzo de 2012

Memorias do teatro galego















Xosé Agrelo Hermo ou a paixón pola escena

MF Vieites

Faro da Cultura, Faro de Vigo

A editorial Toxosoutos vén de publicar un volume que recolle una das últimas achegas de Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), quen exerceu a profesión de mestre nas terras de Muros e da Serra de Outes, pero que tamén desenvolveu una grande actividade como animador cultural e teatral na vila de Noia, tendo nacido no lugar de Santa María de Barro, freguesía á que lle dedicou unha monografía. Dese labor cultural incesante, mesmo na recuperación da historia de lugares e das súas xentes, dan conta diversos proxectos editoriais como a revista Barbanza, a editorial que publica esta súa proposta dramática ou os numerosos ensaios de temas locais que dá ao prelo nos últimos anos.

Vai acompañada de dous interesantes traballos, que serven de limiar e de presentación dunha figura pouco coñecida para o gran público, pois Agrelo foi unha persoa que adoitaba facer traballo de base, é dicir, apegado á comunidade, e non procuraba outra arela que o desenvolvemento desa comunidade. Foi un animador sociocultural notable. Xerardo Agrafoxo dá conta dese seu labor á fronte de grupos de teatro fundamentais na promoción do teatro galego nunha ampla bisbarra, entre os que poderiamos lembrar a Talía (1962-66) e Candea (1973-1980), pero tamén a colectivos de teatro infantil coma Agrocovo, Xestruxo e O Xeito. Palabras galegas para un teatro noso co que recuperar o orgullo de termos una lingua propia. Foi con Candea onde desenvolveu un traballo máis permanente, e o grupo era un dos asiduos da Mostra de Ribadavia. O seu nome camiña ao par doutras denominacións coma “O Facho” ou “Abrente”, tan importantes na configuración permanente do sistema teatral, e que xustamente incidían na posibilidade de que o teatro fose una ferramenta de loita contra a longa noite de pedra.

Euloxio R. Ruibal, traza un interesante percorrido pola obra dramática de Xosé Agrelo, autor de pezas tan lembradas coma Noite de Lobos ou O mestre, pero tamén de diversos textos para nenos, coma O espantallo. Unha dramática de intervención para un teatro de axitación en tempos de loita e mobilización: pola lingua, pola liberdade, pola xustiza, pola cultura. Nesa perspectiva temos que analizar o traballo dunha ampla xeira de animadores que en moi diferentes puntos do país desenvolveron proxectos de intervención sociocultural utilizando os máis diversos recursos.

Dicir teatro e dicir Noia, ou Muros, ou Esteiro, é dicir Xosé Agrelo Hermo, e como sinala Xerardo Agrafoxo probablemente moitas persoas da bisbarra escoitasen falar galego como forma de expresión cultural por vez primeira nunha das pezas de Xosé Agrelo con algún dos seus grupos. Pero amais de mostrar na escena textos seus, tamén promoveu a recuperación dun autor de especial relevo, coma Álvaro de las Casas, que fora director nos tempos da República no Instituto Técnico de Noia. En 1974 o grupo Candea estreaba no Liceo de Noia o espectáculo Pancho de Rábade, pero nese mesmo ano tamén presentaba Rexurdimento, texto este de Leandro Carré Alvarellos, outro dos autores relevantes no primeiro cuartel do século XX.

Non queremos deixar de referir nesta nota biográfica necesaria esa paixón de Agrelo Hermo polas historias con color local, pois a historia non deixa de ser unha forma de reconstruír a memoria, tamén a memoria das nosas vidas. Entre eses traballos cabe destacar o que dedica ao balandro Joaquin Vieta, barco que desde 1916 transportaba persoas e mercancías por aquelas rías e que coas súas veas ondeando ao vento de seguro iluminou a imaxinación de moitos nenos e nenas, o mesmo que facía a cotío Xosé Agrelo co xogo do teatro.     

O triángulo escaleno

O teatro amador e o teatro independente propoñían unha maneira de facer na escena pero tamén unha maneira de escribir textos e pretextos. Nesta peza case última que agora nos chega, vemos tamén trazos daquela maneira de construír mundos dramáticos, moi marcada pola precariedade de medios e recursos, pero tamén pola necesidade de subliñar aspectos moi concretos da realidade social. Iso é o que acontecía con Metá e Metá, unha peza dos setenta na que Agrelo Hermo consideraba o drama humano da emigración e de forma directa, e sen retóricas, como gustaba dicir Rafael Dieste, tan amante do minimalismo.

É probable que nesta peza, na que se constrúe un momento fundamental da peripecia humana dun crego con crise vocacional, se deixe sentir a pegada da propia andaina do autor, quen despois de estudar en San Martiño Pinario abandonou a sotana para, despois de traballos varios, dedicarse ao ensino. Sexa como for, temos unha peza que destaca por asumir sen complexos os principios básicos do que se coñece como dramática breve, sendo un dos máis importantes a presentación dun único conflito arredor do que se articula unha trama sinxela, dinámica e suxestiva. Un fermoso divertimento que nos trae a memoria doutros tempos. Un acerto.

No hay comentarios: