maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 21 de enero de 2012

Medieval drama


A arca de Noé

Vedraños dramas medievais

MF Vieites


Na súa magnífica achega verbo da etnografía galega, incluída no tomo primeiro da Historia de Galicia que dirixira Ramón Otero Pedrayo, Vicente Martínez Risco presentaba abundante documentación verbo do que terían sido representacións medievais de signo relixioso, pois en vilas coma  San Xoán de Río ou Quintela de Leirado existían aínda elementos das mesmas. Elementos aínda presentes nas festas de Maio en Laza, onde se conservan personaxes e escenas de antigos autos, coma o de Adán e Eva ou o de Abraham e Isaac. Das representacións vinculadas ao ciclo relixioso, nomeadamente no Nadal, en Semana Santa e no Corpus, aínda quedan en Galicia restos suficientes para acometer unha recuperación coa que por en valor o noso patrimonio teatral e mesmo converter algunhas vilas e comarcas en espazos moi axeitados para un turismo cultural de calidade. Sobran oportunidades, só cómpren recursos, medios e boa disposición por parte das administracións competentes.
O teatro medieval coñece una considerable heteroxeneidade de manifestacións, e no eido do teatro relixioso, continuidade natural do teatro litúrxico, destacan especialmente os milagres, os misterios e as moralidades. Os primeiros tiñan que ver coas vidas dos santos, os segundos recreaban feitos recollidos na Biblia, en tanto que a última das modalidades mostraba alegorías, como aquela que recolle o Doctor Faustus de Christopher Marlowe, no seu acto segundo, onde na primeira escena se presenta un desfile dos sete pecados capitais. Ese teatro relixioso medieval prendeu con forza en toda Europa e foi utilizado cunha clara vontade instrumental por parte da Igrexa, pois nel encontrou un medio de divulgar dogmas, principios e normas, en tanto a representación relixiosa non deixaba de ser a Biblia ou o Catecismo dos iletrados. Non quere iso dicir que non se producisen contaminacións entre o sagrado e o profano, como din as crónicas que acontecía en Muxía, vila na que en 1547 se prohiben as representacións de Pascua por supoñer “burla e aprobio de la Religion”.


En Inglaterra o teatro relixioso medieval non só callou con moita forza, senón que ademais se conservou moita documentación relativa aos textos, ás representacións e ao proceso de preparación e realización das mesmas, responsabilidade que na inmensa maioría dos casos pasou a comezos do XIII da igrexa aos gremios, tendo cada un deles asignado a posta en escena daquel milagre ou misterio que mellor acaese ao seu desempeño profesional. Así, o gremio dos carpinteiros de ribeira era o encargado do Auto de Noé. A cidades inglesas ben coñecidas coma York, Newcastle, Chester, Coventry ou Towenley, temos agora que sumar o Ciclo de Cornualles, representado en córnico, do que se conserva a peza titulada Ordinalia, e que se presentaba en espazos circulares a modo de anfiteatros, ou “Plen-an-gwary”. Presenta o ciclo de Cornualles una notable diferenza en relación con Inglaterra ou Europa, onde as pezas se presentaban en carros e plataformas, que ora permanecían estáticos nunha praza ora percorrían varias rúas. En Kernow, os actores ocupaban o centro da escena co público ao seu redor.

A Universidade da Coruña vén de publicar un volume que contén a peza A Arca de Noé, do Ciclo de Newcastle-upon-Tyne e única que se conserva, e A caída dos Anxos, do Ciclo de York. Unha edición bilingüe da que son responsables Isabel Moskowich, Begoña Crespo e Cristina Mouton Figueroa, autoras tamén das dúas breves presentacións coas que situar os textos nos seus contextos orixinais. Un conxunto ben interesante para coñecermos mellor o que foi o máis grande espectáculo do mundo naquel tempo luminoso que foi a Idade Media.

Galicia, terra de teatro

Malia non termos en Galicia restos escritos que sirvan como proba evidente do cultivo do teatro naquel tempo en que o galego era lingua culta e de prestixio, falada en pazos e moradas reais, hai, sen embargo, numerosas referencias que informan da súa existencia, sobre todo normas episcopais prohibindo a súa celebración. Pablo Pérez Constanti, na súa colectánea, Viejas notas galicianas, editada en 1925, recolleu abundante documentación verbo das representacións que tiñan lugar en vilas coma Padrón, Pontedeume, Pontevedra, Betanzos ou Santiago de Compostela, nos tempos do Corpus. Quedan como testemuño do que foron noutrora representacións, as celebracións de Semana Santa en Fisterra, Ferrol, Vieiro ou Oímbra, e, como xa se dixo, Vicente Risco deu conta da existencia de varios fragmentos de autos en diversas vilas e aldeas do sur de Galicia. Nos anos setenta desde a Escola Dramática Galega, con moi poucos recursos, iniciouse un ambicioso proxecto para recuperar a memoria de todas esas manifestacións, que forman parte do noso patrimonio cultural e histórico. Será por teatro...

   

jueves, 5 de enero de 2012

Isaac Díaz Pardo na lembranza














No pasamento de Isaac Díaz Pardo

MV García

A traxectoria de Díaz Pardo é exemplar, tanto que os neocons non dubidan en convertelo en patrimonio persoal, os mesmos que día a día negan a cultura, a lingua e as ideas que Isaac defendeu. Disto xa alertaba hai moitos anos o pedagogo Michael Apple ao sinalar como unha das características da posmodernidade radica en que os conservadores se apropian da linguaxe progresista.

Isaac foi persoa de relevo no teatro galego, pois non só escribiu e publicou dúas pezas, hoxe esquecidas, senón que colaborou con numerosos grupos na elaboración de indumentarias, escenografías, carteis, e mesmo máscaras. A Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña ofrece información.

Foi un editor responsable e arriscado e desde Ediciós do Castro editou unha manchea de textos dramáticos, estudos e investigacións fundamentais en moitas áreas do saber.

Pero ademais foi un empresario que mostrou na práctica que a cultura tamén crea riqueza e postos de traballo, e xera beneficios que se poden investir en crear e facer país, ora museos ora editoriais.

Era fillo de Camilo Díaz Baliño, a quen fusilaron no 1936 os seguidores do xeneral golpista e traidor á II República, Franscisco Franco.

Isaac representa o mellor de Galicia.