maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 23 de diciembre de 2011

Crónica da desesperanza


Álvaro Cunqueiro na dramática galega


MV García

Exclusiva de Faro da Cultura

A crítica de todo signo coincide en situar a Álvaro Cunqueiro entre os mellores escritores que deu a nosa lingua, tamén considerando a súa obra dramática, moi marcada, coma todo entre nós, polos avatares que levaron ao país da esperanza republicana á desesperanza durante toda a longa ditadura franquista. Cunqueiro soubo acomodarse á nova situación, pero a súa obra seguramente tería sido outra se as circunstancias non afogasen tantas vidas, tamén as literarias.

Unha das características que van definir a escrita dramática de Cunqueiro é a provisionalidade dos seus proxectos, esa dimensión de obra non acabada que atopamos nos máis interesantes e prometedores. Así acontece con Rúa 26, do que nos queda o seu Diálogo limiar, ou con Xan o bo conspirador, do que temos o prólogo. Son textos dos anos trinta, que deixan ver a pegada das vangardas históricas que foran presentadas en sociedade por Guillermo de Torre na súa magnífica  panorámica Literaturas europeas de vanguardia (1925), e que tamén prenden en Galicia na dramática por man de Xaime Quintanilla, con Alén, de Rafael Dieste, velaí O Drama do cabalo de axedrez, ou de Ramón Otero Pedrado, en Tren Mixto, textos publicados entre 1921 e 1929, sendo o primeiro deles o máis transgresor, o que alenta unha ruptura radical.

Neses primeiros traballos, Cunqueiro semella apostar por unha recreación da realidade ben contraposta ás que naquela altura eran as dominantes, e abeirase ás liñas propias do dadaísmo que van derivar finalmente en surrealismo, e que en Galicia tamén eran coñecidas grazas ao traballo de expansión vangardista que se realiza desde a revista Alfar, pero tamén desde Ronsel ou Yunque. Son fragmentos que permiten albiscar a irrupción na nosa dramática dun estilo novo, e a posibilidade certa dunha literatura verdadeiramente nacional fronte a liñas máis rexionalistas ou nacionalistas.


Inacabada tamén quedou Palabras de víspera, da que o seu dramaturgo  nos conta que a “pequena peza ía ser unha peza longa, en tres actos, con muitos cadros”. Quedou en dous en un epílogo, un borrador que recolle os elementos básicos da peza matinada, na que se recrean feitos relativos á peripecia vital dos herdeiros de Fernando I, nomeadamente as relacións entre Afonso e Urraca. Trátase dunha peza de carácter histórico creada despois das anteriores, publicada en 1974 por Editorial Galaxia no libro Don Hamlet e tres pezas máis, agora reeditado como Don Hamlet e outras pezas. 

Contiña aquel volume as que se veñen considerando achegas máis substantivas de Cunqueiro: dunha banda a recreación da figura de Hamlet e das súas incertezas ante a vida e ante o destino, que titulou O incerto señor don Hamlet, e da outra aquela magnifica visión da vixilia humana ante a chegada do amor que coñecemos en A noite vai coma un río. Dous textos que tiveron unha considerable impacto no proceso de lexitimación dunha literatura en lingua galega no momento en que desde as esferas oficiais máis se insistía en que o galego máis que lingua era fala dialectal.

A noite vai coma un río tamén se pode explicar como crónica da desesperanza, pois tal é o estado en que decorre a vida de Inés, agardando a chegada dun amor que xamais virá, que nunca será. Magnífica a escena contida no cadro segundo, no que Dona Ines considera o amor nun longo monólogo que vai debullando mentres pasea cabo de catro manequíns sen cabeza, toda unha metáfora da existencia e das relacións humanas. Un texto cunha singular fondura lírica, cunha enorme forza dramática derivada da espera agoniante que se torna noite, mentres van e veñen as sombras e os soñares.


Sabido é que o Don Hamlet de Cunqueiro vai ser unha recreación nova e ben orixinal do relato que William Shakespeare recolle nas sagas dos pobos que habitaron ou invadiron as terras dos bretóns insulares, ou nas crónicas que recolleron esas sagas. Entre elas está a Gesta Danorum, atribuída a Saxo Grammaticus. Cunqueiro parte da hipótese de que Halmar, o rei usurpador, é o verdadeiro pai de Hamlet. A partir de aí todo colle un novo rumbo, que o noso dramaturgo recrea de forma admirable.

Pero ademais de ser unha mostra magnífica de literatura, Don Hamlet tamén foi no seu día espectáculo teatral, a primeira vez grazas á Asociación Cultural Iberoamericana, con dirección de Antonio Naveira Goday, como lembrou Avilés de Taramancos. Tivo lugar a estrea no Teatro Colón da Coruña un 31 de agosto de 1959, e supoñía mostrar e demostrar que teatro en lingua galega non só era posible senón que tamén podía ser unha manifestación artística de calidade, lonxe do carácter dialectal e costumista co que se quería caracterizar a nosa cultura. Con aquela estrea comezaba a reconstrución do noso sistema teatral. E nesas seguimos, mentres sopra e resoa furioso o vento irado na Galicia.

No hay comentarios: