maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 5 de noviembre de 2011

Voz tremelucente das terras altas


Traballos dispersos 
de 
Afonso Becerra (de Becerreá)

MF Vieites





Hai unha tendencia marcada a fuxir da estrutura habitual da peza dramática, malia que esa estrutura dera excelentes resultados con dramaturgos mesmo tan modernos coma Howard Barker, Sarah Kane, ou Andrea Dunbar, aínda descoñecida. Xa nos primeiros anos do século XX, os futuristas italianos, con Tommaso Marinetti á fronte, propoñían un teatro sintético, capaz de xuntar en pouco máis dun minuto toda a eternidade contida nun instante, mentres os futuristas rusos convertían en arte as ocorrencias xeniais dos latinos. Querían para a palabra unha épica nova, como a querían tamén os simbolistas e as diversas vangardas que andaban camiños novos naqueles anos de tantas experiencias e incesantes balbordos.

Malia os fluxos e refluxos de todo canto se fai por substituía, e con tan pouco acerto, a palabra permanece, pois cando o texto quere ser poema dramático, lírica monologada, ou antífona falada para voces alternas e mesmo monocordes, a palabra non deixa de estar presente, pois con palabras pensamos e dicimos o mundo, por moito que xestos e imaxes acompañen, complemento necesario. Para Beckett, o Act Witout Words foi unha sorte de excepción que confirmaba a norma xeral tan ben explicaba naquela marabilla que titulou Happy Days. Mesmo en Heiner Müller ou en Thomas Bernhard, a palabra non deixa de ser o cemento co que se constrúen as ideas. Entre nós Miguel Sande explorou as posibilidades do poema dramático, pero tamén o fixera moito antes Ramón Otero Pedrayo, nese texto fascinante e case inexpugnable que titulou Rosalía. Wystan Hugh Aden, o poeta inglés, tamén confirmou eses camiños.

Estes textos que agora nos ofrece o dramaturgo Afonso Becerra, recollidos nun volume titulado Dramatículas, con edición de Laiovento, son traballos dunha certa brevidade que mostran un percorrido preciso de achegamento á creación dramática, e, en consecuencia, sosteñen a vontade de estilo dun autor que explora maneiras de contar todo canto bule e rebule na cabeza, deixando ademais que agrome, que estoure por veces, esa voz lírica que todo autor leva dentro. Por iso, quizais, un dos textos que nos ofrece estea dedicado a Jaume Melendres, profesor do Instituto do Teatro de Barcelona, pero tamén polo outro domina o poema dramático, a voz que emerxe dos vales e cantís das terras altas.

Son un total de dez textos de diferente feitura e textura desigual, pois van desde poemas ditos por voces a penas definidas máis alá da simple emisión, a outros diálogos cunha maior dimensión narrativa, e, por veces, reflexiva, coma nese longo epílogo titulado Xuízo, que non deixa de ser unha sorte de mostra histórica de teorías posibles da singularidade do feito teatral, da relación entre arte e realidade, vella liorta na que participan desde Aristóteles a Brecht. Aquí e acola asoma o amor, noutros casos os xogos de poder cos que se conforma a vida, por veces a procura cega e por ende agoniante que guía os nosos actos todos. E por detrás de todas as palabras queda un baleiro enorme, unha sensación de desacougo vital, pero ao mellor tamén nos chega a idea de que xa non quedan moitas cousas que contar; só, tan só, a vivencia inmediata do momento, a emoción que vai esmorecer apenas sentida, o que dá noticia da nosa condición efémera, da fugacidade de todo canto somos, queremos e sentimos.

Textos que, nalgúns casos na mellor tradición da creación dramática posmoderna, pois non todos se abeiran ao modelo, se enfían coas voces que falan, mais sen os referentes habituais dun tempo, un espazo, unha situación, un conflito… Por iso a veces semellan contos, poemas, o balbordo da conciencia, simples lerias de mentes que pensan e debullan en voz alta o pensamento. Exercicios de estilo dun dramaturgo en proceso de busca, pois a escolma que agora se nos ofrece comeza a finais dos noventa e continúa ao longo da primeira década do século XXI.

Acompaña o volume, como abrente moi necesario, unha presentación da poeta e profesora María do Cebreiro, quen, en pouco máis de catro ou cinco parágrafos, noblesse obligue, ofrece a súa visión de todo aquilo que o dramaturgo nado en Becerreá, habitante sempre da montaña neboenta por onde vagan as voces, e os penares de todos nós, nos ofrece neste axeito de encrucilladas, que máis semella libro de poemas.


Como trazo distintivo na conformación da súa voz poética, Afonso Becerra afirma a súa pertenza ás terras de Becerreá, alí onde a palabra, en tantas ocasións, é o sustento case único dun ser humano marabillado e cativado pola fermosura radical da natureza, como o estaban Uxío Novoneyra ou Fiz Vergara Vilariño. Hai en todos eles unha teima reflexiva, tamén unha paixón coral que agroma das moitas voces que acompañan os nosos pasos que queren ser silandeiros ante o poder da antífona natural. Por iso, as palabras non poden ser moitas, só as xustas, as exactas. Minimalismo.

Gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para textos dramáticos con Agnus Patris, pero antes obtivera varios premios de poesía para autores novos, pois neste dramaturgo latexa unha pulsión poética, medio adormecida e un pouco agochada, que, con todo, se libera plenamente nalgunhas destas “dramatículas”. Esa paixón polas letras e pola poesía tamén se deixa sentir no seu traballo como animador dunhas singulares veladas poéticas que cada ano organiza en Becerreá, e nas que, curiosamente, teñen participado poetas do país de recoñecido prestixio, e todo acaba por cadrar.

No hay comentarios: