maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




lunes, 28 de noviembre de 2011

Revista Galega de Teatro



Unha metáfora do teatro noso

MV García


En 1923 Leandro Carré Alvarellos, publicaba n’A Nosa Terra un traballo titulado “A moderna orientación do teatro galego”, no que analizaba o que naquel momento constituía o estado da cuestión nesa práctica artística sempre acariñada e promovida polo movemento galeguista desde os seus inicios. Lamentaba a carencia en Galicia de revistas especializadas de teatro, salientando como en Cataluña naquela mesma altura existían varias, especializadas en promover o coñecemento nese e sobre ese campo de creación e difusión, fundamental en calquera estado moderno. Para exemplos, Alemaña.


Galicia tardaría moito en ter aquela revista que reclamaba Don Leandro, malia que houbo algunhas coma Nós ou Grial que se ocuparon por extenso da actividade escénica. A primeira foi Don Saturio, promovida por Celestino Ledo e Francisco Pillado, entre outros, nun momento en que o teatro galego iniciaba o proceso de construción da profesionalidade. E despois, en Nadal de 1983, chegou o Boletín de Información Teatral, publicado desde Vigo por Antón Lamapereira, xermolo desta Revista Galega de Teatro da que agora nos chega o seu número 68. Son 28 anos de esforzo continuado en defensa da actividade escénica, realizado gratis et amore, coma tantas outras cousas que con extrema xenerosidade se fan na cultura galega.


Foi a principios deste novo milenio cando a RGT iniciou a súa andaina máis produtiva, editando xa catro números ao ano, e incorporando na súa nómina de colaboradores un axeito de persoas novas cun crecente prestixio no campo dos estudos teatrais, sempre coa finalidade de afondar nos contidos e na difusión do coñecemento, fronte a outras iniciativas recentes moito máis orientadas a imitar formatos que buscan xerar galerías de celebridades, rexoubas variadas e crónicas galantes, coma se Galicia fose Hawai ou un paseo de estrelas en California. Contedores sen contido, baleiros; lerias posmodernas.


En todos estes anos, a Revista Galega de Teatro veuse ocupando de temáticas transcendentais na necesaria mellora dun ámbito fundamental nese sector estratéxico da nosa economía e do noso tecido produtivo, como é o da creación e a difusión cultural, que en países que nestes momentos miramos como exemplos a seguir, supón máis do seis por cento do produto interior bruto. Así, nas páxinas da RGT analizáronse cuestións relativas á residencia teatral, á nova dramaturxia, á produción audiovisual, ás redes e aos circuítos de distribución, aos procesos de difusión escénica, ao teatro comunitario, aos festivais e mostras, á formación…, ofrecendo, en moitos casos, alternativas razoadas e razoables para a acción de goberno.


Neste número saberemos de espectáculos relevantes presentados no Festival de Aviñón ou no FITEI de Porto, pero tamén en Cangas do Morrazo, Ribadavia ou Ciudad Rodrigo; de posibilidades novas para que os nosos teatros sexan espazos de creación; da ilusión con que a Asociación Profesional da Danza Escénica Galega enfronta o seu futuro e loita por facelo mellor, e do tratado nas xornadas que sobre as artes escénicas organizou Escena Galega. Todo o que se complementa coas habituais seccións de libros, espectáculos ou axenda; e todo ao módico prezo de cinco euros e medio.


É probable que 2012 sexa o ano de peche da Revista Galega de Teatro toda vez que as institucións públicas renuncian a seguir apoiando un proxecto fundamental no noso tecido cultural. Parece como se os actuais responsables desas institucións tivesen présa, moita présa, por derrubar todo canto se foi construíndo ao longo de todos estes anos, présa por volver ao século XIX, présa porque sigamos sendo una anomalía en Europa. De volta en 1863, haberá que ir pensando nun novo Rexurdimento.


Quizais un dos eidos nos que a RGT deixe unha pegada fonda, sexa na edición de textos dramáticos, unha xeira que comezou en 1992 cunha peza breve de Roberto Vidal Bolaño. Desde aquela foron moitos os autores e autoras acollidos no caderno central da revista, en ocasións recuperando voces coma Bertolt Brecht, Jenaro Marinhas del Valle, Rafael Dieste ou Fernando Osorio Docampo, e noutras presentando en galego a voz de dramaturgos do relevo de Jerónimo López Mozo, Ernesto Caballero, Alfonso Armada, Ignacio García May, Juan Mayorga, Yolanda Pallín, Itziar Pascual ou José Ramón Fernández.

Pero a RGT tamén promoveu a obra de novos dramaturgos galegos, tal que Jacobo Paz, Rubel Ruibal, Afonso Becerra, Santiago Cortegoso ou Vanesa Sotelo, sen esquecer outros xa coñecidos coma Euloxio Ruibal, Manuel Lourenzo, Dorotea Bárcena, Lino Braxe, Xesús Pisón, Xosé Manuel Pazos, Gustavo Pernas, Candido Pazó, Raúl Dans... Neste último número vai un de Eduardo Alonso, Piratas. Un bo exemplo do moito que se traballa no noso teatro, un exemplo de todo o que se deixará de facer. “And all for nothing”, que diría Hamlet.


No hay comentarios: