maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 24 de septiembre de 2011

Loita contra a crise nas artes escénicas












Pensar as artes escénicas…
…en tempos de crise.
MF Vieites
Un artigo de Faro da Cultura


Hai pouco, o Consello da Cultura Galega, consonte o mandato recibido estatutariamente, publicaba un traballo especialmente relevante nestes tempos en que todo semella en proceso de derruba. Reflexión estratéxica sobre a cultura galega é o título dun volume que pon de manifesto a necesidade dunha “nova consideración da cultura” xunto con novas formas de “a xestionar e gobernar”. Súmase este volume a outro anterior, O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia, editado por Víctor F. Freixanes e Alberto Meixide e publicado pola Fundación Caixa Galicia, e os dous constitúen referencias obrigadas para pensar a cultura en tempos de crise e para lograr o que en moitos países constitúe un feito contrastado: a cultura é un sector produtivo fundamental polo seu peso específico no PIB.

Lonxe de ser ese sector habitado por seres pedichóns, dotados de “cellas, can e frauta”, que tanto se denigra entre nós, vai ser unha marca de identidade cun poderoso valor simbólico, e ben identificable nun mundo global. Neses países e nas súas cidades, a cultura constitúe un patrimonio material e inmaterial sobre o que a propia cidade, e o país, se desenvolve e progresa. Difícil sería explicar hoxe o que son as cidades de Edimburgo, Salzburgo, Bayreuth  ou Aviñón sen facer referencia aos festivais que anualmente congregan nas súas rúas a centos de miles de persoas chegadas de todo o mundo. Evidentemente, ningún deses festivais naceu na súa grandeza actual dun día para outro. Son froito dun longo proceso, pero sobre todo da idea de que a cultura é un ben prezado que xera riqueza, traballo e benestar.


Alemaña é o país onde se fabrican eses automóbiles luxosos que conducen con fachenda os nosos empresarios, e nos que viaxan os nosos políticos, pero tamén é o país onde en cada pequena cidade hai numerosas compañías de teatro e danza ou orquestras sinfónicas que causan asombro en medio mundo, ofrecendo un programa de actividades rico e denso que fai que moitos dos que nos visitan, percorran as rúas das nosas cidades preguntándose como atopar un teatro, unha sala de concertos, ou unha sala de danza onde saciar a súa sede de cultura. Curiosamente foron príncipes, duques e outros nobres alemáns, xunto con innúmeros empresarios, os que instituíron primeiro, e validaron despois, esa dimensión oficial da música e das artes escénicas, entendendo que se trataba dun servizo público fundamental no desenvolvemento da nación alemá e das súas xentes. Xusto o contrario do que aquí aconteceu, e acontece, onde a clase dirixente sempre padeceu unha alerxia endémica ante as manifestacións da arte e da cultura.

Salzburgo, Nova York ou Boston son cidades que ano tras ano reciben estudantes chegados de todo o mundo, para cursar estudos de música, teatro, ou danza, nas numerosas escolas que se foron creando co andar dos tempos pero que tamén recibiron un substantivo apoio institucional para seren o que son. Velaí temos o exemplo notable da Julliard School, unha das xoias que acolle o Lincoln Center de Nova York, potenciado pola John Davison Rockefeller III e un importante grupo de filántropos locais. Unha máis, nas imaxes de marca dunha cidade con pouco máis de catrocentos anos. Qué dicir do Boston Conservatory ou da Universität Mozarteum Salzburg? Non hai palabras.

O volume editado polo Consello da Cultura Galega ten a virtude de mostrar camiños e liñas de traballo para que a creación e a difusión cultural neste país poida albiscar ese horizonte necesario para nos converter tamén nós nun país europeo, ben que para que iso sexa así, cómpren numerosos programas de formación e información que nos permitan por en valor o noso, e para abandonar ao mesmo tempo posicións de desprezo ante o propio ou de excesiva compracencia. Ten ademais a virtude de ser un documento elaborado por man común, recollendo achegas importantes de actores e de axentes moi diversos do campo cultural, o que lle outorga riqueza, diversidade e pluralidade. Un documento para facer un país de verdade.


Dicía Ramón Villares, Presidente do CCG, na presentación do volume, que o sector cultural precisa dun novo marco, dunha maneira nova de pensalo e desenvolvelo, de estratexias máis axeitas ao que todos agardamos que sexa, ese “compoñente básico da estrutura produtiva da sociedade actual e non unha ocupación temporeira nun réxime de voluntariado”. Velaí un dos principios fundamentais desa reflexión estratéxica que quere ser programática e propoñente, que esixe mesmo ser acción na esfera pública.

No campo das artes escénicas, o volume sinala con claridade algunhas das directrices sobre as que construír un plan estratéxico específico, para desenvolver un sector cultural que presenta trazos diferenciais, entre os que destaca o feito de non seren as ditas artes industrias culturais nas que os produtos se crean e difunden de forma seriada, malia o que digan en Barcelona ou Quebec. Galicia posúe un enorme potencial para facer do circo, a danza, o teatro, a ópera e outros xéneros escénicos, campos substantivos do bo facer dos nosos creadores, moitos deles emprendedores incansables. Para que iso sexa así, compren estratexias de construción, e non propostas de derruba, de devalo suicida. Bo sería que a nosa clase política e empresarial, e todas as nosas institucións e axentes culturais, botasen un ollo a un documento tan preciso nas diagnoses e tan clarividente nos tratamentos.   

No hay comentarios: