maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 29 de junio de 2011

Lembranza de Daniel Cortezón


O libro dos amigos

MF Vieites


Desde o Faro da Cultura, Faro de Vigo



En outubro de 2009 deixábanos Daniel Cortezón, aquel escritor que en 1956 publicaba en Vigo a novela titulada As covas do Rei Cintolo, e que en 1966 presenta Nicolas Flamel, un texto 1960 co que inicia una longa traxectoria como dramaturgo. Agora chéganos un libro coordinado por Matilde González Gómez e Manuel Valín Valdés, Daniel Cortezón, no que máis de medio cento de persoas, en máis de trescentas  páxinas, ofrecen una visión poliédrica e certamente moi completa de quen foi un dos principais animadores da nosa literatura e da nosa cultura nos tempos en que noite e día eran pedra, como escribira seu amigo Celso Emilio Ferreiro.

Non hai outra intención no libro que sumar testemuños daquelas persoas que, dunha ou doutra maneira, participaron na vida de Daniel. Por iso atopamos traballos de moi diversa feitura, pero en todos eles latexa un profundo amor por un home entregado con paixón á causa da nosa lingua e da nosa cultura, o que non lle impediu escribir textos singulares e importantes en lingua castelá, como a soberbia Crónica del Rey Don Pedro, publicada en 1998 pola Universidade de Murcia. Trátase, en efecto, dun libro dos amigos, de todas aquelas persoas, e hai moitas máis que non están, que en Cortezón souberon valorar o espírito tolerante, amable e integrador do que sempre fixo gala, mesmo nos momentos máis difíciles.

No libro imos atopar traballos de enorme interese para os estudos que a súa obra poida concitar, pois esa mirada plural e tan heteroxénea á súa traxectoria vital, intelectual e artística, ofrece numerosas luces e diminúe considerablemente as sombras que puidese ofrecer unha peripecia marcada pola humildade e polo desexo de situarse nun segundo plano, lonxe dos focos dos medios, mais sempre presto para a cámara dos amigos, e sempre aberto ao saber e ao coñecemento. A nómina e a procedencia das persoas que en agosto de 2002 se suman ao homenaxe que se lle tributa en Ribadeo, dá boa conta de que moitos eran os seus amigos, chegados de vieiros vitais e ideolóxicos moi dispares, como tamén o fai a selección de fotografías incluídas no volume e nas que aparecen persoas e personalidades que conforman un amplo abano político.


Inicia o conxunto unha cronoloxía da que é autora Matilde González Gómez, que foi amiga súa e logo compañeira por máis de quince anos, logo do falecemento da súa primeira muller en 1993. Nese reconto de días e de anos, tomamos conciencia dos moitos ámbitos dos que se ocupou a súa curiosidade intelectual, pois foi un neno case privado de escola e doutros estudos ao ser fillo dun carabineiro que permanece fiel á Segunda República e que, finalizada a Guerra Civil, permanecerá preso entre 1939 e 1944. Tomamos entón conciencia da actividade incesante dun rapazote ao que a ditadura lle tronzou a existencia, mais que, como lembraba Dionisio Gamallo Fierros por volta de 1956, soubo atopar nas bibliotecas o que as escolas non lle puideron dar.

Con esa manchea de testemuños vaise enfiando a vida do noso novelista e dramaturgo, e entre eses traballos podemos destacar as palabras de Carlos Álvarez Lebredo, de Francisco Díaz-Fierros Viqueira, de Xosé Luís Franco Grande, de Jerónimo López Mozo, de Luz Pozo Garza ou de John Rutheford, que dan conta de liñas de pescuda ben interesantes para continuar escribindo historias desta terra e das súas xentes, pois esa era a paixón do amigo Daniel, como xa mostrara naquela fermosa novela titulada As covas do Rei Cintolo, onde a narración oral abrolla coa forza poderosa de todas esas voces que o tempo acubilla nun relato, que elas mesmas fan. O libro está dispoñible na rede, na páxina que a wikipedia dedica ao autor.


Non faltan os testemuños das xentes de teatro, coma o que achega Pepita Pedreira, catedrática xubilada do Instituto de Bacharelato de Ribadeo, no que en 1975 se estrea o espectáculo titulado Nicolás Flamel, ou o da Presidenta da Asociación Cultural Francisco Lanza, entidade que nos anos setenta se sumou ás moitas iniciativas de fomento do teatro afeccionado, que tanta incidencia terían na conformación e proxección dun teatro propio na nosa lingua ou na normalización da nosa cultura.

Gustavo Pernas Cora, tamén dramaturgo, e de Viveiro, fai na súa lembranza de Daniel, a quen chama “alquimista da historia”, unha atinada comparanza da súa traxectoria coa daquel alquimista francés, Nicolás Flamel, ao que Cortezón dedicará unha das súas primeiras pezas. Certamente a vida dos dous foi, como quería Kavafis, longa, rica en experiencias, en coñecemento. Todo un exemplo para os tempos que corren nos que vedraños mitos como os de liberdade e sabedoría comezan a desaparecer. A destacar tamén as palabras de Isaac Alonso Estraviz, Xulio Lago, Gloria Baamonde ou Santiago Sanjurjo.

No hay comentarios: